Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Simposio de Biopsia Líquida congrega a máis de 500 especialistas

Na súa segunda edición, 100 % virtual, abordará desde hoxe a vangarda da oncoloxía de precisión

Santiago. Máis de 500 especialistas participarán durante tres días no VII Simposio de Biopsia Líquida, organizado polo Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) de Santiago de Compostela, que será inaugurado este mércores e desenvolverase nun formato “100 % virtual”.

Segundo informou a organización deste evento, está previsto que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugure a partir das 15.15 horas deste mércores 26 de xaneiro esta VII edición do Simposio Biopsia Líquida, un foro que abordará durante tres días “a vangarda da oncoloxía de precisión”.

Debido á pandemia, o simposio realizarase, do mesmo xeito que xa sucedeu o ano pasado, “en formato 100% virtual”, destaca a organización desta cita.

Os avances en tecnoloxía e biopsia líquida e a súa aplicación aos diferentes tipos de cancro, a integración da biopsia líquida nos comités moleculares de tumores, a urxencia de converxer con Europa en oncoloxía de precisión ou a necesidade de promover unha estratexia nacional neste ámbito representan algunhas das cuestións que se analizarán no foro.

DEBATE E EPIXENÉTICA. Tamén haberá lugar para debater sobre a combinación de biopsia líquida e epixenética ou a implantación de biomarcadores na clínica do noso país, entre outras cuestións.

Ademais do titular de Sanidade, na inaguración deste simposio está prevista a participación do doutor Rafael López, coordinador científico desta cita e xefe de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago; así como a xerente da área sanitaria de Santiago de Compsotela, Eloína Núñez.

O doutor Rafael López advertiu recentemente de que en España “existe unha urxencia nacional de acometer un plan sensato e moderno de implantación da biopsia líquida na oncoloxía”. Por tanto, asegurou que este será un dos asuntos que se aborden no Simposio de Biopsia Líquida, que se desenvolverá, por segundo ano consecutivo, en formato streaming, e con relatorios e mesas de traballo que poderás seguirse de forma virtual desde hoxe até o venres, ou consultarse posteriormente á carta, con todos os contidos grabados e dispoñibles para o usuario.

DIVULGACIÓN E TRATAMENTO ONCOLÓXICO NOS COMITÉS MOLECULARES. Así mesmo, adiantou máis contidos que se van ir desplegando a medida que avance o simposio. O doutor, apuntou a necesidade de España de unirse a Europa no campo da oncoloxía. “A comunidade oncolóxica española necesita converxer con Europa en case todos os aspectos, tanto de organización como de financiamento”. Trátase dunha reivindicación que tamén se efectuará durante o simposio.

A este respecto, no evento divulgarase a situación actual da biopsia líquida na clínica e nos diferentes tumores, así como a integración desta técnica diagnóstica e de axuda á selección de tratamento oncolóxico nos comités moleculares de tumores, que se están empezando a implantar en diferentes hospitais.

Así, o simposio de Biopsia Líquida cumpre, neste 2022, sete anos como un foro de referencia para poñer en valor esta técnica como ferramenta fundamental da oncoloxía de precisión. ECG

26 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito