Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
tradición. O seu día celébrase mañá no marco das Festas do Apóstolo e volve encher a zona monumental dos máis excepcionais atuendos // Dende a asociación compostelá reivindican a recuperación desta antiga tradición TEXTO Samantha Trucios

O traxe galego leva máis de tres séculos vestindo as rúas de gala

“Profundizar nas raíces”. Baixo este lema foi polo que se rexeron os fundadores da actual Asociación do Traxe Galego. Foi en 1995, lembra Pilar Astray, presidenta da entidade, cando mediante a iniciativa dun grupo de persoas que vían como o día da exaltación do traxe “corría perigo de desaparecer debido a ausencia da axuda económica”, puxéronse man á obra co obxectivo de crear unha asociación que loitase pola preservación e reivindicación do traxe. Con gran valentía e, sobre todo, moito esforzo, tomando as rendas dunha situación que unha vez máis volvía deixar de lado o traxe, formouse a primeira xunta directiva da entidade. Se algo hai que apuntar é que tras tantos anos de traballo, como afirma Astray, é “o amor polo noso” o que segue a motivar a súa labor hoxe en día.

Non cabe dúbida de que pór o traxe é viaxar no tempo e é presisamente con isto en mente polo que se creou a asociación, co fin de “presevar o antigo e a tradición”. Se ben é certo que a evolución é máis que evidente, sobre todo nos modos de traballo e na maneira de crear a vestimenta, Pilar Astray sinala que “o obxectivo é sempre mellorar”, mais no que acontece o traxe “trátase precisamente do contrario, de preservar”.

UNHA VIAXE POLO TEMPO. Malia que a estrutura do traxe foise adaptando e cambiando co tempo e conta cunha gran historia e evolución o longo das décadas; o orixinal traxe galego tiña uns componentes que hoxe inténtanse manter. Entre saias, xustillos, dengues, mantelos, camisas... outra Galicia vén á mente, a de antes. Estes son só uns dos compoñentes principais do orixinal traxe. Mentres que os pololos e enaguas, tan chamativos para a mocidade actual, viñeron un pouco despois, arredor do século XIX. En palabras da presidenta da asociación, estas pertencían “ás clases máis adiñeiradas” e era algo que antigamente non se usaba. O que si se empregaba eran “refaixos de lá e de baeta”. “A indumentaria dependía da clase social á que pertencías”, expica Astray, e logo dependía da zona. Inspirándose nas mulleres daquela época que solían ir ataviadas con saias, xustillos, mantóns, dengues, mantelos, e a camisa feita de liño, na asociación optan por honrar a tradición. Por iso, non é de sorprender camiñar polas rúas do casco historico nunhas festas do Apóstolo e traladarse automáticamente á Galicia de antes, nunha marabillosa viaxe ao pasado no que as mulleres, ataviadas co traxe tradicional, levaban panos, trenzas ou cofias e, por suposto, “a cabeza tapada”.

UN GRAN ORGULLO. Alén dos elementos que conforman o traxe antigo, cómpre lembrar a importancia dos tecidos e materais dos mesmos, xa que en definitva, son os que dan forma aos atuendos. Deste xeito, Pilar Astray quiso destacar o gran orgullo que supón para a asociación o feito de facer eles mesmos a súa propia roupa. “Intentamos sempre mellorar e profundizar nas raíces, intentamos que os nosos tecidos e os produtos que usamos sexan o máis naturais posible”, explica. Todas as prendas que fan dende a entidade están basadas nas pezas antigas. Di que sempre intenta sacar patróns desas pezas e “levalas un pouquiño máis alá”. Tamén conta como a situación cambiou na actualidade, xa que namentres antes “comprabamos a tela de algodón ou de tul xa bordadas, agora facemos talleres onde compramos o tul de algodón sen bordar e nós mesmos bordamos as nosas propias cofias e fácemolas nós”. E así con todo, explica: “Para os refaixos de lá, compramos o material e nós facemos os nosos propios a gancho”. Sobre os moitos materiais que empregan para dar forma ao traxe, explica que para cada parte emprégase un tecido diferente. Así, “para camisas, o liño, para os mantelos, dengues e saias, o pano de Béjar, e para os refaixos de baeta, o liño e lá”. Así é o método, apunta a presidenta: “Nós facemos toda a nosa roupa, dende a peza máis interior ata a máis exterior”.

Porén, algo que observou Astray é que co paso dos anos se hai algo que non cambia é o gusto polos bordados. Namentres ela declárase unha leal aférrima do traxe de cotío, xa que nas súas palabras, “fala máis de quen somos e de onde vimos”; o que máis chama a atención da xente son as pezas bordadas. Os dengues e mantelos bordados, por exemplo. “O facemos cun bordado ao aire e isto é o que máis chama a atención”, afirma. A xente de a pé encántalle “un traxe negro, encarnado, bordado ao aire”.

No referente á conservación do traxe, Astray sinala que “conservouse sobre todo a roupa de muller”. Cunha motivación plenamente reivindicativa, sinala que grazas a aqueles que “custudiaron as roupas tan antigas, que o fixeron sabendo o valor sentimental que tiñan”, hoxe contan con estas reliquias das que poden facer un bo uso dando vida a uns traxes que durante moito tempo quedaron no olvido. Son pezas que no seu tempo gardáronse coma“se fosen tesouros” e agora son a razón de ser da asociación que, co propósito de “homexear e visibilizar” o traxe galego, segue a apostar, nas palabras de Astray, por “facer o noso sobre o xa existente”. O contrario acontece ca roupa de home, que foi moito máis difícil de conservar e, polo tanto, replicar.

Cada vez son máis os namorados deste vestiario tradicional e cada ano, no Día do Traxe, así o demostran os composteláns que enchen as rúas para ser partícipes de como a exaltación do traxe é unha tradición que nunca morre nin morrerá.

29 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.