Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O voto que hoxe depositarei na urna

    permanezo na convición, levo xa moitos anos asentado nela, de que no espazo, no territorio que vai dende o río Douro deica o Río Minho, viven os galegos do sur; mentres que no que media entre o Ribadeo e Viveiro deica o noso Río Miño habitamos os portugueses do norte... por dicilo de un modo que se entenda, mesmo que sexa un pouco metafórico de máis, e malia que poida confundir e mesmo irritas non sei se a moitos, pero si a algúns dos que me lean; que lle imos facer, o Río Miño sinala fronteiras estatais, pero non nacionais e moito menos mentais.

    Eu entendo e comprendo o portugués no que me falan e eles entenden e comprenden o galego no que eu lles respondo. E se non é así vou e pregunto. Sucédeme, sucedíame máis ben, nas veces que acudín ó Brasil e comprobei as comúns raiceiras lingüísticas que nos xonguen con independencia das realidades políticas que nos separan e, no caso do Brasil, mesmo das distancias que nos arredan e incomunican facéndoo dun xeito que non é comparable co que nos vencella ós nosos irmáns do norte portugués e do lonxano continente iberoamericano.

    por se alguén se molesta mercede a esta teima que me entrou, direilles que falando como falo un correcto castelán, (o castelán tamén é o meu idioma, o mesmo castelán que coido que han falar vostedes) en ocasións son advertido, por non dicir abordado, porque non entenden que quere dicir iso de que o pan estea reseso, ou que moito me gusta esmagar as pataquiñas do caldo con pan migado. Reseso e esmagar son palabras que non figuran no dicionario da RAE. Con portugués ou co galego deles e co galego ou portugués noso, chámenlle como queiran a cada un deles, tamén pasan cousas así... e non pasa nada. O castelán vencellanos co resto dos españois e o galego fano coa totalidade dos portugueses.

    por iso quizás estea chegando tempo de que, temesiñamente ó comezo e apurando logo ata onde conveña apurar, deberamos ir escribindo nh e troques de utilizar o ñ e de ir botando man do lh en vez de facelo do ll; logo irían vindo, tamén de vagariño, outros cambios que convertesen ó galego nunha variante máis do portugués coa mesma entidade que ten por exemplo o brasileiro. A realidade é a realidade, aínda que algo doa e o galego sexa o pai e maila nai do portugués e por moito que o transcorrer da Historia non teña traído a uns e máis a outros ata eiquí do xeito que acabaramos converténdonos no que somos. As reclamacións, en troques de llas facer ó mestre armeiro, fáganllas a Filipe II como responsable que é de non ter decidido, no seu momento, que a capitalidade de España estivese localizada en Lisboa. A este respecto admítense todas as valoracións, todas as especulacións que queiran. Pero o certo é que a capital española puido estar ubicada en Barcelona, tamén en Sevilla ou en Lisboa e hoxe, pra ben e pra mal, está onde está coido que xa sen remedio.

    o caso é que onte pola tarde regresei de Portugal onde fora pasar un par de gratas xornadas con queridos amigos portugueses e un matrimonio texano de recente entrada na nómina de amigos. Regresei, antes do que pensaba -fíxeno a fume de carozo, pero sen rebasar o límite de velocidade establecido, conste- non levado, pero si traído, pola necesidade de enviar ó xornal o artigo que deixara escrito. Non o atopei no escritorio por moito que o busquei e o rebusquei.

    Faláballes nel da necesidade do noso voto, da comenencia de que hoxe a votación sexa masiva e, mal que ben, situaba o meu voto instalándoo nese eido común que se chama Galicia e necesita o que necesita e eu non lles vou repetir hoxe, estaría mal visto; a maiores e como xa lles advertín, o artigo non apareceu por ningures e entón, a todo filispín, que din os de nación ferrolá anosando, facendo noso, o full speed náutico e británico, a toda velocidade púxenme a relatarlles algunha das consideracións coas que regreso cada vez que vou a Portugal.

    hai máis, claro que as hai, por exemplo as que suxire o trato recibido no Hotel do Minho, ne Vila Meá, xa en Vilanvova da Cerveira, o ben que se come no restaurante Don Julio, a carón del, e mesmo un cartel pendurado no interior dun supermercado. Vense nel as fortes e oferentes mans dun campesiño sostendo nas súas concas unhas patacas que se dirían recén saídas das terras trasmontanas. Está embaixo dunha lenda que reza o que segue: “O que sería e de Portugal sem a produçâo nacional?”.

    Ó coller as curvas de Perros, antes de chegar á miña casa, vin unha leira cultivada, estaba a millo que seica é prácticamente o único que por eiquí se ve. Era a primeira leira cultivada que vira dende que entrara en Galicia. Que será da nosa Galicia sen a produción agrícola propia, coas rías sen apenas peixe, non poucos ríos contaminados, desaparecidas as entidades de crédito propias, as industrias desmanteladas, os asteleiros en mínimos a as xeneracións de rapaces da nosa historia millor preparadas rendendo os seus coñecementos no estranxeiro? Así que volvín repasar o voto que hoxe depositarei na urna. Porque votar hei votar, iso sen dúbida, o mesmo que han facer vostedes.

    11 jul 2020 / 23:34
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.