Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os Bolechas presentan
o conto ‘Máis que Mel’
no Día Mundial da Abella

A publicación incide na importancia destes pequenos insectos no medio ambiente // Está sendo distribuida nos centros de ensino

O colectivo Máisquemel, un grupo de persoas amantes das abellas, presentou onte súa primeira publicación destinada ó público infantil, un conto titulado Os Bolechas–Máis que Mel, editado por Bolanda Edicións. A través deste libro, con formato de guía didáctica, os nenos e nenas poderán achegarse ó interesante mundo das abellas a través dos personaxes dos Bolechas, aprender a valoralas e, polo tanto, tamén a coidalas.

A publicación está sendo distribuida a todos centros de ensino e bibliotecas de Galicia, xunto cunha guía de traballo para profesorado e un caderno de actividades para as crianzas, co obxectivo de que a mensaxe das abellas chegue a todos os nenos e nenas e que poidan seguir aprendendo sobre elas nas escolas e nas súas casas. O equipo do proxecto Máisquemel, que se dedica á divulgación das abellas e da súa labor a nivel medioambiental, social e cultural, ofrecerá tamén aos centros de ensino a posibilidade de continuar adentrándose neste apaixoante mundo das abellas, organizando actividades nos propios centros e visitas a lugares de interese apícola e ambiental.

No acto de presentación da publicación, que tivo lugar onte na Biblioteca Pública Ánxel Casal, participaron os seus promotores, Xesús Asorey e Paula Souto, do colectivo Máisquemel, acompañados polo autor e creador dos Bolechas, o debuxante Pepe Carreiro, que amosou a súa xenial creatividade realizando uns deseños dos Bolechas en directo para o público asistente.

Ademais, estiveron presentes tres das pequenas protagonistas que aparecen no conto acompañando ós Bolechas a través desta viaxe polo mundo das abellas: Ulla, Iria e Roi, tres crianzas de familias con tradición abelleira. Explicaron por que son importantes as abellas aos compañeiros e compañeiras do CEIP López Ferreiro, que asistiron tamén ao acto, realizaron uns obradoiros sobre as abellas e recibiron de agasallo este novo conto dos Bolecha.

O labor de divulgación sobre as abellas dos Bolechas continuará o vindeiro 4 de xuño en Arzúa na xornada Máis que Mel, a próxima cita co mundo das abellas organizada por Máisquemel e a cooperativa Erica Mel. Nela, as crianzas que se acheguen poderán saudar aos seus personaxes favoritos da familia Bolechas e pasar con eles unha divertida mañá, chea de actividades e obradoiros moi interesantes. Toda a información sobre este evento e como participar atópanse no programa adxunto e na web www.maisquemel.gal.

Onte celebrouse o Día Mundial da Abella, declarado como tal polas Nacións Unidas no ano 2017, que ten como obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a importancia das abellas e dos moitos beneficios que nos aportan. “As abellas son indispensables para vida do planeta, xa que son as garantes do mantemento da biodiversidade e da produción de alimento para os humanos grazas a súa función polinizadora”, apuntan desde Bolanda.

Un motivo que debe resultar suficiente para que a sociedade cumpla co deber e a necesidade de protexer estes pequenos e importantes insectos que, xunto co resto de polinizadores, están cada vez máis ameazados pola degradación do medio ambiente. “Esta data é, polo tanto, cada vez máis precisa para que todo o mundo sexa consciente do valor das abellas e poida implicarse na súa defensa e protección”, destacan desde a editorial.

21 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito