Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
José rumbo Propietario e Xerente do Restaurante O Pasaje

“Os empresarios debemos loitar neste momento por un emprego de calidade”

Co seu carácter positivo, e o seu espírito loitador, José Rumbo foi labrando a súa carreira profesional no mundo dos negocios. Nado en Carballo, chegou sendo un cativo a Santiago, cidade onde casou, onde formou a súa familia e onde colleu á renda de varios establecementos, cunha experiencia previa de cinco anos en Venezuela. Dos locais que rexenta, o máis coñecido é O Pasaje, restaurante emblemático da cidade e que lle axudou a ter “unha vida bonita”. Ata o de agora, asegura, “todo foi correndo ben”, polo que agarda “que siga así.

Como recorda a súa infancia?

Recórdoa bonita, na aldea, con meus primos e un padriño que foi coma un pai. Recordo que íamos á escola a Carballo e que xogabamos moito. Alí estiven ata os 13 anos, momento no que nos trasladamos a Santiago porque meu pai tiña o restaurante O Noso. En Santiago seguín os estudos ata terceiro de BUP e xa comecei a traballar. Aos 19 anos casei con Margarita, a mellor inversión da miña vida, e ao pouco marchamos a traballar para Venezuela.

Como levou o feito de ter que marchar para outro continente sendo tan mozo?

A verdade é que foi unha das mellores e máis bonitas etapas da miña vida. Meu pai aconselloume marchar fora, ver outras formas de traballar (di cun sorriso). Alá fun ca miña muller en 1982 e tivemos a sorte de contar coa gran axuda duns coñecidos. Foi una experiencia marabillosa: puiden traballar como camareiro nos mellores establecementos de Caracas e coñecín a Rogelio Cisneros, con quen fixen un máster en empresariais.

Ademais, en Venezuela tivemos a nosa primeira filla, Vanesa, o cal foi un dos motivos para retornar, xa que quería que crecese na cultura española. Agora o que me da pena é ver como está, porque me gustaría ir coas miñas fillas, xa que é un país espectacular.

E ao regresar, púxose a traballar no Noso?

Así é. Viñemos para Santiago e collemos ás rendas do restaurante O Noso. O que trouxen aforrado utiliceino para unha reforma, pero foinos moi ben, froito do traballo e da experiencia que collera en Venezuela, pero tamén porque cadramos cunha época de expansión da cidade e de Galicia. Despois, no 93, compramos o Pasaje, o cal tamén restauramos para tentar que fose un local emblemático de Santiago e toda a comunidade. Durante un tempo levamos os dous establecementos e despois xa quedamos só co Pasaje, onde por sorte, funcionamos, a día de hoxe, durante todo o ano.

Deses clientes que levan tantos anos acudindo ao seu restaurante, que nos pode dicir?

Eles son o motivo máis grande para seguir traballando e seguir loitando. Sempre falo que temos clientes que hai corenta anos xa comían as empanadillas da miña nai e sigo tendo unha relación boísima con eles. Aquí temos moitos clientes amigos. Intento ser amigo deles por respecto e cariño, pero creo que tamén son xeneroso e agradecido. Hai xente á que lle teño tanto cariño como á familia.

Falando de familia, como describiría a Margarita?

Non tería palabras para describir o que é Margarita na miña vida. Teño dúas fillas espectaculares, pero Margarita é o máis grande que hai, dentro do negocio e como persoa. É respectuosa, loitadora, traballadora...teno todo. Eu, pola miña banda, intento que sexa feliz. Vai facer corenta anos do noso matrimonio e levamos trinta traballando xuntos, o cal ten moito mérito. Para iso, fóra do traballo intentamos deixalo a un lado e mantemos a nosa vida normal, separando ben o tema laboral da vida matrimonial.

Volvendo a súa faceta empresarial, ademais da restauración tamén conta con incursións noutros sectores?

Sempre quixen diversificar o negocio polo que despois de mercar o Pasaje metémonos no tema das tendas. Tamén temos uns apartamentos na Fonte das Hortas e agora montamos unha empresa de enerxías renovables, chamada Lumiled, que se dedica a un tema ao que lle vexo moito futuro.

Como está a notar a crise actual neses diferentes sectores?

No Pasaje, imos sobrevivindo. Na Cesta, igualáronse as vendas porque Carlos, o socio, é un fenómeno, con capacidade de traballo e honestidade, e tamén porque nos orientamos moito cara á xente da cidade, cos mellores viños e conservas galegas e coa variedade máis grande dos nosos queixos. Despois, nas de agasallos, é onde se nota máis a situación actual, porque veu pouca xente e a que o fixo chegou moi xusta de diñeiro, aínda que temos esperanzas de que o ano Santo axude a arranxar esta situación. E por último, no tema hoteleiro, a ocupación caeu bastante.

Con todo, pola súa forma ser, seguro xa está buscando fórmulas para reinventarse...

Son dos que pensan que desta situación van quedar cousas positivas. Imos sufrir todos, porque a sociedade empobreceuse e ten medo, pero temos que loitar e reinventarnos.

Os empresarios debemos loitar agora, máis se cabe, por un emprego de calidade, porque se é certo que se destruirán postos de traballo, tamén se crearán outros e non debemos repetir erros, senón apostar por una sociedade máis rica e máis inclusiva.

momentos

1 Santiago. Nado en Carballo, con 13 anos veu para Santiago, acompañando a seu pai, propietario do restaurante O Noso.

2 Margarita. Casou con ela con 19 anos e teñen dúas fillas. Ademais de levar case corenta anos de casados, tamén traballan xuntos.

3 Venezuela. Do 82 ao 87, xunto á súa muller, estivo traballando como camareiro en Caracas. Alí naceu a súa primeira filla.

4O Pasaje. Mercouno no 93 e fíxolle unha remodelación para convertelo nun local emblemático de Santiago e Galicia.

5 Portugal. No país veciño aproveita para relaxarse durante as fins de semana.

6 Afeccións. “Gústame pasear, quedar cos amigos, a festa e ir ao mar. Teño un pequeno barco cun amigo co que saímos a pescar. Agora tamén teño tempo para ler”.

04 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.