Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os Ramiro Carregal de oncoloxía poñen o foco na importancia da investigación científica

Xosé Bustelo recibiu o Premio Internacional polo seu labor no coñecemento da orixe do cancro // César Serrano recibiu o de Talentos Emerxentes polo seu traballo en sarcomas // Feijóo indica que a Xunta segue apostando pola prevención

SANTIAGO. Os doutores Xosé R. García Bustelo e César Serrano García recolleron este xoves en Santiago de Compostela os premios de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal correspondentes ao pasado ano e cuxa entrega tivo que ser atrasada a causa da pandemia. Nunha gala marcada polas medidas sanitarias vixentes, ambos os premiados destacaron o “esforzo” e a “aposta polo mecenado” do empresario galego. Ramiro Carregal, pola súa banda, asegurou sentirse dobremente feliz neste acto “pola difícil situación que vivimos e polas persoas que foron premiadas: César Serrano, un doutor aínda moi novo e cunha prometedora carreira, e o galego Xosé Bustelo, un dos investigadores máis relevantes do momento no ámbito oncolóxico”.

Antes de proceder á entrega de galardóns, Rafael López, presidente executivo do xurado, deu lectura ao fallo e relatou os méritos que fixeron aos premiados acredores de tal honra. No caso do doutor Bustelo, gañador do IX Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica, dotado con 20.000 euros, López destacou a “enorme transcendencia do seu traballo no ámbito da investigación oncolóxica, pero tamén outros aspectos da súa carreira, o seu labor de xestión de iniciativas científicas cooperativas e a mentorización de persoal científico”.

Xosé Bustelo (Padrón, 1962) é actualmente vicedirector do CIC de Salamanca, profesor no CSIC e científico principal no Centro de Investigación Biomédica do Cancro (Ciberonc). Na súa intervención agradeceu o premio ao Comité Científico e “en especial” a Ramiro Carregal: “É, desde logo, un exemplo para seguir non só polo financiamento deste premio senón tamén porque o fortalecemento do sector de I+D+i do noso país debe vir da necesaria colaboración entre o sector público, a empresa e as asociacións dos pacientes”. Bustelo salientou a importancia da investigación preclínica que permite coñecer os procesos patolóxicos que median a aparición e progresión maligna dos tumores e que, ao final, levan ao desenvolvemento de novas terapias e ferramentas diagnósticas. “Sen esa investigación, non se tería producido o incremento tan significativo na supervivencia e a calidade de vida dos pacientes con cancro”, sinalou. Os avances obtidos no coñecemento da orixe do cancro permitiron contar con novas terapias e están a cambiar tamén a forma de tratar os pacientes: “A partir de agora cada vez será máis necesario o uso da medicina personalizada para adecuar as terapias ás alteracións xenéticas que posúe cada paciente”.

Retos pendentes

A pesar do que se avanzou, Xosé Bustelo destacou que existen problemas aínda pendentes tanto desde o punto de vista científico como clínico. “O reto é aumentar as taxas de supervivencia dos pacientes con cancro desde o 55 % actual a polo menos a un 75 % durante esta década. É o obxectivo que nos expuxemos tanto os investigadores como as asociacións de pacientes” e isto, sinalou, “só se poderá facer a través de tres cousas: investigación, investigación e máis investigación”.

Tamén destacou que, para que Galicia e España teñan un papel relevante neste campo, “necesítase acabar dunha vez co infrafinanciamento da ciencia no noso país. Non se pode gañar unha carreira de Fórmula 1 cun 600”. Solventar este punto, indicou Bustelo, esixe un financiamento adecuado e estable no tempo, crear centros de investigación integrada nesta patoloxía, favorecer a innovación empresarial e eliminar a burocracia que afoga aos investigadores do noso país”.

Apoio á investigación de sarcomas

O campo de traballo do equipo que lidera César Serrano, Premio Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica, desenvólvese no ámbito dos sarcomas, “unha enfermidade infrecuente para a que un recoñecemento deste tipo é sempre un raio de esperanza”, segundo sinalou o premiado, quen quixo compartir o galardón “cos pacientes con sarcoma e cos seus familiares, e tamén cos médicos e investigadores dedicados a esta patoloxía”. Así mesmo, o galardoado agradeceu que se recoñeza “o esforzo e paixón que poñemos toda a mocidade que realizamos investigación en cancro en España. Seremos, de aquí a poucos anos, a próxima xeración de científicos deste país, e este premio facilita, sen ningunha dúbida, o camiño cara a ese futuro tan próximo”.

O doutor Serrano, oncólogo médico no Hospital Universitario Vall d`Hebron, explicou o traballo desenvolvido polo seu equipo nos últimos anos na investigación en sarcomas, tanto clínica como traslacional e destacou algúns dos logros conseguidos, como “a aprobación internacional de dous novos fármacos; o ser capaces de implementar ideas do laboratorio na clínica, como dous ensaios clínicos en pacientes que naceron no noso grupo nos últimos 5 anos; e a xeración de modelos de laboratorio de múltiples tipos de sarcoma”.

O labor de ambos científicos foi posto como exemplo de traballo en prol da sociedade tanto polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen pechou un acto que foi retransmitido en streaming para facilitar a asistencia de quen non puido estar presente no Hostal polas restricións de aforamento. No desexo de todos está retomar a “normalidade” o próximo ano, coincidindo co décimo aniversario do Premio, unha edición que ten aberto xa o prazo de presentación de candidaturas.

O titular do Goberno galego asistiu esta tarde á entrega do IX Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal e do II Premio Ramiro Carregal a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica

A XUNTA SEGUE APOSTANDO POLA PREVENCIÓN

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este xoves que a Xunta seguirá apostando pola prevención, a detección precoz e a innovación para avanzar na loita contra o cancro. Durante a entrega do IX Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal e do II Premio Ramiro Carregal a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica, Feijóo destacou algunha das medidas postas en marcha na Comunidade nos últimos anos como os programas de detección precoz de cancro de cérvix e de cancro colorrectal, ademais do de cancro de mama.

Así mesmo, recordou as melloras implantadas nas fases de diagnóstico e tratamento, coa creación das vías rápidas para atender a pacientes sospeitosos dunha patoloxía grave en menos de 15 días; ou coa aprobación do decreto de garantías de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias, un texto que asegura a atención hospitalaria programada e non urxente nun prazo de 60 días para intervencións cirúrxicas e de 45 días para as primeiras probas diagnósticas. Sobre este último punto, resaltou que ata xuño deste ano máis de 36.000 galegos beneficiáronse desta garantía.

En relación á aposta pola innovación, Feijóo resaltou a instalación de sete robots cirúrxicos Da Vinci de alta precisión e confirmou un investimento de 2,5 millóns de euros para a posta en marcha do primeiro centro de produción de medicamentos CAR-T na Comunidade, para producir fármacos destinados a terapias celulares; así como o obxectivo de incorporar ao sistema sanitario galego a protonterapia para o tratamento de tumores sensibles. O presidente da Xunta concluíu referíndose á excepcionalidade destes premios tanto pola vocación filantrópica de Ramiro Carregal como polo talento e o compromiso dos premiados, reflectidos nas súas achegas ao coñecemento.

09 sep 2021 / 20:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.