Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Óscar Rapado, galardoado pola mellor tese doutoral de España no ámbito da saúde

A Real Academia de Doctores destaca a súa contribución no coñecemento de novos biomarcadores na oncoloxía de precisión

O investigador do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), Óscar Rapado González, acaba de ser recoñecido pola Real Academia de Doctores de España (RADE) co premio á mellor tese doutoral no eido das Ciencias da Vida e a Saúde polo seu traballo ao abeiro do grupo Oncomet dentro do Programa de Doutoramento de Ciencias Odontolóxicas da Universidade de Santiago (USC).

Baixo o título de Liquid Biopsies for Precision Medicine in Colorectal and Head and Neck Cancers: Saliva and Blood Biomarkers , desenvolve unha investigación que identifica por primeira vez novos marcadores xenéticos e epixenéticos con utilidade clínica en pacientes con cancro colorrectal e de cabeza e colo empregando mostras fluídas minimamente invasivas coma o sangue e non invasivas coma a saliva.

Os resultados obtidos en todas as liñas de investigación abordadas na tese depararon contribucións significativas que permiten avanzar no coñecemento de novos biomarcadores no campo da oncoloxía de precisión.

O interese destas achegas ven probado pola súa publicación en revistas científicas de primeiro nivel, así como pola súa presentación en varios congresos internacionais.

No cancro colorrectal realizouse unha caracterización pioneira dos microARNs presentes na saliva de pacientes con esta patoloxía, identificándose un panel formado por cinco microARNs con potencial diagnóstico para detectar esta enfermidade a través da saliva, o cal representa unha novidosa estratexia na detección desta enfermidade tumoral sen provocar ningún malestar ao paciente durante a toma da mostra.

No cancro de cabeza e colo, a investigación centrouse na caracterización molecular non invasiva desta patoloxía tumoral a través de diferentes aproximacións moleculares que buscan mellorar o manexo clínico. As liñas de investigación no cancro de cabeza e colo foron a análise de mutacións somáticas no ADN da saliva e do sangue, a identificación de marcadores de metilación no ADN da saliva e a caracterización do tamaño dos fragmentos de ADN fóra das células da saliva.

A investigación do ADN libre circulante no sangue permitiu demostrar a capacidade deste biomarcador para reflexar o perfil de mutacións no tumor en pacientes con cancro de cabeza e colo avanzado, o cal supón una evidencia máis do potencial de detectar e monitorizar mutacións clinicamente relevantes durante a evolución da enfermidade dunha forma pouco invasiva.

Outra innovación da súa tese consistiu na caracterización por primeira vez do ADN libre de células da saliva nos pacientes con cancro oral e individuos sans.

directores da tese
Do IDIS e o Grupo Oncomet

···A tese de Óscar Rapado estivo dirixida polos doutores María Mercedes Suárez Cunqueiro, do IDIS e profesora na área de Estomatoloxía da USC; Laura Muinelo Romay, responsable da Unidade de Análise de Biopsia Líquida do IDIS, e Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do CHUS. A parte experimental foi realizada no grupo Oncomet do IDIS, e tivo a colaboración do Vall d’Hebron, Instituto de Investigación (VHIR), onde Rapado realizou unha estancia formativa. O seu traballo recibiu financiamento da Fundación Eugenio Rodríguez Pascual, da Xunta e do Instituto de Salud Carlos III, así como da campaña de micromecenado para o estudo da biopsia líquida promovida por Oncomet.

07 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.