Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pandeiretas e audiovisual con selo picheleiro para festexar as Letras

    Os roteiros literarios que se están a celebrar estes días con motivo da Ascensión ou a entrega de mañá dos Premios Follas Novas dan boa conta de que a celebración das Letras Galegas está cerca. Será o vindeiro luns, o día no que a cultura e a lingua toman máis protagonismo ca nunca. Pese a meses de pandemia nos que o sector foi duramente castigado, e que agora recupera os proxectos gardados no caixón. Para conmemorar o día grande da nosa lingua, traemos os rostros picheleiros que aportan calidade e innovación á cultura común. É o caso de Ailá, que vén de estrear o seu primeiro disco. Xotas, muiñeiras, pasodobres y valses forman o primeiro traballo profesional do grupo formado por Xan Pampín, Ángela Carou, Manuele Pardo e Abel Gañete. A banda compostelá, fraguada nas noites de foliada na Casa das Crechas e representante de Galicia no Festival Celtic Connection 2020, publicou un álbum que propón achegar ao público unha óptica moderna da tradición oral.

    En clave audiovisual, ninguén mellor que Alfonso Zarauza como representante do cinema con base na capital galega. Cunha coidada selección de exteriores e con historias baseadas en experiencias persoais, o seu último filme, Ons, foi elixida mellor película nos Mestre Mateo 2021. Cunha historia de amor e soidade, Zarauza trasladounos a un escenario inmellorable que se converteu nun personaxe máis da película. Agora, atópase en plena rodaxe de Malencolía, no Carballiño.

    A actriz colombiana Camila Bossa, galegofalante e afincada en Teo, dá boa conta da transformación do panorama audiovisual. De vela en series antigas da TVG como Mareas Vivas ou As leis de Celavella, agora dá o salto as plataformas como Movistar ou Netflix, nas que o galego vai moito máis alá das nosas fronteiras. Cunha mirada e movemento de mans que desbordan expresividade, a actriz aproveita as Letras Galegas para trasladar unha mensaxe de apoio ao audiovisual galego e de necesidade de mellorar as condicións laborais dos intérpretes.

    14 may 2021 / 23:51
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito