Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pequefilmes chega ao Gaiás con 65 curtas para os máis cativos

A Cidade da Cultura acolle o 28 e 29 de xaneiro a sétima edición do festival internacional infantil

Volve a Santiago o festival internacional de curtametraxes infantís Pequefilmes, que engloba unha selección do mellor cine dirixido ao público miúdo máis esixente. Así, a sétima edición acollerase na Cidade da Cultura, onde se proxectarán un total de sesenta e cinco obras procedentes dunha vintena de países, e na que teñen cabida todos os xéneros e estilos, na fin de semana do 28 e 29 de xaneiro.

Con Pequefilmes, a Xunta consolida a súa aposta por ofrecer contidos audiovisuais de calidade desde idades temperás, fomentado o gusto polo cinema e o espírito crítico das nenas e nenos, que son os encargados de elixir cos seus votos as tres mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.

Nesta sétima edición, as proxeccións distribúense en dúas seccións por idades: Vagalumes, para as pequenas e pequenos de 0 a 3 anos de idade, e Vacalouras, para os maiores de 4 anos. As proxeccións serán na Biblioteca de Galicia e as entradas poden adquirise xa en Ataquilla e no Museo Centro Gaiás, a un prezo de 3 euros por sesión.

A sección Vacalouras poderase ver tamén en liña a través da plataforma Festhome na mesma fin de semana do festival, para facilitar que público de todo o país poida disfrutar da programación que se ofrece.

UN CINEMA PARA OS MÁIS ESIXENTES. Entre as curtas que se poderán ver no Gaiás hai pezas seleccionadas e premiadas nos festivais máis importantes do mundo, como a francesa The soloist, distinguida na última edición do Festival Clermont-Ferrand e no Stuttgart Trickfilm Film Festival, ou a británica Cat & Moth, premiada en festivais de Asia, Reino Unido, Canadá, Francia e Chipre, entre outros.

Mora Mora e The turnip, gañadoras nos Indie Cinema Awards, ou a norueguesa I’m not afraid, premio do público no Heilbronner Kinderfilmfest e mención especial no Festival Ojo de Pescado en Chile, son outras das cintas destacadas que compiten nesta edición.

Ademais, un total de trece curtas españolas participan en Pequefilmes 2023, como El sueño de Quino, inspirada nas viñetas do creador de Mafalda, ou Cole Krsuá, filme de stop motion dirixido por David Castro e escrito por el e Mario Larrá xunto con tres nenos.

OBRADOIROS DE ANIMACIÓN. Pequefilmes chega á capital galega pisando forte e, tras dous anos, recupera unha das actividades máis demandadas polas familias: os obradoiros de cinema para a cativada. Nesta ocasión, as pequenas e pequenos maiores de cinco anos aprenderán en que consiste a animación go motion coa rodaxe dunha peza na que eles mesmos serán os protagonistas. Esta técnica, baseada no fenómeno da persistencia retiniana que deu orixe ao cinema, baséase en fotografar modelos en movemento para despois animalos empregando diferentes frecuencias de fotogramas.

O cineasta e guionista Marcos Nine, responsable de pezas como Radiografía dun autor de tebeos, director artístico do festival Cinema Crianza e programador da sección infantil da Mostra de Cinema Etnográfico MICE Petís, será o encargado de impartir os obradoiros os días 28 e 29 de xaneiro.

Todos os interesados en participar nos obradoiros poderán mercar a entrada (3 euros mais gastos de xestión, que inclúe á nena ou neno e a unha persoa adulta que deberá acompañalo durante a actividade)en Ataquilla e no Museo Centro Gaiás, ou na billeteira da Biblioteca de Galicia no mesmo día de cada obradoiro.

FÓRA DE CONCURSO. Co obxectivo de apuntalar a súa difusión e crecemento internacional, o festival infantil de curtametraxes da Cidade da Cultura inicia en 2023 unha nova colaboración co IndieJúnior do Porto. Como convidado nesta edición, o IndieJúnior programa no Gaiás dúas sesións coas curtas máis destacadas proxectadas nos últimos tres anos na cita portuguesa, unha das máis importantes de Europa dedicada ás novas audiencias.

Esta nova alianza súmase á que Pequefilmes mantén desde os seus inicios co Clermont-Ferrand, que permite traer a Galicia unha escolma das mellores curtametraxes que pasaron por este prestixioso festival. Ambos programas especiais, IndieJúnior e Clermont-Ferrand, son de balde previa retirada de entrada en Ataquilla, no Museo Gaiás ou o mesmo día das proxeccións na Biblioteca de Galicia. O festival conta tamén coa colaboración de GADIS, que patrocina o premio do público que outorga o festival de 500 euros. O primeiro premio é de 1000 euros e 300 euros para a terceira curtametraxe máis votada.

cita imperdible
Os nenos son os protas

··· Haberá dúas seccións por idade: ‘Vagalumes’ para nenos de ata 3 anos e ‘Vacalouras’ para os maiores de catro.

··· Proxectaranse un total de sesenta e cinco curtametraxes de diversos estilos e xéneros.

··· As curtas poderán verse na Cidade da Cultura e en liña, a través da plataforma Festhome, na fin de semana do 28 e 29 de xaneiro.

··· A cativada poderá aprender a técnica de animación de ‘go motion’ nos obradoiros de cinema.

15 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.