Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Percorrido pola figura de Díaz Pardo e o seu compromiso coa memoria galega

O novo libro de Xosé Ramón Fandiño afonda na lealdade de Isaac coa terra e na súa capacidade de traballo // “A utopía rematou cando, a golpe de usura, o botaron de Ediciós do Castro e de Sargadelos, e fagotizaron toda a súa obra”

Lealdade e capacidade da traballo. Ambas características son as primeiras que cita o escritor Xosé Ramón Fandiño antes de afondar na figura de Isaac Díaz Pardo, que protagoniza o seu último libro Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso, editado polo Concello de Santiago. “É resultado final de traballos previos que me induciron a afrontar a biografía completa e posiblemente definitiva deste polifacético artista”, explicou Fandiño onte durante a presentación do libro.

Este traballo concretouse ao longo de 2020, ano no que se conmemorou o centenario do nacemento do intelectual, que morreu tal día coma hoxe nove anos atrás. Fandiño, que formou parte do Instituto Galego de Información, fundado por Díaz Pardo, explicou que o título do libro “está suxerido pola lealdade inquebrantable que Isaac lle profesou durante toda a súa vida ás utopías republicanas e galeguistas nas que se educou”. E incidiu no concepto de xustiza que tiña Díaz Pardo: loitando pola dignidade e cun gran compromiso ético nas súas empresas.

Para coñecer a orixe de todo o que deixou Díaz Pardo en Galicia, co Laboratorio de Formas como pedra angular, hai que remontarse á súa xuventude co seu pai, Camilo Díaz Baliño: o seu guía. E Baliño relacionábase con outros intelectuais como Ánxel Casal ou Castelao. Con 15 anos, Isaac implicouse activamente na campaña do Estatuto de Autonomía de 1936 e fíxose “moito máis radical que o seu pai e o círculo deste”, explica Fandiño. O autor rememora como anécdota o momento no que Pardo, membro das Xuventudes Socialistas Unificadas, chama reaccionarios ao pai, a Casal e a Castelao, quen murmura “vaia co rapaz”.

O seu convencemento político levouno a estar procesado varios anos por apedrear unha farmacia do matrimonio que fundou a sección da Falanxe en Compostela, Víctor Muñoz e Ottilia Ulbricht. Todo en resposta ao apuñalamento sufrido por un compañeiro de Isaac. Máis tarde, xa nos tempos da ditadura franquista, Díaz Pardo recibiu unha proposta do réxime que considerou indignante e que lle fixo abandonar a pintura profesional. Franco quería que decorase os muros do Valle de los Caídos. O episodio está contado por Díaz Pardo no texto O meu cabalete.

As Ediciós do Castro, o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside ou Sargadelos foron a cima do seu proxecto para a recuperación da memoria histórica en Galicia baixo o paraugas do citado Laboratorio de Formas. O libro de Fandiño percorre as súas historias así coma o momento no que remata o soño. “O último capítulo fala sobre o final da utopía, cando a golpe de usura o apartan de Ediciós do Castro e de Sargadelos, e fagotizan toda a súa obra”, explica o autor. “Remata así o espírito de posta en valor do pasado común co que naceran esas empresas”, engade Fandiño. Ocorreu en 2006, seis anos antes do seu falecemento.

Picheleiro
Infancia na rúa das Hortas

··· Díaz Pardo aprendeu a ler sobre os brazos do seu pai na Casa da Tumbona, no n.º 37 da rúa das Hortas. Alí, onde Camilo Díaz Baliño tiña o seu taller, o intelectual galeguista tamén adquiriu conciencia e compromiso gracias ao seu proxenitor e as amizades deste: Ánxel Casal ou Rodrí-guez Castelao.

··· Castelao, sabedor do talento de Isaíño, como el lle chamaba, encargoulle a reprodución dun par de debuxos para a campaña do Estatuto de Autonomía do 36. Na súa conciencia galeguista foi fundamental o ambiente que viviu na casa, en Compostela, dende pequeno. Con 16 anos, tivo que refuxiarse na Coruña tras o asasinato do pai no 36.

05 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.