Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Poetry Slam: a poesía máis viva

Reunións que teñen como motivo a celebración dun evento poético agora marcadas pola lonxanía que trae consigo a pandemia

O Poetry Slam aclara Diego Horschovski, graduado en Filosofía pola USC e organizador e presentador dos recitais, que “é un evento de competición poética na que cada participante conta con tres minutos máximo (non hai mínimo) para dramatizar o seu poema. Ningunha das poetas que participan poden utilizar disfraz, atrezzo ou accesorios de ningún tipo. Soamente a súa voz e o seu corpo. Ao finalizar o poema cada poeta recibe cinco puntuacións por parte dun xurado que é elixido mediante sorteo de entre o público asistente. Cada persoa que puntúa recibe unha pizarra na que ten que puntuar a nota e, tras escribila, ten que ensinarlla tanto ás participantes enriba do escenario como a todo o público. Das cinco notas quitamos a máis baixa e a máis alta, para evitar amiguismos, e sumamos as tres notas intermedias. O resultado é a nota final de cada participante. Neste sentido, todo o proceso é transparente e todo está a vista de todas. Entre os perfís das persoas que se apuntan a participar hai poetas, actores, actrices, cantantes, monologuistas, e máis”.


Poetry Slam Compostela comezou en decembro de 2017, dentro dun contexto que xa se viña xestando desde tres anos antes. En concreto desde finais de 2014, “cando comecei os eventos de Poesía e Microrrelato Compostela. Estes eventos primeiro tiveron lugar no que fora o emblemático bar Caldeirería 26 e despois, cando este pechou, no Modus Vivendi. O motivo principal que me levou a iniciar estes encontros de poesía era o de dinamizar a cultura e xerar espacios de encontro na cidade. Foi nese sentido que, tres anos despois, decidimos iniciar o Slam en Compostela. Unha noite, falando con Marcelo Saffores, que é un dos colaboradores, ocorréusenos facer isto e non lle dei máis voltas. Estabamos falando por teléfono e ao colgar, non lle dei máis voltas, e fixen a páxina de Facebook de Poetry Slam Compostela e iniciei a convocatoria de participantes”, así mesmo afirma que “o de Compostela é o único Slam de Galicia que está dentro do circuito oficial estatal Poetry Slam España”.

O organizador non dubida ó decir que “nestes eventos hai moito traballo que facer e que, ao igual que Marcelo, é importante a labor dos outros dous colaboradores que son Peter Brea e Paulo Maestro, quen comezaron a ser parte do equipo do Slam a finais da segunda edición”, e clarifica que “ao estarmos no circuito oficial temos relación tanto coa Junta de Poetry Slam España como co resto de sedes. Unha vez ó ano organízase a final estatal. A última foi en Valladolid no 2019. Alí temos a oportunidade de coñecernos tanto as organizadoras de cada Slam como as campionas que representan a cada cidade do Estado. Actualmente hai ó redor dunhas trinta cidades federadas. Ademáis, cada Slam que celebramos en Compostela conta coa participación especial de slammers destacadas do ámbito estatal, polo xeral, campionas doutras sedes. Exemplo diso é que, no noso último encontro, quen abríu o Slam foi Olza Olzeta, a actual campiona de Europa. Pero tamén estivo Ivan Dyso (Ciudad Real) ou Lena Larios (Granada) noutras ocasións. Os Slams son puntos de encontro para coñecer poetas de aquí e de fóra”.


Por outra banda, a causa da pandemia, o último Poetry que se fixo presencialmente foi o 12 de febreiro de 2020, no entanto Diego comenta que “o primeiro que fixemos ao inicio da pandemia foi entender que, mentres o persoal sanitario e dos supermercados nos estaban salvando a vida, nós podíamos levar a cabo un Slam virtual, fóra do circuito de competición, co obxectivo de simplemente contribuír ao entretemento nesas difíciles semanas de confinamento xeral. En concreto fixemos Slams virtuais tanto a través da páxina de Facebook como dos directos de Instagram”, e explica que cando a situación sanitaria o permita teñen como obxectivo volver, xa que “pensamos que o Poetry Slam é un evento no que a presencia é moi importante porque cada participante ten que potenciar as cualidades da sua voz e do seu corpo. E, en definitiva, tanto os slams como os recitais de poesía que organizo no Modus Vivendi, teñen como obxectivo, o encontro. Se hai que agardar, pois agardaremos. O primeiro é a saúde de todas. Pero iso si, tamén sabemos que mantendo as precaucións pertinentes a cultura demostrou que é segura. E isto é moi importante para nós porque, se ben os encontros Slams non son lucrativos, quen estamos involucradas facemos outros labores culturais que son o noso traballo. Hai moita xente que depende de que a cultura siga en pé. Ademais do grande valor social de entretemento que ten a cultura no actual contexto”, e a maiores fai saber que “nos escriben desde centos de rincóns de Galicia tanto para participar como para pedir info para asistir como público”, o que confirma á afinidade da xente da rúa con este tipo de encontros poéticos.

18 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.