Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Presentación de ‘Abe Rábade. Piano solo entre árbores’

    AUDIOVISUAL. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte na presentación de Abe Rábade. Piano solo entre árbores, un recurso do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia que pode verse desde xa no Portal da lingua galega. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo resaltar “a longa traxectoria de Abe Rábade na creación do jazz galego e na unión, con absoluta naturalidade, da lingua do país que el emprega acotío cun xénero musical nacido fóra e que, por certo, ten presenza en máis proxectos do Fondo Xacobeo 2021”. O secretario xeral indicou “que non hai mellor maneira de demostrar que a nosa lingua, tan acaída para a expresión da cultura tradicional e autóctona, está aberta e é perfectamente válida tamén para incorporar todas aquelas cousas boas que nos cheguen de fóra”.

    Xunto con Valentín García participaron na presentación o pianista e compositor de jazz Abe Rábade e Rosa Salgado, representante de Miraxe, Sociedade Cooperativa Galega, que produciu o concerto. Abe Rábade interpreta no audiovisual presentado onte un repertorio único, seleccionado e traballado durante o confinamento, que inclúe as seguintes pezas: Liberación, Desexo, Ham-Dam. Improvisation e Freixo. O concerto foi gravado ao aire libre, nun espazo arborado da parroquia rianxeira de Asados, o 4 de novembro de 2020. A interpretación das catro composicións sinaladas vai precedida dunha presentación a cargo do propio Abe Rábade en que este reflexiona sobre o confinamento e o sentido da vida, sobre as peculiaridades, tanto da interpretación jazzística en xeral, e a experiencia de tocar nun espazo natural na soidade da noite. O pianista e compositor Abe Rábade (Santiago de Compostela, 1977) licenciouse cum laude en 1999 en Jazz Composition e Piano Performance polo Berklee College of Music de Boston. É profesor en dous conservatorios de música superiores de Galicia e Portugal, e da clases mestras en distintos centros. Publicou 14 discos como líder, tres composicións para grandes formatos e tres poético-musicais.

    22 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito