Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Preto de 200.000 euros para entidades sociais da cidade

Foron catro as organizacións beneficiarias: Fundación Monte do Gozo, albergue Xoán XXIII, Aspas e a Cociña Económica

O Concello vén de asinar catro convenios con entidades sociais cuxo importe global supera os 170.000 euros. Son a Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, o centro cultural social Xoán XXIII, Aspas e a Cociña Económica.

Os convenios foron asinados polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que estivo acompañado pola concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro. O rexedor puxo en valor o traballo destas entidades sociais que “chegan a onde non dá chegado a administración”, e agradeceulles a súa implicación, sobre todo nestes tempos tan duros.

O convenio coa Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, de 45.000 euros, destinarase a subvencionar programas da entidade, que ten como obxectivo a atención integral aos colectivos marxinados ou en estado de necesidade e aqueles en situación de exclusión social, así como a prevención, formación, educación, rehabilitación e reinserción, apoio e intermediación no ámbito penitenciario, xurídico e xudicial ás persoas con problemas de adicción, ás súas familias e aos colectivos de risco.

O acordo co centro cultural social Xoán XXIII servirá para financiar o servizo de aloxamento e acollida diúrna e nocturna que presta o albergue. Búscase prestar a atención que precisan as persoas usuarias en canto a aloxamento, hixiene, roupeiro, alimentación, formación e asesoramento, así como a distribución de alimentos do Banco de Alimentos e packs de emerxencias con comida doada unha vez ao mes, previa entrevista e recollida de documentación da persoa solicitante. O programa procura promover á persoa para a colocación no mundo laboral, incidindo na formación para mellorar as súas opcións de atopar un traballo.

Para a colaboración coa Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspas) asinouse un convenio de 6.000 euros que se destinarán ao Programa de respiro e/ou emerxencia familiar. Trátase dun servizo de estancias temporais de fins de semana para dar resposta á necesidade de descanso ou emerxencia familiar. Deste xeito conséguese mellorar a calidade de vida das familias con membros con discapacidade intelectual ao ofrecerlles uns días de descanso mentres o seu familiar é atendido por profesionais. Aspas dispón de dous pisos cedidos polo Concello nos que se desenvolven estas actividades.

No tocante á Cociña Económica, a contía do convenio servirá para financiar o programa para garantir as necesidades de manutención básicas a persoas sen recursos e en risco de exclusión social. As persoas destinatarias son, principalmente, veciños e veciñas de Santiago, aínda que tamén transeúntes que ocasionalmente veñen á cidade. As idades van desde os 18 anos en diante, aínda que a Cociña tamén facilita bolsas de comida e produtos infantís as nais e pais que o precisen.

Coa sinatura destes convenios as entidades sociais conseguen financiación pública para poder seguir prestando as súas actividades esenciais e a Administración logra alcanzar a prestación de servizos alén das súas obrigas, para o beneficio das persoas usuarias, normalmente colectivos vulnerables.

27 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito