Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Preto dun cuarto de millón nas obras para mellora nos colexios

Realizáronse intervencións en 3 escolas rurais, e 6 infantís // Tamén en 13 centros de primaria

A concelleira de Educación, Noa Díaz, acompañada da técnica deste departamento Beatriz Varela, ofreceu onte en rolda de prensa os datos do Plan de Obras verán 2020 que o seu departamento vén de acometer nos centros públicos da cidade. Realizáronse intervencións en 3 escolas rurais, 6 infantís e en 13 centros de primaria cun investimento total de 244.302,82 euros e centradas fundamentalmente en arranxos e cuestións de hixienización.

Estas actuacións son o resultado das peticións realizadas polos propios centros en base ás súas necesidades, recollidas polo departamento e executadas, nesta ocasión, xa desde o mes de abril aproveitando a parada obrigatoria por mor da COVID-19. Segundo indicou a edila, están practicamente todas rematadas.

Na súa intervención, Noa Díaz fixo fincapé na interlocución fluída que se mantén cos centros. De feito, a última xuntanza cos directores tivo lugar o 22 de xullo e na mesma o departamento recolleu as súas inquedanzas non só en relación cos arranxos senón tamén cos comedores e madrugadores e cos protocolos da Xunta de cara ao inicio do vindeiro curso escolar.

A este respecto, a concelleira indicou que o o groso do Plan de verán se centrou en cuestións de hixiene, co obxectivo de que os equipamentos estean listos para afrontar as situacións derivadas da pandemia. “O Concello colabora con todos os centros para unha volta ás aulas con todas as garantías, dentro das nosas competencias, que son o mantemento, a conservación e a reparación”, indicou onte a concelleira.

Este Plan de verán forma parte dun contrato plurianual (4 anos) ao que o Concello destina un total de 1.600.000 euros, dos cales 366.666,67 corresponden a este 2020 (de febreiro, cando se iniciou o contrato, ata agosto). Ata este mes executáronse 280.377,44 euros (incluíndo o orzamento destinado ao Plan de verán) e restan para os arranxos necesarios ata final de ano 86.289 euros. “Este investimento, sinalou Noa Díaz, é unha aposta polo ensino público no noso Concello, xa que unha educación pública sólida precisa dunhas instalacións axeitadas”.

rehabilitación. Fóra xa deste Plan de Obras de verán, a concelleira explicou que se realizarán outras dúas actuacións en colaboración coa Consellería de Educación: a obra de rehabilitación enerxética do CEIP Monte dos Postes e a climatización da Escola infantil do Tambre.

Deste xeito, o Concello de Santiago responsabilízase da conservación, reparación e mantemento dos centros públicos de educación infantil e primaria. As competencias obrigatorias municipais refírense a 23 centros educativos, dos que 3 son escolas rurais, 13 son centros de educación infantil e primaria de carácter público, 6 escolas infantís municipais e 1 escola municipal de música.

Ademais, a Concellería presta outros servizos e leva a cabo outras actuacións ao longo do ano como son as de limpeza, mantemento das zonas verdes, das instalacións eléctricas, de aparellos elevadores, dos sistemas caloríficos, conserxería e control das instalacións, subministración de combustible, luz e auga, seguridade, e desratización, desinsectación e tamén tarefas de desinfectación.

actuacións
tamén as coxestionadas

··· As actuacións desenvolvéronse nas escolas rurais de Gaioso-Eixo, Sixto-Marrozos e Rial-Laraño; nas escolas infantís municipais de Conxo, as Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, e nas coxestionadas coa Xunta de San Roque, Tras Parlamento e Tambre.

··· Trece centros de primaria tamén experimentaron melloras (CEIP Apóstolo Santiago, Arquitecto Casas Novoa, Fontiñas, Lamas de Abade, López Ferreiro, Monte dos Postes, Pío XII, Raíña Fabiola, Rodríguez Xixirei, Roxos Villestro, Vite, Cardeal Quiroga Palacios e Ramón Cabanillas).

27 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.