Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Produtos de cercanía no Parque de Belvís

O mercado de Entre Lusco e Fusco oferta unha alternativa ás grandes cadeas de supermercados para facer a compra na cidade

Pouco a pouco vai medrando na sociedade o interese por novas formas de consumo máis naturais e ecolóxicas, así como por ter unha alimentación sa e responsable. Isto fai que moitas persoas comecen a decantarse por espazos alternativos ás grandes superficies onde achegarse ao produto local de cada zona. O mercado de Entre Lusco e Fusco, que se celebra no Parque de Belvís, é un deses exemplos onde temos a oportunidade de facer unha compra local e ecolóxica. Esta iniciativa non é nova, lévase organizando todos os martes pola tarde dende o ano 2010, dando a oportunidade ás persoas que pola mañá traballan ou estudan e non teñen a posibilidade de acudir aos mercados da cidade. Pero non só é un espazo onde poder adquirir este tipo de produtos, senón que tamén ofrecen xornadas de concienciación ou diversos espectáculos entre outras actividades, impulsando así un espazo de intercambio social e cultural.

Gabriel é un dos agricultores que máis tempo leva participando nesta iniciativa, este será o seu oitavo ano. Comezou afincado na cidade pero co tempo decidiu trasladarse a Xermade para poder ter unha horta máis grande. Cóntanos que o mercado de Entre Lusco e Fusco foi o primeiro que se puxo en marcha de forma autoxestionada en Galicia. A pesares de que anos atrás houbera un en cada unha das principais cidades galegas, “agora só estarán en funcionamento 3 ou 4”. Neste tempo, o mercado foi consolidando unha veciñanza que acude todos os martes e comparten e entenden a filosofía do espazo. Tamén sinala como ultimamente comézanse ver máis estudantes polo mercado así como xente que ate agora nunca se achegara, e iso para el é o bonito, porque como di, busca “facer venta directa para a xente do común”.

Angy e Garmendia son as persoas máis novas que atopamos achegando os seus produtos ao parque de Belvís. Levan pouco menos de un ano acudindo á cita dos martes; o confinamento non lles permitiu comezar a participar antes de setembro. Para eles Entre Lusco e Fusco é referente dentro deste tipo de espazos en Galicia e contan con poder acudir tamén a outros de lugares de preto como o da Coruña ou Teo. Garmendia participa en proxectos de permacultura en distintos sitios, como Brión ou A Estrada, apostando por unha agricultura rexenerativa, sen uso de químicos, con abonos naturais e con técnicas tradicionais. Angy está traballando en proxectos gastronómicos, e no seu posto achegan repostaría caseira ampliando así a oferta de produtos que podemos atopar en Belvís. Sinalan a importancia deste mercado non só como un lugar onde achegarse para adquirir produto ecolóxico local, senón tamén como un espazo de encontro onde a xente acude en familia a pasar a tarde e intercambiar información e experiencia, fortalecendo así á comunidade e estreitando os lazos entre a veciñanza. Como eles din, “a xente que nos merca ven ata cando chove, hai familias que nunca fallan”.

Os últimos en sumarse ao mercado son Estela e Isabel, filla e nai, xunto con Carlos. Veñen desde Pontevedra, onde participan no mercado 4 Ponlas, e así comparten os gastos da viaxe. A pesares de ter xuntos os postos, forman parte de dous proxectos diferentes. Coméntannos que están moi contentos podendo participar na cita dos martes en Santiago, onde se atopan con xente que acude porque apoian este proxecto e están concienciadas cun consumo de proximidade. Carlos forma parte dunha cooperativa, Alcrique, onde participan dúas persoas traballando nunha horta á beira do mar. Pouco a pouco o seu proxecto vai medrando e agora tamén realizan reparto a establecementos e particulares interesados nos seus produtos na zona de Pontevedra e Santiago. O proxecto de Isabel e Estela é familiar, comezou dende a idea de ter unha alimentación sana e autosostible, aprendendo por elas mesmas a cultivar e coidar a horta, prestando atención a todo o ciclo do cultivo, pasando pola semente, o froito e a propia planta.

Esta é só unha pequena mostra de toda a xente que participa no mercado, son máis os que achegan a súa horta ou a súa cociña á veciñanza de Santiago a través deste proxecto. Moitos dos que o visitan xa son habituais e teñen as súas compras semanais reservadas con antelación para que non lles falten os seus produtos favoritos.

A pesar de que a actividade reabrise despois do confinamento, non puideron levar a cabo algúns eventos que facían como concertos, actividades de concienciación ao aire libre ou espectáculos de monicreques. Agardan retomar estas iniciativas que axudan a dinamizar o mercado, un espazo que convida a todo o mundo non só a facer a compra, senón tamén a convivir coa súa veciñanza e participar nun proxecto que pula por unha soberanía alimenticia máis ecolóxica, natural e sostible.

02 jun 2021 / 12:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.