Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Propoñen incluir a perspectiva de xénero no orzamento

Santiago. O BNG trasladará ao pleno unha proposición para que o Concello elabore, en colaboración co movemento asociativo feminista e dos grupos municipais, o V Plan de Igualdade. Nel quérese incluir un apartado específico para que os orzamentos municipais teñan en consideración a perspectiva e o impacto de xénero co obxectivo de reestruturar ingresos e gastos para promover a igualdade na prestación de servizos públicos municipais.

Segundo explicou en rolda de prensa Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, “preocupa de maneira especial nesta crise económica que as mulleres sufran máis a precariedade laboral, os despedimentos, a temporalidade dos contratos, o paro e as diferenzas salariais”, como se traduce dos propios datos de Santiago, onde se produciu un incremento de persoas rexistradas no paro, pois hai 3.463 mulleres e 2.944 homes segundo os datos de decembro de 2020, cando eran 2.977 mulleres e 2.394 homes en decembro de 2019. “A pobreza é feminina, sabemos que en Santiago saíu á luz traballo oculto e somerxido de persoas que non tiñan recursos durante o confinamento e aí había unha porcentaxe moi alta de mulleres co que se incrementou esa feminización da pobreza”, destacou Sanmartín.

Deste xeito, Goretti Sanmartín reclamou que a elaboración do V Plan de Igualdade “non sexa rutineira e atenda a situación especial económica de crise no ámbito feminino”. Do mesmo xeito, o grupo municipal nacionalista denuncia que o Concello de Santiago inda ten pendente a avaliación do IV Plan de Igualdade, finalizado en 2020. ECG

14 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito