Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Xoán Domínguez / Músico de Blanco Palamera

“Queremos aportar un pouco de amor a este mundo no que acontecen tantas traxedias”

“En Galicia hai moita calidade musical. Se todos os artistas saímos a Madrid é máis por un rollo de traballo que por outra cousa. Pois se fora por vivir, viviriamos en Galicia como Dios”

A música, a amizade e o crecemento persoal poden ser o xerme dunha carreira artística; ou, polo menos, así foi para Manuel Blanco e Xoán Domínguez. Naceron en Santiago de Compostela hai 24 anos e o seu proxecto musical camiña con eles: Blanco Palamera, un reflexo da súa traxectoria vital que, como tal, está en deconstrucción constante. Manuel e Xoán son curiosos, melómanos e compoñen a música “que lles sae do corazón”. Ven a súa carreira como un camiño a recorrer xuntos, toda a vida. O seu álbum debut, Promesas, mestura pop, jazz, el hip-hop ou bossa nova para transmitirnos esa traxectoria. Xoán Domínguez falou con EL CORREO GALLEGO antes da súa actuación desta noite Cidade da Cultura (21.00 h), que pechará o ciclo do Atardecer no Gaiás 2021. As entradas, por suposto, están esgotadas. Non se esperaba outra acollida na que é a súa casa.

En tódalas súas entrevistas falan de sinceridade e de ser fieis a un mesmo... como se consegue esa incorruptibilidade?

Ben, ao final é un pouco guiarnos do noso instinto. Levamos moitos anos facendo música e escoitando moitos tipos de música, entón sabemos o que queremos, temos unha meta e aí é onde queremos chegar, sen importarnos o que nos veña de fóra. Temos claro que imos seguir evolucionando polo noso camiño, e que sexa o que teña que ser. Seguiremos facendo música que saía do corazón e coa que esteamos contentos nós, basicamente.

E cal é esa meta?

Nós facemos música para intentar facer do mundo un lugar mellor, e facer á xente un pouco máis feliz. Intentamos conectar as letras e os ritmos cos sentimentos da xente, e a meta sempre é esa: aportar un pouco de amor a este mundo no que acontecen tantas traxedias todo o rato. Agora máis ca nunca, que está a xente un pouco nerviosa, é necesario aportar boa vibra e un pouco de luz para o camiño. Queremos seguir facendo música toda a nosa vida, xuntos, e estar contentos con iso.

Funcionar como evasión.

Para min a música é un pouco iso, ese momento de desconexión co mundo, no que vas un pouco polo teu camiño.

Tamén mencionastes en máis dunha ocasión que fai falla “revisar aos ídolos pop”.

Hai moitas barreiras á música máis comercial. Eu cando era rapaz era un metaleiro e dicía que o reguetón era unha merda, claro, pero agora escoito reguetón como escoito jazz, latin ou música clásica. Dicimos os ídolos do pop porque, como soaban na radio, non se lle prestaba esa atención de pararse a analizar a súa música. Xente como Alejandro Sanz, que hai moitas barreiras contra el pero logo escoitas os seus arreglos é musicalmente e son impresionantes. Non é tanto os ídolos do pop como que hai que estar abertos a todo tipo de música, non porque de algo se diga que é “comercial”, xa pasar.

Formades parte dese enorme grupo de artistas galegos afincados en Madrid.

Nós marchamos para Madrid, primeiro, porque somos os dous de Santiago e xa nos apetecía saír un pouco da casa; e segundo, porque se queres vivir disto parece que alí hai máis movemento. Realmente non hai tanto máis, porque ao final somos todos galegos alí (ri). Pero é un pouco onde se concentra toda a xente e podes facer máis conexións. Nós tamén andamos collendo voos tódalas semanas, e Madrid é o punto máis céntrico para movernos por España. Aquí en Galicia hai moitísima calidade, quizais porque ao haber tanta xente nun sitio tan pequeno, téndese máis a experimentación para diferenciarse do que fan os demais. Ao final, se saímos todos é máis por un rollo de traballo que por outra cousa. Porque se fora por vivir, viviríamos en Galicia como Dios.

Canto afectan as vivencias e o día a día á súa música?

Diríache que case ao 100%. Manu e máis levamos tocando dende os 14 anos, agora temos 24 e aínda estamos atopando o noso camiño, o noso son. Sobre todo neste novo disco no que estamos traballando vense moi reflexados eses camiños polos que pasamos na nosa vida xuntos. O que tocamos, o que intentamos transmitir, é plasmar con harmonías os sentimentos que temos no noso día a día.

E cando chegará ese novo disco?

Esperamos comezar a sacar cousiñas despois de verán. Temos ganas, a verdade. Levamos tempo con el e xa queremos empezar con música nova, con outra cousa (ri).

Se tivese que escoller unha soa canción de ‘Promesas’...

Uf. Mólanme todas... Pero especialmente unha que se chama Llega e outra que se chama Aquí. Esas mólame moito tocalas en directo, son divertidas de tocar. Bo rollo.

Como describriría o seu estilo a alguén que nunca escoitou a música de Blanco Palamera?

É dificil, porque ao final é unha mestura entre as influencias que tivemos na nosa vida e o futuro que miramos. Entón diría que unha música pop, porque as estruturas si que son pop, pero con toques de jazz, de bossa nova, de reggaeton... De todo. En Blanco Palamera distínguise moito o disco do directo. Nós ao final somos músicos e encántanos tocar, pero tamén nos mola que o disco sexa un rollo e o directo outro, moito máis tocado. É tanto un grupo para escoitar na casa se queres estar tombado na cama, ou no coche dando un paseo, como se queres ir a ver o directo. Ofrece esas dúas caras da moeda.

Supoño que terán ganas de tocar na casa.

Non sabes canto, e máis agora. Fai moitísimo que non tocamos en Santiago e tiñamos ganas, tocaramos algunha vez na Cidade da Cultura, pero nunca no Atardecer. Esperemos que faga un día tan bo como estes últimos. Pero moitísimas ganas de tocar en casiña, coa familia e os amigos. Santiago sempre apetece.

27 ago 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito