Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rafael Villalobos fará que ‘A voz humana’ de Poulenc soe no Auditorio de Galicia

Protagonizan esta versión da reputada ópera a soprano Nicola Beller, o pianista Juan Pérez Floristán e o actor Luis Tausía

O Auditorio de Galicia acolle na tarde de mañá, ás 20.30 horas, o espectáculo de ópera A voz humana. Trátase dunha versión de La voix humaine, de Francis Poulenc, que está protagonizada por Nicola Beller Carbone, soprano dramática presente nos principais coliseos operísticos de Europa; acompañada por Juan Pérez Floristán, un dos pianistas españois con máis proxección internacional, así como gañador do Premio Rubinstein e artista residente do Festival de Granada este verán (e quen, ademais, debuta nesta proposta como actor intervindo en varios momentos), e polo actor Luis Tausía.

Un proxecto escénico de pequeno formato e gran beleza plástica coa dirección escénica e artística de Rafael F. Villalobos, cunha posta en escena afastada do orixinal, a chamada de teléfono, e que se sitúa nun plano simbólico que percorre a historia da parella -ela e el- e do insoportable medo a morrer sós que lles fai seguir unidos. Antes do espectáculo, que se realiza en colaboración coa Asociación Amigos da Ópera de Santiago, o público poderá asistir ás 19.00 horas na Sala Mozart a unha charla con Luis Gago.

As entradas atópanse á venda nas canles habituais: poden mercarse na web de compostelacultura.gal, na Zona C (situada na Praza de Cervantes) en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, ou no propio Auditorio de Galicia dende unha hora antes do comezo do espectáculo. O prezo é de 18 euros e pode aplicarse o desconto do 50% aos colectivos habituais: persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.

En palabras do propio director Villalobos, “gústame imaxinar La voix humaine, ese exercicio de elipses infinitas escrito por Jean Cocteau en 1930 e musicado por Francis Poulenc en 1958 no que só escoitamos unha parte dunha conversa telefónica, non como unha exhibición voyeurista da autodestrución unha muller submisa que se consume ante a hecatombe que supón a chamada de despedida do seu amante, senón como un estado emocional que se perpetúa no tempo dunha parella que se nega a aceptar a finitude da súa relación establecendo alternativamente estratexias para mantela absurdamente a flote” e, conclúe, “a nosa aproximación trata de levar a escena a esencia deste binomio tóxico abocada ao fracaso onde o telefono se sitúa nun plano metafórico como símbolo da incomunicación á vez que se converte no aliado desta parella de artistas cuxas carreiras nos obrigan a estar perennemente separados e ficticiamente conectados a través deste aparato”.

11 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito