Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
historia. O doutor nado en Padrón loitou continuamente para trasladar “o seu hospital” ata a gran finca actual // O emblemático centro sanitario compostelán sufriu ao longo do pasado século diversos cambios TEXTO D. Seijas

Ramón Baltar e a evolución do psiquiátrico de Conxo

O doutor Ramón Baltar Domínguez (1902-1981) tiña tres lugares de referencia vital: Santiago, onde exercía como médico. Rianxo, o seu lugar de lecer, descanso e navegación. E Padrón, que visitaba frecuentemente, onde ficaban as súas raíces. Ainda que tiña varias condecoracións, o pin que portaba na solapa era o de Fillos e amigos de Padrón. Asistía sempre as súas reunións. Exercía de padronés e alí pediu ser soterrado cos seus.

Se algúns hospitais teñen nome propio, parecería moi merecido que o de Conxo, en Santiago, se chamase Ramón Baltar. Pódese afirmar que a él se lle debe a súa existencia. Hay un movemento cívico en Santiago para que así se faga e o Concello de Rianxo acaba de aprobar, por unanimidade, o apoio a esa proposta.

Fagamos historia, xa que o asunto ven da existencia do Hospital Real, creado polos Reis Católicos, xa ultimada a Reconquista, para asistir aos peregrinos que alí acudían por mor do culto a Santiago Apóstol, principal emblema dos séculos de loitas. Rematado en 1511, estivo funcionando como Hospital Real ata o século XIX, no que se producen cambios pola creación do novo sistema territorial da administración local, coa creación de Municipios, Provincias e Deputacións Provinciais (órganos de xestión da provincia).

Na primeira fase é transferido as catro deputacións galegas, como Hospital General de Galicia, pero pasados pouco máis de trinta anos , en 1879, pasa a depender únicamente da Deputación Provincial da Coruña, como Hospital Provincial. Foi evolucionando da asistencia fundamentalmente a peregrinos a Hospital da Beneficencia Provincial, para atender aos máis necesitados.

En 1953, en Consello de Ministros presidido por Franco, acordouse transformar o edificio nun hotel de luxo, cara ao Ano Santo de 1954. Ante o acordo de transformar o hospital en hotel parece ser que a Deputación dubidaba entre dúas opcións: suprimilo, eliminando un gran gasto, ou ben levalo a A Coruña.

En aquel momento Ramón Baltar Domínguez era o director do hospital, ao que estaba vencellado dende o seu nacemento. De feito seu pai, Anxel Baltar Cortés (Padrón, 1868), despois de ser médico en Rois, obtivera plaza por oposicións e tiña vivenda no propio hospital, como sucedía con outros compañeiros, suponse que formando parte dun grupo da plantilla que estaba de servicio día e noite. Así é que Ramón Baltar nace en abril de 1902 no seu domicilio, que era o propio Hospital. Seu pai tiña 34 anos. Dos catro patios, a vivenda estaba no primeiro, do lado esquerdo, o de San Marcos. Imaxinamos a Ramón Baltar na infancia, xogando nos patios cos outros nenos do Hospital e cun entorno de enfermos como vivencia habitual. Aquel xa era o seu mundo.

Ante as opcións de peche ou traslado, Ramón Baltar inicia unha batalla en solitario para que se mantivese en Santiago, como Hospital da Beneficencia, continuidade dos 450 anos como Hospital Real e logo Provincial. Como estudioso e escritor sobre os Hospitais do Camiño, o Hospital Real e a Escola Médica Compostelana, a da “fonte limpa”, tan vencellada ao Hospital, sentía o compromiso de non romper coa historia e tradición de séculos de existencia, atendendo aos peregrinos e aos pobres.

Naqueles momentos a Seguridade Social iba avanzando e estaban facendo un hospital grande, na rúa Galeras de Santiago. Feito importante: Ramón Baltar conseguiu que en ese novo hospital se lle asignase unha zona, minoritaria, para o Hospital Provincial, na ala esquerda, mirando o edificio dende o frente. Era moito máis pequeno que o que tiñan e o traslado foi traumático, con altas forzosas de enfermos incluidas, pero significou que se mantiña o concepto da propia existencia do histórico Hospital Real, logo Provincial , e ademáis no seu sitio, en Santiago. O logro foi fundamental.

E o paso seguinte era conseguir que, en vez de vivir de prestado nun edificio da Seguridade Social, se pasase a ter un hospital propio e máis grande. Actuaba na súa doble condición de director do Hospital Provincial e tamén de decano do Corpo Médico da Beneficencia Provincial, integrada polas numerosas entidades sanitarias da Deputación.

Tivo toda clase de obstáculos, procedentes incluso da propia Deputación. Padeceu decepcións e perdeu amigos, pero tamén conseguiu axudas e colaboracións ao longo dos 25 anos que, incansablemente, dedicou ao asunto. Entre outras, dentro da propia Deputación, foi moi importante a do seu familiar e amigo Ramón Pazos Jiménez, alcalde de Padrón e deputado provincial. Tamén Manuel López Sendón, director do Hospital da Choupana (hoxe Gil Casares) e Antonio Concheiro Iglesias, ambolos dous médicos e con cargos na Deputación. Tamén lle dou forte apoio Santiago Mini Leyva, inspector provincial da Seguridade Social.

Facía xestións con moita xente. Ía a Madrid a tratar ca máxima autoridade sanitaria do país, o doutor Jesús García Orcoyen, director xeral de Sanidade, daquela dependente do Ministerio do Interior, cando non había Ministerio de Sanidade. E chegou a falar do tema con Franco, que lle dixo que “o Hospital de Beneficencia non era necesario”, porque “en España xa non iba a haber pobres”.

Cando lle puxeron a dificultade de que en Santiago non habería terreos para facer un hospital propuxo que se fixese nos do Hospital Psiquiátrico de Conxo, que dispoñía dunha enorme finca e que, despois dunha longa evolución histórica, era dende facía alguns anos propiedade da Deputación.

Ramón Baltar Domínguez faleceu en setembro de 1981, con 79 anos, pero deixou “o seu hospital” en obras. Foi inaugurado en 1985, 32 anos despois da saída do vello edificio da Plaza do Hospital, que así era coñecida, polo importante peso da institución na sociedade.

29 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.