Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ramón Quiroga tacha de atraco fiscal o novo imposto de plusvalías

O Concello fixa os tipos máximos que permite a lei sen aplicar as novas desgravacións posibles

Santiago. O vicevoceiro do Grupo Municipal Popular, Ramón Quiroga, considera un “atraco fiscal” o novo imposto de plusvalía que o Goberno Bugallo quere aprobar mañá luns no Pleno extraordinario, sen ter negociado nin falado, en ningún momento, co principal grupo da oposición. O popular fai estas declaracións tendo en conta que o alcalde leva esta proposta ao Pleno de mañá, onde fixará os coeficientes/tipos máximos que permite a nova regulación do imposto, en vez de minoralos, tal como permite a nova Lei. Ramón Quiroga explica que o Grupo de Goberno non aplica unha nova posibilidade de bonificación que establece a nova normativa, como é a de rebaixar os valores ata un 15%, co que se minoraría a carga fiscal do imposto.

Coa imposición do novo tributo, o Goberno local ten previsto recadar preto de 2,5 millóns de euros que pagará a veciñanza nun momento de especial dificultade económica, derivada de novos “impostos indirectos” como é a inflación, a factura eléctrica e os combustibles. “A pregunta que se fai a veciñanza santiaguesa é para que quere o alcalde máis cartos, cando non executa o orzamento e remata o ano con 52 millóns nos bancos e con 23 millóns de euros de superávits, cando o que tería que estar facendo é rebaixar os impostos nun momento tan delicado e deixar de pensar en recadar máis. Cabe lembrar que, a última vez que se rebaixou o imposto foi co Goberno do Partido Popular no ano 2015, pasando o tipo impositivo do 26% ao 22% actual”.

Quiroga Limia subliña tamén que o que busca o Goberno local é absolutamente insolidario e antisocial, o que deixa claro que vive “de costas á veciñanza” nun momento no que a inflación golpea aos cidadáns e en cernes dunha crise económica, que afectará ao mercado inmobiliario, coa nova suba dos tipos de xuros.

Neste senso, que o Goberno Bugallo mire para outro lado e só se preocupe da súa voracidade recadatoria, supón carecer da máis mínima sensibilidade ante a crise económica, deixando de facer políticas de promoción económica, como sería rebaixar o imposto para apostar pola reactivación económica e aforrar cartos á veciñanza.

O vicevoceiro popular lembrou tamén que este imposto é voluntario para as entidades locais, non obrigatorio como o IBI e suporá unha carga máis para o peto dos veciños na compra ou transmisión de calquera ben. Para o popular, neste momento, “sería necesario unha sensibilidade coa realidade social e aplicar ou espírito que xa marcou o Tribunal Constitucional coa sentenza que ligaba o vixente sistema de cálculo do imposto de plusvalía cunha axenidade á realidade do mercado inmobiliario e da crise económica e, polo tanto, á marxe da capacidade económica gravada polo imposto, vulnerando o principio de capacidade económica como criterio de imposición”. d.seijas

11 sep 2022 / 21:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito