Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Reclama o BNG ao ministro varios asuntos pendentes

reivindicacións. A raíz da visita do ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, o BNG fixo entrega dunha carta ao alcalde “para que conste por escrito cales son as peticións que entendemos que o Concello de Santiago ten que facerlle, toda vez que non se facilita que participen todos os grupos municipais nesa xuntanza”, explicou Goretti Sanmartín. “Ás veces hai reunións bilaterais en que o alcalde deixa cuestións sen tratar” e, entre elas, destacou que hai unha proposición do BNG de novembro de 2019 que recolle obras comprometidas e pendentes de execución, moitas delas procedentes do Foro Cívico, que todos os grupos da Corporación están de acordo. Fixo referencia ademais a unha proposta anterior do BNG de 2018, aprobada por unanimidade, con estes asuntos pendentes por parte do Goberno do Estado en materia de infraestruturas. Así, referiuse á construción da estación de mercadorías da Sionlla, ao plan de usos para a vella terminal da Lavacolla e ao proxecto de humanización da rotonda de Conxo valorado en 300.000 euros “que representa unha cantidade insignificante para Fomento, sobre o que viñeron ministros e ministras facerse a foto e agora nin sequera o inclúen nos Orzamentos Xerais do Estado, cando é unha obra necesaria para vertebrar o barrio, diminuír a contaminación acústica e solucionar os problemas de seguranza viaria”. Lembrou tamén a disposición adicional 135 dos Orzamentos de Estado para 2018 sobre o apoio ao Consorcio de Santiago para as actividades do Ano Santo de 2021, que non está derrogada, “e recolle que ten que haber unha achega especial para 2021 e entendemos que tamén para 2022 ao ser ambos anos xacobeos”. “Non ten sentido que para o ano Xacobeo a achega estatal do orzamento do Consorcio sexa o mesmo que nun ano normal, cando xa foi minguando nos últimos exercicios”, destacou. O BNG defende que o Consorcio contribúa a revitalizar a Cidade histórica, coa compra de baixos para a súa rehabilitación e destinalos a novos estabelecementos por parte de persoas que queiran emprender os seus negocios por primeira vez. ECG

09 abr 2021 / 01:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito