Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Recupéranse o Multixogo Nadal e as actividades de ocio para a cativada

Ambas iniciativas pretenden favorecer a conciliciación familiar durante as vacacións

Santiago. Un ano máis, o Concello presentou o seu programa de actividades coas que pretende ofrecer un tempo de ocio de calidade aos máis cativos e favorecer ó mesmo tempo á conciliación familiar e laboral nos períodos de vacacións. Con este fin, os concelleiros de Educación, Rubén Prol, de Relacións Veciñais, Gonzalo Muíños, e a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, durante a rolda de prensa de onte, presentaron a oferta de actividades nas escolas infantís e nos CSC da cidade para favorecer a conciliación durante as vacacións de Nadal.

Así, os CEIP Quiroga Palacios e Monte dos Postes ofertarán un total de 100 prazas de conciliación para as vindeiras Festas de Nadal, dirixidas a cativada empadroada no Concello de Santiago ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria da cidade con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. O prazo de inscrición e matrícula estará aberto ata o 9 de decembro, recourdou Rubén Prol.

UN GRAN PARQUE DE ATRACCIÓNS. Os máis pequenos poderán disfrutar do retorno do Multixogo Nadal, un evento, segundo afirma o concelleiro Gonzalo Muíños “xa coñecido pola cativada compostelá que volve tras varios anos de ausencia cun novo nome e co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar”. As actividades, dirixidas a un público familiar, desenvolveranse entre os días 26 de decembro e o 2 de xaneiro en horario de tarde, de 17.00 ás 20.30 horas (agás o 31 decembro que terán lugar entre as 10.30 e a 14.00 horas).

En palabras do xerente do Multiusos, Antón Antelo, “o Multixogo Nadal será un gran parque de atraccións de 3.500 m2” no que “haberá actividades diversas para o público familiar”. Así mesmo, o evento contará cunha gran tirolina de 80 metros de percorrido dende a que se atravesará nas alturas toda a pista central do recinto en diagonal, así como de circuitos de inchables, rocódromos, piscina de bolas xigante, circuito de karts a pedais, simuladores, videoconsolas, xogos interactivos, xogos populares, actividades deportivas e obradoiros de Nadal.

Ademais de todas estas actividades, dispoñibles os oito días de apertura, haberá unha programación diaria na que se sumarán actuacións, exhibicións e obradoiros especiais: concertos didácticos de cancións de Nadal, sesións de maxia, contacontos, sesión de dj infantil con campanadas, sesións de zumba, chocolatada de benvida 2023, obradoiro de robótica e exposición de modelos de Lego xogables, repostería de Nadal, actividades en inglés, entre outras. O prezo da entrada será de seis euros e poderá adquirirse en Ataquilla ou no despacho de billetes do Multiusos os días do evento.

OS CENTROS SOCIOCULTURAIS. A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, presentou o programa de conciliación Cativadas de Nadal, como unha das iniciativas estrela do programa Vive o Nadal que a Rede de CSC de Santiago pon a disposición ao longo do período vacacional de Nadal para nenas e nenos entre os 5 e os 12 anos. No marco desta iniciativa de carácter lúdico-educativo, este ano puxéronse a disposición un total de 185 prazas nos diferentes centros urbanos e rurais, que terán lugar durante os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro en horario de 10.00 a 14.00 h, con posibilidade de solicitar horario ampliado de 8.00 a 15.00 h.

Todas as actividades son de balde e se traballarán temáticas concretas en cada un dos centros relacionadas co teatro, a cociña, o circo, a maxia, o deporte...desenvolvido por un equipo técnico de persoal especializado en educación, animación e actividades de tempo libre. A lista de persoas solicitantes publicarase hoxe e abrirase o prazo de reclamación ata o 1 de decembro ás 14.00h. s.g.

30 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito