Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 25 noviembre 2020
23:10
h

Remata a primeira fase da limpeza da escultura descuberta no río Sar

O equipo de expertos eliminou a capa vexetal e parte das sustancias depositadas na superficie da peza, como unha pequena pedra encaixada no manto

SANTIAGO. A Xunta de Galicia vén de rematar a fase inicial de limpeza da escultura pétrea da Virxe que foi descuberta no río Sar, en Santiago de Compostela, o pasado mes de xuño. Así, o equipo de técnicos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade traballa neste primeiro paso nas fendas que se atopan na cabeza do anxo e na eliminación das sustancias depositadas na superficie da peza, como unha pequena pedra encaixada no manto da Virxe.

Así, o equipo aproveitou que a escultura está bastante humedecida para retirar a capa máis grosa de vexetación, así como para eliminar a colonización biolóxica de bacterias e algas que estaban depositadas principalmente na base da figura. Agora, despois de constatar que o estado de conservación da peza é, en liñas xerais, bastante estable, os expertos buscan o mellor xeito de proceder nas fases posteriores intentando a maior eficacia posible ao tempo que se minimiza o risco de danar o ben, que continúa conservado en auga co fin de controlar os niveis fisicoquímicos que tiña no medio no que foi atopada.

Os traballos previstos, co obxectivo de que a peza pétrea non sufra danos no proceso de desecado, tamén inclúen a elaboración dunha cápsula transparente que servirá para aclimatala de xeito que se poidan controlar gradualmente os niveis fisioquímicos. Para este fin procederase á extracción gradual da humidade do ambiente interior da cápsula mediante un deshumificador programable manualmente segundo o calendario establecido polos expertos de xeito que a progresión na desecación sexa o máis suave posible para non causar estres á peza.

Unha vez finalizada a actuación elaborarase unha memoria final avaliando as características desta peza realizada en granito que podería encadrarse no estilo gótico galego. Cómpre salientar que neste proceso o equipo de traballo conta coa colaboración dos investigadores Ramón Yzquierdo Perrín, Juan Manuel Monterroso Montero e Carmen Manso Porto.

Técnica habitual de conservación preventiva

A figura, atopada por un particular que estaba a practicar a pesca deportiva á altura do barrio de Conxo, foi trasladada ao Museo das Peregrinacións e de Santiago onde, nun primeiro paso, foi introducida nunha cuberta de auga co fin de manter os niveis de humidade, unha técnica habitual de conservación preventiva que se adoita aplicar antes de calquera toma de decisións sobre os seguintes pasos a dar para a consolidación e posta en valor da peza.

A escultura está tallada en catro das súas cinco faces e representa a unha Virxe entronizada co Neno. A ambas bandas da Virxe, nos seus ombreiros, xorden dous anxos (putti) e, se ben están bastante desgastados, apréciase o rostro e a man de cada un deles suxeitando algún obxecto ou o propio manto da Virxe.

Os investigadores sinalan que se poida tratar dunha talla suspendida, que se situaría embutida nunha parede, quedando na súa practica totalidade ao aire. Esta posibilidade vén reforzada pola decoración que presenta a peza na base, describindo unha flor de catro pétalos central e follas de acanto entrelazadas, que non tería sentido se estivera apoiada noutra estrutura. Obsérvase que tanto a cara da Virxe como a cabeza do neno desapareceron. Probablemente, por un impacto antigo tendo en conta o desgaste dos bordes das arestas da rotura feito co obxecto de desacralizar a peza.

23 nov 2020 / 00:59
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.