Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 29 enero 2023
09:14
h

Resposta conxunta ante unhas decisións que carecen de lóxica

Indignados pola noticia do peche de dúas das sucursais dos casco histórico, na manifestación reuníronse non só comerciantes e veciños, senón que ao carón deles tamén estiveron as forzas políticas da cidade. Todos eles tiñan unha mensaxe común: o enfado pola decisión tomada dende Madrid e a esperanza de que, co alento de todos, se poidan reverter a situación.

Tendo ben presente que esta problemática ten un matiz estatal, xa que dende o 2008 pecháronse máis da metade das oficinas de toda España, os presentes no acto remarcaron a súa incredulidade ante a determinación dos banqueiros de querer baixar a rexa do banco máis antigo de Santiago e con tanta clientela, do tecido empresarial, da veciñanza e dos propios turistas.

O problema supón un agravio para todo aquel que fai vida nunha zona monumental que cada vez perde máis servizos básicos. Por iso, polo volume de traballo da sucursal, entenden que se debería recuar dende a entidade.

Mentres dende o Concello traballan a contrarreloxo para que se evite o peche antes do 18 de outubro, a veciñanza falou alto e claro para que os responsables tomen conciencia do que lle están a facer á capital galega. Se foron os particulares os que salvaron aos bancos no seu tempo, agardan que dende o sector teñan máis empatía polas necesidades e dereitos da xente.

“O concello está a facer todo o posible”

Concelleira do Casco Histórico

Mercedes Rosón

“Dende o Concello estase a facer todo o posible para impedir o peche. Eu mesma son clienta de toda a vida, así como a miña familia, e coñezo moi ben que a actividade aquí é moi intensa. Que unha entidade así queira prescindir deste servizo é unha decepción moi grande”

“Debemos estar ao carón dos veciños”

Partido Popular

Borja Verea

“A autenticidade do casco histórico depende do seu valor residencial, é o que nós fai diferentes e estas situacións van na liña de perder a riqueza que temos. Debemos meter presión e como responsables públicos estar ao carón dos veciños, porque a problemática ten un nivel estatal”

“Teñen que escoitar a unión cidadá”

BNG

Goretti Sanmartín

“É evidente que hai que apoialos con todas as forzas. Xa se fixo unha declaración institucional e o peor é que isto só é unha pinga, porque está habendo peches en todos os lugares. Isto ten que ser un punto de inflexión, porque hai unha concienciación cidadá que teñen que escoitar”

“Moita xente maior precisa as oficinas”

Compostela Aberta

Jorge Duarte

“É inconcibible que se sigan producindo peches de sucursais bancarias, obrigando a un cambio de modelo cando hai moita xente que segue precisando delas. Falamos dun mundo máis accesible e iso para moita xente maior é poder acceder a unha oficina bancaria”

“Agora hai risco de que lles rouben”

Presidente Comercio Punto Compostela

José Antonio Seijas

Moi ligado a un dos principais sectores da zona, Seijas destaca a importancia deste peche. “Nos comercios teñen que ter cambio e precisan ingresar o diñeiro da caixa e isto pode dar lugar a que xente que se dedica ao mangoneo aproveite para roubarlle aos comerciantes”, sinala.

“Queremos solucións xa”

José Ángel Blanco

“Debe quedar constancia que queremos solucións xa! Hai tempo que se excedeu a liña vermella de perda de servizos básicos e fundamentais e chegou o momento de reverter esta situación”, citou José Ángel Blanco na lectura do seu manifesto ante os alí congregados.

“Para os negocios este servizo é vital ”

Presidente Asocación Hostelería

Thor Rodríguez

“Este é un golpe máis para un xa moi castigado casco histórico, que continúa perdendo poboación e no que resulta difícil manter os negocios sen un servizo bancario próximo para poder atender as súas necesidades”, comenta o responsable dun dos sectores máis afectados.

“Cada vez teño menos servizos

Responsable da Iniciativa

Camilo Regueira

Cliente dende hai moitos anos e cun negocio no casco histórico, Camilo iniciou esta campaña. “Trastócanos moito os plans e dificultan o noso traballo. Non podo permitirme perder unha hora ou hora e media para ir a buscar cambio á Senra, necesito un servizo que cada vez teño menos”, di.

“Aos de arriba non lles importa nada”

Hostaleiro

Agustín

“Antes podía saír á porta e comprobar se había xente ou non para facer as operacións de cambio, era un servizo moi cómodo. Isto non o debían facer, pero como aos de arriba non lle importa nada”, remarca Agustín, un hostaleiro cun bar xunto á sucursal da rúa do Vilar.

“Existe un grave risco de exclusión”

Presidente AAVV Casco Histórico

Roberto Almuíña

“Existe un risco grave de exclusión das persoas maiores e nesta oficina todos os días hai cola, a calquera hora da mañá. Eles din que non é o seu problema que non teñamos unha oficina tan próxima, pero o rescate da banca custounos a todos 2175 euros”, enfatiza o responsable.

“Tería que deixar a mercancía fóra”

Propietario dun Restaurante

Luis Manuel

“Isto prexudícame moitísimo. Esta decisión párteme os esquemas. Se teño que ir á Senra, non podo recoller a mercancía, e máis se o Concello adianta o reparto. Así, é imposible compatibilizar horarios”, destaca o xerente dun restaurante do Vilar que leva aberto dende o 1982.

“Teño dereito a un servizo persoal”

Clienta dende 1978

Encarna

“Pecharon o Preguntoiro e agora esta. Na Senra hai unha acumulación de xente e de servizos e o trato non é como o desta oficina, porque aquí é case personalizado e iso é o que quero. Teño dereito porque o meu diñeiro leva aquí dende o ano 78”, enfatiza esta residente da rúa do Carme.

09 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.