Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Salvada’ a armadura de madeira da Corticela, obra de Pons Sorolla

Detrás da rehabilitación da peza instalada hai sesenta anos está o Consorcio // “Era unha intervención simple que se complicou polos danos detectados”

O Consorcio de Santiago continúa o labor de rehabilitación de monumentos e espazos singulares que forman parte do patrimonio histórico de Compostela. Un deses espazos a recentemente reaberta capela da Corticela, historicamente exenta da Catedral. A Corticela vén de ser obxecto dunha ampla intervención na que destaca a restauración da armadura de cuberta de madeira, obra do arquitecto-conservador Francisco Pons Sorolla nos anos sesenta. Pons Sorolla, xa falecido, foi unha figura clave para a arquitectura e a rehabilitación urbanística na cidade.

Pese ao éxito da obra unha vez rematada, desde o Consorcio indican que os traballos foron complicados. “O que empezou sendo unha intervención simple para eliminar pingueiras complicouse polos danos detectados unha vez comezada a obra, pero, por fortuna, fomos quen de salvar esa estrutura de carballo, reforzando algunhas vigas e incorporando canzorros nos muros onde se asentan os tirantes de madeira. Tamén se eliminaron os recrecidos de morteiro de cemento que tanto prexudicaron a estrutura de madeira facilitando o ataque da couza”, segundo explica o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio Ángel Panero, que agradece a implicación da Dirección Xeral de Patrimonio para completar a obra.

A intervención interior complétase con traballos de limpeza dos paramentos da fábrica granítica, eliminación de recrecidos de formigón, reparación de carpinterías metálicas e unha nova instalación eléctrica, así como a restauración de elementos de valor artístico e patrimonial. Tamén se reordenou o altar e se instalou unha porta nova de castiñeiro, deseñada polo propio Panero, entre outras operacións.

Ademais, repúxose a cuberta exterior con tella cerámica: “A finalidade era lograr unha cuberta lixeira e ventilada que garantise unha maior estanquidade e mellor conservación da armadura de madeira. Coa substitución do betume de xudea co que Pons Sorolla tratara a madeira da cuberta por unha pintura mineral vermella, cremos que a Capela gañou en luminosidade. Así que paga a pena visitala e descubrir unha Corticela máis clara e funcional, con novos bancos para o culto deseñados pola Oficina Técnica da Fundación Catedral”, tal como explica o arquitecto responsable dun proxecto no que o Consorcio de Santiago investiu arredor de 155.000 euros.

Santa María a Antiga da Corticela, cuxa parroquia atende hoxe o cóengo Salvador Domato, presta asistencia espiritual aos foráneos que chegan á cidade compostelá. Mantense a tradición universitaria de depositaren os estudantes os seus desexos, particularmente en época de exames, ante a imaxe de Xesús no Horto das Oliveiras. Á Corticela tamén acoden peregrinos de todos os países. Tamén representa un lugar moi especial para todas as parellas que escolleron esta igrexa para o seu matrimonio. Este é o escenario habitual de vodas e bautizos no entorno da Catedral, xa que non se poden realizar dentro do templo.

21 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.