Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Salvador García-Bodaño amosa a súa pegada no Xardín das pedras que falan

O texto que escolleu o escritor para este lugar tan especial foi “Compostela, soño de pedra no tempo”

Santiago. Salvador García-Bodaño xa ten a súa pegada, cun breve texto Compostela, soño de pedra no tempo; no Xardín das pedras que falan, detrás do Colexio de Fonseca. Inaugurouna onte o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, nun acto no que, ademais do poeta, tamén estiveron presentes a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o reitor da USC, Antonio López; o escritor e catedrático, Claudio Rodríguez Fer, e distintos membros da Corporación Municipal.

García-Bodaño agradeceu o acto, recordou que se van colocar 40 pedras e incidiu na similitude da súa colocación co simbolismo das espirais celtas. Para o alcalde, “Salvador é unha historia de amor e compromiso con Santiago e con Galicia”. “Con estas pedras”, sinalou Sánchez Bugallo, “o que se fai é lembrar, de xeito permanente, a presenza de determinadas persoas “na vida da nosa cidade”, igual que coa praza que leva o nome do escritor. “Temos”, engadiu, “o recoñecemento de Salvador como fillo adoptivo de Santiago, e como medalla da cidade, e agora, a través desta pedra, facemos unha lembranza especial de García-Bodaño, como poeta e escritor” vinculado a Compostela.

Antonio López, destacou “as valiosísimas capacidades literarias” de García-Bodaño, ás que engadiu, hai que facer xustiza, “con esta pedra e con estes versos; para recoñecer a pegada de Salvador na poesía galega e na cidade”.

Claudio Rodríguez Fer referiuse a obra literaria do homenaxeado, dos máis variados xéneros, pero “especialmente da poesía”, vinculada, engadiu, “ao mundo das artes, ao mundo das letras e especialmente á nosa memoria histórica, especialmente á de Santiago de Compostela”. No acto tamén estiveron presentes o portavoz do PP local, Alejandro Sánchez-Brunete; a edil de Compostela Aberta, Branca Novoneyra; e a voceira do BNG, Goretti Sanmartín.

As tres primeiras pedras colocáronse en maio de 2018, con versos, nas linguas orixinais, de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza. A patir de aí uníronse máis autores, nunha iniciativa que ten como obxectivo principal render un merecido homenaxe literario a distintos escritores de todos os países e todas as épocas.

O poeta Salvador García-Bodaño, unha das grandes voces da súa xeración, naceu en Vigo en 1935. Cofundador do grupo O Galo, colaborou con diversas publicacións, e é autor de varias traducións ao galego. Ingresou como membro numerario da Real Academia Galega en 1992. Ó longo da súa vida recibiu numerosos premios e recoñecementos, entre eles o Premio da Cultura Galega 2012 no apartado de Letras. En 2013 recibiu o premio ‘Voz da liberdade’ e en 2015 a Medalla de Ouro de Santiago e o título de Fillo Adoptivo. redacción

08 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito