Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Santa María de Conxo, unha parroquia con moito que contar

Que cousas nos conta Conxo? Pois... un castriño con petróglifos de armas; o primeiro convento feminino de Galicia (Santa María de Canogio); a Virxe da Concha; o mosteiro mercedario; o santo Cristo de Conxo; o castelo da Rocha Forte e os Irmandiños; o Banquete de Conxo; o carballo centenario nomeado como a árbore senlleira do ano en España e que compite por ser a “árbore europea do ano”, neste 2022; a viaxe inaugural (1873) do primeiro tren galego, Cornes-Carril; a Virxe do Sar, atopada no amentado río e que resultou ser unha talla gótica (Virxe do leite) do século XIV, logo da análise e da súa catalogación...

E, por onde comeza un con tanta historia? Sen máis, polos accesos. Achegarse a algunha destas xoias é tarefa labiríntica. Que llo digan aos rivais do C.D.“Conxo Santiago” de fútbol, que veñen de diversos puntos de Galicia e non atopan o campo, pasándose de longo e tendo que preguntar pola vía de entrada, porque non hai indicación algunha. Como se pode achegar Compostela ao carballo de Conxo? Ao lugar do “Banquete”, a carón do Sar? Onde están os sinais indicadores?

Poida, que abrir un vial polos terreos do Sergas sexa unha mellor solución, que o actual extramuros pola Rúa da Fervenza. En todo caso, o Conxo máis histórico, o máis interesante, permanece máis incomunicado que nos tempos en que se empregaba a Vía da Prata ou o Camiño Portugués.

O galeguista compostelá, Antonio Neira de Mosquera, da primeira metade do s. XIX, deixou na súa obra “Monografías de Santiago” (1850), un capítulo adicado a Conxo, favorecendo así a conservación da súa lenda fundacional. Unha lenda onde se fusionan o amor e o culto xacobeo, a paixón e a fe. No século XII, unha moza da rexión francesa da Picardía, de nome Roswinda, vaise esposar co fillo do Señor que goberna a rexión, pero a enfermidade do pai agrávase no día da voda e Alberico Canogio ofrécese peregrinar a Santiago pola súa recuperación. Pero, nesta parella de namorados interfire un terceiro, o conde Guarino, namorado de Roswinda, que sae tras o seu rival co firme propósito de eliminalo.

Poucos días despois de decatarse a moza, abandona o castelo e ponse en camiño cara Santiago para avisar e protexer ao seu prometido. “Guarino encontrará antes que Rusuída al hijo del Señor de Picardía” (p. 231).

Acompañado dos seus paxes e disfrazados de falsos peregrinos, dos que tamén nos fala o “Codex Calixtinus”, dá morte a Alberico Canogio nun Hospital, “después de cuatro jornadas en el territorio español” (p. 232). Cando chega Roswinda, os verdadeiros peregrinos que durmían no Hospital son testemuñas da súa dor e do seu voto ou compromiso. Se o seu amado morreu intentando chegar ao sepulcro do Apóstolo, ela cumprirá no seu nome esa promesa.

Cando chegue a Santiago daralle sepultura, alí onde unha bandada de pombas voen no seu nome, como reveladoras do seu espírito. “El voto de Rusuída no ha sido cumplido hasta después de visitar la catedral de Santiago, llegando a la hermosa vega de Baixosar y distinguiendo sobre un ribazo descarnado, una banda de palomas que bajaban a saciar su sed en los remansos murmuradores del humilde Sar”. (p. 234).

Con esta fermosa historia de amor e sacrificio pide permiso ao arcebispo Xelmírez para fundar, en setembro de 1129, o mosteiro feminino de Santa María de Canogio, en honor á Virxe e ao seu namorado e prometido.

Unha vez que xa identificamos o nome de Conxo con Canogio, frei Gabriel Téllez, coñecido como Tirso de Molina, frade e cronista da orde mercedaria, ademais dun prolífico escritor de comedias, xustifica o nome con outra tradición: a da Virxe da Concha. Segundo o editor da súa “Historia General de la Orden de Nuestra Señora de las Mercedes”, Frei Manuel Penedo Rey, estivo de visita e como mercedario en Conxo, en 1630.

Pero diso falarei máis adiante. A súa “Historia” adica un capítulo especial ao mosteiro mercedario de Conxo e ao milagre que xustificou a súa incorporación á Orde: “Milagrosas contingencias fueron causa de que adquiriese nuestra Orden el debotíssimo convento de nuestra Señora de Conju, extramuros de la ciudad de Compostella o Santiago de Galicia” (Hª, I, p. 425).

Informa dunha comunidade bieita primitiva con poucas freiras, que veneraban a unha Virxe moi milagreira: “y colocado en su templo una ymagen milagrossa de María, yntitulada Nuestra Señora de Conjo, que en lengua galiciana es lo mismo que Nuestra Señora de la Concha, de quien, al cabo de hartos siglos, tomó el mismo appellido todo aquel convento y término, llamándose el de Conju” (Ibid. p. 425).

Relátanos tamén Tirso que as freiras bieitas trasládanse a San Paio, en Santiago, abandonando o lugar en tempos dos RRCC (1480?), pero queren levar con elas a Virxe da Concha, algo que os fregueses non lle permitiron aos pais bieitos nin as freiras, entaboando un preito onde a Virxe decide non moverse da beira do Sar: “salieron perdidosos de este pleyto, que se sentenció en fabor de los vecinos de aquel convento sancto” (p. 426).

Trasladadas as freiras, queda a cargo do convento de Conxo, un crego, D. Diego de Saldaña. El é testemuña doutro milagre fundacional. Todas as noites, e a pesar de que as freiras xa non están, escóitanse as voces do coro: “la falta que lloraba de la comunidad de religiossas en las horas y culto monástico del coro, se avía mejorado en jerarquías angélicas que sostituhían las humanas”... (p. 427).

Anunciaba hai unhas liñas, que o editor desta crónica mercedaria de Tirso de Molina confirma a estancia do comediógrafo en Conxo, en 1630. Por como describe a paisaxe circunveciña e o edificio: “Toda la fábrica es de vóveda y que, a mi parecer ...” (p. 425). Por datos precisos como a limpeza dun letreiro sobre a porta “ pues, limpiándolo el año del mil seyscientos y treinta, un hijo de aquella casa, religioso nuestro y muy devoto, llamado fray Juan Salgado...” (p. 425). Pola biografía que adica a un frade compostelá da orde, Frei Pedro Rosende: “En aquella ciudad será casi perdurable la memoria de su fama, que oy día le pregona por santo a voca llena”. (Hª, II, p. 561) E pola alusión a Santiago nunha comedia: “La villana de la Sagra”.

Pero, Conxo non só tivo varias lendas fundacionais e a un dos grandes do século de ouro español, senón que, a mediados de 1366, como consecuencia do asasinato do arcebispo de Santiago, D. Suero Gómez de Toledo e o seu deán (alanceados diante da catedral) por tomar parte nas disputas sucesorias entre Pedro I e Enrique de Trastámara, tivo un papel importante no mantemento do culto relixioso.

Os templos e igrexas da cidade pecharon durante bastantes semanas, e aqueles composteláns que querían cumprir co precepto dominical, non lles quedou outra que ir á misa a Conxo. Testemuña deste feito foi o adaxio popular que sobreviviu durante moitos séculos: “vaiche na misa en Conxo!” En resposta aos que preguntaban por aquel que tardaba moito en vir dalgún sitio ou se facía esperar.

Non me negarán vostedes que un carballo “europeo” na beira do Sar, unha Virxe do leite nas súas augas, un castelo arrasado logo dun brutal asedio, con bolaños de pedra lanzados polas catapultas, de ata 150kg de peso, e cunhas lendas fundacionais propias, non convidan a revitalizar o Conxo histórico. Logo de votar polo carballo: https://www.treeoftheyear.org/Vote?lang=es-ES poderá vostede achegarse ao blog parroquial, onde se recollen estes versos populares, que lembran a importancia de Conxo na ruta Xacobea. Non faga como algúns, que só se acordan de Conxo cando o carballo tira as landras. Non se deixe sorprender:

“Se vas a Santiago / e pasas pola Mercé, / non te esquezas primeiro / de prostrarte aos seus pés; / porque Santiago é discípulo / e a Mercede nai é. / E ante unha nai, / nin o mesmo Señor / se deixa sorprender”.

13 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.