Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Gumersindo Guinarte Cabada. Concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo no Concello de Santiago

“Santiago é das primeiras cidades que aceptou o reto de ser innovadora”

En primeiro lugar, pode explicarnos as bondades do Smartiago, proxecto que recibe o premio Iniciativa da Administración que outorgao a Enxeñaría en Informática de Galicia?

Smartiago é un proxecto de Compra Pública Innovadora (CPI) que ten como obxectivo aplicar a innovación tecnolóxica para resolver unha serie de necesidades detectadas no ámbito de Compostela. Un proxecto destas características adquire a súa importancia principalmente polo feito de desenvolverse nunha cidade como e a nosa. Falamos dunha cidade patrimonio da humanidade, unha cidade de case 100.000 habitantes, unha cidade da que non se espera que teña a valentía de ser das primeiras, non só en Galicia, senón tamén de España en atreverse cun proxecto de innovación pública.

Estes proxectos normalmente desenvólvense en administracións de maior envergadura ou digamos en administracións que non están na primeira liña do que é o contacto directo coa cidadanía. Falamos da administración estatal ou da autonómica, universidades, entidades públicas ou algunha administración provincial ou insular. Pero na local, cun proxecto desta intensidade, somos das primeiras de España, a primeira en Galicia e a primeira que é unha cidade patrimonio da humanidade. Polo tanto, Compostela é unha singularidade neste ámbito, e aceptou o reto de ser unha cidade innovadora.

Sorprende que nunha cidade patrimonio poida levarse a cabo un proxecto tan innovador como este...

Sorprende porque somos a primeira cidade patrimonio da humanidade de España que está levando a cabo un proceso de compra pública innovadora destas dimensións. Dese conta que imos á procura dunha tecnoloxía que non existe no mercado e que debe encaixar coas necesidades establecidas. Ademais debemos engadir esa distinción no momento de implementala, xa que esta tecnoloxía debe respectar todos os elementos de protección e directrices estéticas que regulan a nosa cidade histórica.

Ten tres eixos: Iluminación, residuos e mobilidade. Pero ten capacidade de expandirse a outros campos?

Empezando polo ámbito da xestión dos Residuos Sólidos Urbanos, este proxecto está orientado na procura dun novo modelo de depósito e tratamento descentralizado da facción orgánica dos residuos, que logre que esta cidade alcance os obxectivos fixados pola UE. Tamén se quere construír unha nova forma de relación coa cidadanía que premie o comportamento adecuado en canto ao depósito de residuos e limpeza viaria, aumentando así a corresponsabilidade que debemos ter no marco dun novo modelo de servizo.

No que a iluminación se refire, queremos ter unha solución innovadora que poña en valor o patrimonio monumental, a través dunha iluminación ornamental que reduza os custos do seu mantemento e conservación a través de solucións técnicas que permitan actuar sobre as capas biolóxicas que se adhiren aos nosos monumentos, a distancia e sen intervención directa. Con luminarias sustentables, deseñadas e fabricadas baixo o modelo de economía circular. O logro deste piloto sería todo un éxito para esta cidade, xa que podería exportar esta solución a moitas outras cidades de España e de fóra dela que teñen a mesma problemática.

E en mobilidade, o reto é moito maior. Temos a necesidade de racionalizar o modelo actual de loxística (carga e descarga), reducindo a conxestión que se produce diariamente na nosa cidade histórica e na súa contorna, os seus efectos no patrimonio e no medioambiente, logrando un novo modelo de control de accesos e estacionamento.

E si, claramente este tipo de procesos de innovación pódense expandir a outros ámbitos nos que está presente a administración local; pero ten e terá como límite estes tres eixos. Unha vez que remate no ano 2022, terase que facer un reflexión sobre todo este proceso, da súa planificación, da súa xestión e dos seus resultados, para que Compostela como cidade poida decidir se quere ir máis aló no ámbito da innovación, se quere expandir a outros ámbitos esta ferramenta tan necesaria para unha sociedade que avanza sen deterse.

E pregúntome: como é posible facelo realidade se o Casco Histórico carece de internet de alta velocidade?

É sabido que ese é un problema que está resolvéndose. É certo que a falta de capacidade de acceso a internet da cidade histórica supón unha dificultade para o desenvolvemento do Smartiago, xa que algunha das actuacións que se van desenvolver requiren conexión de alta velocidade e por tanto isto é un elemento fundamental. Xa digo que compasadamente coa implantación das experiencias pilotos estase despregando a rede de fibra óptica na casco histórico.

Por que estivo tanto tiempo parado se era unha magnífica oportunidade para mellorar a calidade de vida dos habitantes de Santiago e ser un exemplo para o resto de Europa?

Cando este equipo accedeu ao goberno municipal o proxecto estaba nos seus primeiros pasos. Por distintos problemas que aconteceron, aínda non estaba en marcha a oficina técnica de Smartiago, elemento necesario para desenvolver un proxecto desta intensidade. Nós quixemos mirar cara adiante, e grazas á implicación e o arduo traballo dos servizos do Concello e do equipo técnico, dende xullo de 2019 puxemos en marcha a oficina técnica, levamos a cabo as Consultas Públicas ao Mercado con gran éxito. Participaron máis de 50 entidades que presentaron máis de 60 propostas para os distintos retos, e a maiores sacamos a licitación catro grandes proxectos por un valor de mais de 3,5 millóns, e deles a día de hoxe xa están adxudicadas tres.

É certo que coma todos os proxectos europeos, teñen uns prazos de execución e xustificación moi estritos que establece, neste caso, o Ministerio de Ciencia e Innovación, ao que periodicamente temos que dar conta dos nosos avances e resultados, para non perder este tipo de financiación. Aínda que a execución do proxecto empezou máis tarde do que sería desexable, confiamos plenamente en executalo en prazo.

Está claro que vai ter un retorno no tecido empresarial tecnolóxico máis cercano. Como pensan aproveitalo?

Ese é tamén un dos obxectivos principais de Smartiago. Non lles oculto que os responsables directos do proxecto no Concello sempre tivemos a preocupación de que a industria tecnolóxica local, (que non é moi grande cuantitativamente pero si ten un perfil de extraordinario valor, con empresas punteiras) participase. Como o facemos? Pois dende o minuto un implicándoas.

Outros proxectos ‘smart’ fracasaron, como o da Coruña, porque a cidadanía non os entendía. Como pretenden solventar este reto?

Primeiro hai que coñecer o que significa un proxecto desta natureza, a maioría sona medio e longo prazo, non teñen resultados inmediatos. Por exemplo, no proxecto de residuos sólidos urbanos, o que imos facer é unha experiencia piloto nun número moi limitado de contedores de lixo. O que se pretende é que sexan capaces de identificar o contido dos residuos que se depositen para comprobar que corresponden coa tipoloxía ao que está asignado este contedor, que dean datos sobre o nivel de almacenamento, e outras moitas variables necesarias para unha análise real e eficiente do servizo de recollida de RSU.

Si que veremos resultados inmediatos no proxecto de mobilidade, porque aí si imos instalar paneis para a regulación do tráfico, dispositivos que nos permitan controlar os fluxos e a tara dos vehículos que acceden ao casco histórico; porque este proxecto piloto está moi vinculado co novo plantexamento que o Concello vai a levar a cabo coa loxística de mercadorías da cidade. Por tanto, nós creemos que as experiencias piloto do Smartiago suporán a medio e longo prazo unha mellora nos servizos públicos xestionados polo Concello.

Que supón ter dous centros tecnolóxicos (Cesga e CiTIUS) na nosa cidade?

Nós reiteradamente expresamos o noso apoio aos sectores tecnolóxicos da cidade, o Cesga o CiTIUS, pero tamén á posta en marcha dese polo biotecnolóxico que nos parece fundamental para promover o aspecto industrial de alto valor engadido e competitivo a nivel internacional. Temos, efectivamente, centros tecnolóxicos xa consolidados, que poden contribuír ao desenvólvemento de Smartiago e doutros proxectos futuros. Por exemplo, o piloto que se desenvolverá no reto de iluminación ornamental para a protección do patrimonio, levarao a cabo unha empresa de Santiago, Televés, que conta co grupo de investigación Gemap da Facultade de Bioloxía da USC. Polo tanto é moi importante aproveitar tanto a industria punteira como os centros tecnolóxicos e de investigación cos que conta a cidade.

Baséase na Compra Pública de Innovación: non é mercar produtos dispoñibles no mercado, senón deseñar solucións a retos da man de empresas. Que aceptación tivo por parte do sector? E internamente no Concello?

Efectivamente, vostede defíneo perfectamente. Trátase de conseguir solucións tecnolóxicas que non están no mercado, e polo tanto necesariamente teñen que ter un compoñente de innovación que aproveite os elementos tecnolóxicos máis avanzados dese mercado, pero que sexa capaz de establecer novas funcionalidades que a convertan nunha solución innovadora. Por parte do sector, nós comprobamos que tivo unha gran aceptación. Así o reflicte o éxito na participación da Consulta Pública ao Mercado. Entidades de primeira fila a nivel de Galicia e de España nos ámbitos da telecomunicación, de servizos, de I+D+I, centros tecnolóxicos, quixeron participar presentando propostas moi interesantes para poder acadar os retos do Smartiago. Internamente hai que dicir que a xestión deste tipo de proxectos nunha administración que non tiña ningunha experiencia previa neste ámbito supón toda unha revolución. Tivéronse que mudar moitas das inercias que se viñan realizando nos procesos regulares da administración, falamos de novos procedementos e dunha nova perspectiva de traballo. Nese sentido, teño que agradecer a todo o persoal técnico dos servizos do Concello implicados a súa dedicación, os seus esforzos, e o seu compromiso por facer realidade o Smartiago.

Beneficios para Compostela

É un proxecto financiado con fondos Feder nun 80 % aportados polo Ministerio de Ciencia e Innovación e tamén cunha contribución do 10% pola Axencia Galega de Innovación. O Concello cofinancia o proxecto nun 10 % con fondos propios. Teño que dicir que a relación institucional é de absoluta lealdade e de traballo conxunto para o bo fin de Smartiago. A Comisión Europea pretende impulsar a innovación dende a demanda mediante actuacións de compra pública innovadora por parte das administracións públicas que orixinen novas actividades de I+D+i que permitan a creación e a consolidación de empresas innovadoras. De todo isto é do que se está a beneficiar a economía da nosa cidade e da súa contorna.

19 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito