Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Santiago recibe en Fitur o Premio Sicted e reforza a imaxe de destino turístico

A capital galega renova o acordo entre Turismo, Renfe e Hostalaría Compostela // O sector amosa un impulso nos niveis de calidade

Santiago xa conta esta ano coa presentación das liñas mestras da oferta como destino turístico: como un lugar aberto ao turismo internacional da man do Xacobeo e no que conflúen tanto valores tradicionais como cunha oferta e imaxe nova en constante transformación, representada polo Camiño de Santiago, como eixo central.

Así, na xornada de onte, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recolleu en Fitur o diploma que acredita os 20 anos da adhesión de Turismo de Santiago ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos.

A este respecto, cabe salientar que Turismo de Santiago traballou en 2021 con 130 empresas de 18 diferentes subsectores turísticos da cidade, 28 entidades máis que en 2020, e con tres subsectores novos. Como resultado deste labor, propuxéronse ao Comité de Distinción da Secretaría de Estado de Turismo 108 candidatos para recibir á distinción de calidade de Sicted, 24 máis que en 2020. Estes datos amosan que o sector turístico de Santiago está a facer un esforzo moi importante para manter os niveis de calidade.

Ademais, Santiago foi o ano pasado a cidade galega con mellores resultados e repite o segundo lugar como destino de España con maior número de distincións Preparados Covid-19, con 94. O recoñecemento outogardo a Turismo de Santiago trátase dunha distinción que garante o estrito cumprimento das Boas Prácticas Avanzadas do Sicted para a redución do risco de contaxio no sector turístico.

O acto contou coa presenza de Fernando Valdés, secretario de Estado de Turismo, e Alfonso Rodríguez Badal, presidente da Comisión de Turismo da Federación Española de Municipios e Provincias.

ACORDO RENOVADO. Nesta mesma xornada, Turismo de Santiago, a Asociación Hostalaría Compostela e Renfe reforzaron a súa estratexia de colaboración renovando, un ano máis, o seu convenio de colaboración, co obxectivo de aumentar o número de turistas que chegan a Santiago en tren, máis agora coa chegada do AVE a Galicia. O acordo, que se asinou por primeira vez en 2016, contempla, entre outras actividades, accións de comunicación conxunta, colaboración en viaxes de prensa, intercambio de soportes de promoción e difusión, colaboración en accións de marketing, participación en campañas de promoción turística conxunta, entre outras medidas.

O obxectivo principal é realizar diversas accións de marketing e comercialización para desenvolver no marco desta colaboración conxunta, potenciando, así, o posicionamento tanto de Santiago como destino turístico como de Renfe Viaxeiros, como operadora de servizos de ferrocarril. Ademais, grazas ao acordo preténdense fomentar as viaxes en tren á cidade dende os principais mercados turísticos.

PROMOCIÓN COMO DESTINO TURÍSTICO. Así, Renfe ofrecerá a todos os asistentes e expositores de todas as actividades levadas a cabo para a promoción de turismo de congresos, ou outros eventos en xeral que se celebren ou organicen en Santiago (previa presentación nos seus puntos de venda autorizados da Autorización de desconto ou en www.renfe.com) un billete nos trens cun 5% de desconto sobre a tarifa aberta ao público e no momento da compra, en calqueira das opcións dispoñibles (Básico, Elixe e Elixe Confort), ademais da posibilidade de ampliar dito desconto ao 10% en datas de temporada val.

As condicións pactadas no presente Acordo de Colaboración, que estará en vigor ata o 31 de decembro do 2022, serán para os trens Ave e Longa Distancia. Esta oferta é válida para congresos e eventos que reúnan a máis de 75 persoas que utilicen o tren nos seus desprazamentos.

Escapadas. Renfe, ademais, aplicará unha redución non inferior ao 10% sobre o prezo de referencia no importe dos seus billetes, a todo viaxeiro que contrate a través de empresas de receptivo designadas por Turismo de Santiago e a Asociación de Hostelería de Compostela, as súas escapadas temáticas ou de turismo MICE.

Turismo de Santiago, a Asociación Hostalaría Compostela ou calquera institución que organice un congreso ou evento nas instalacións de Santiago de Compostela (Organizadores Profesionais de Congresos, Axencias de organización de eventos corporativos, Axencias de Viaxe...) poderán ofrecer aos asistentes e expositores estes descontos especiais nos billetes de Renfe.

Cidades Patrimonio. Noutra orde de cousas e para pechar a axenda de Santiago en Fitur, hoxe, o Grupo de Cidades Patrimonio presentará a súa oferta na Feira, acto que contará coa presenza do alcalde compostelán, que vén de ser nomeado vicepresidente segundo da entidade e presidente da Comisión de Educación, Cultura e Deporte. Primeiro, terá lugar a Asamblea do Grupo e despois a presentación do seu Plan de Acción conxunto con Turespaña.

Santiago recibe en Fitur o Premio Sicted polo 20 aniversario da súa adhesión.

A entrada neste 2022 da cidade como destino turístico de calidade na Feira Internacional de Turismo leva como respaldo os datos do sector. Así, tras un ano máis de pandemia, o Xacobeo coronouse o pasado ano como un dos motores de recuperación económica da comunidade, pechando o ano con 180.000 Compostelas.

21 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito