Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Santiago rexistra un dos anos máis secos das últimas décadas

A cantidade de chuvia recollida en 2021 foi de 300 litros/m2 por debaixo da media// A insolación promedio foi das máis altas das estadísticas

A cantidade de chuvia recollida en Santiago no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC en 2021 foi de 1.498,3 litros/m2, é dicir 300 l/m2, por debaixo da media das últimas décadas. Polo tanto, como sinala o director do Observatorio universitario, José Ángel Docobo Durántez, “o ano recentemente terminado haino que considerar seco xa que logo o intervalo de normalidade en Compostela atópase entre os 1.600 e 2.000 litros/ m2”. Na súa opinión, a rexistrar estes datos pluviométricos contribuíu “a escasa precipitación en meses que adoitan ser chuviosos como marzo, abril ou novembro”, engade.

Segundo os datos colectados, o mes con meirande precipitación foi febreiro (356,2 l/m2, en 25 días), seguido de decembro (244,7 l/ m2) e xaneiro (224,6 l/ m2). Igualmente destacable é o feito de que se contabilizaron doce xornadas nas que a precipitación superou os 30 l/m2, correspondendo cinco deles a febreiro, dous a xaneiro, outubro e decembro e finalmente un a xuño. O maior volume de precipitación concentrouse nos días 11 (56,9 l/m2) e 2 (50,6 l/m2) de febreiro, seguidos do día 2 de outubro (47,5 l/ m2) e do 20 de xaneiro (39,6 l/ m2).

Como engade o profesor Docobo, “a pesares de ser un ano seco, mantívose a porcentaxe do 50 % para os días con precipitación, se ben descontando as 32 ocasións en que esta foi inapreciable -menos de 0,1 l/m2-, esta porcentaxe redúcese ao 41%”. Durante o pasado ano non te rexistraron nevadas na cidade.

Temperatura. A temperatura máxima do ano ascendeu a 35,0 graos e rexistrouse o 17 de xullo. O día anterior o termómetro xa recollera 33°4, sendo a segunda máis alta do ano. Porén, José Ángel Docobo aclara que neste mes de xullo se mediron temperaturas máximas impropias do verán, como os 17,5 graos do día 5 ou os 18,6 e 19,0 graosdos días seguintes. En total foron sete as xornadas nas que a máxima non alcanzou os 20° neste mes de xullo.

A temperatura máxima máis baixa contabilizouse os días 1 e 3 de xaneiro cando o termómetro non superou os 6,8 graos. Neste mesmo mes, tiveron lugar temperaturas negativas nun total de sete xornadas. Destacan os -2,3 graos do día 16, mínima absoluta do ano. Pola contra, a mínima máis elevada corresponde aos 19,5 graos do 6 de setembro. En opinión do director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, “pode que a nova termométrica máis salientable fora a máxima acadada no derradeiro día do ano, un rexistro histórico de 20.8 graos -superados ao día seguinte, xa en 2022, con 21,5 graos-“. O profesor Docobo lembra que estras cifras non se alcanzaron nos días de xullo antes mencionados.

Ademais, neste pasado 2021, o resumo termométrico rexistrou unha temperatura superior a 30 grados que se correspondeu a 8 días do ano. Tamén rexistrou un total de 40 días nos que a temperatura se situou por enriba dos 25 graos. Pola contra, en relación ás temperaturas mínimas, rexistráronse un total de 53 días cunha temperatura entre 5 e -0 graos.

Insolación. En termos de insolación, as 2.278 horas e 10 minutos medidas en 2021 “superan claramente a media das últimas décadas, situada en 2.075”, explica José Ángel Docobo, e posiciónase como o terceiro ano con máis número de horas de insolación dos últimos 30, logo dos rexistros contabilizados en 2017 (2.351,3 horas) e en 2016 (2.290,8 h). Estas horas de sol supoñen un 52% sobre o total de horas de insolación posibles no ano. Como engade Docobo “o astro rei brillou en Compostela máis de 9 horas ao longo de 117 días, e entre 6 e 9 horas noutras 82 xornadas. En cambio, en 38 ocasións, o Sol non se deixou ver na capital galega”.

04 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito