Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Manuel Martín Gómez, avogado e ex-docente da USC

“Sendo dun pobo, chegar a ser docente na Universidade foi unha satisfacción plena”

A vida de Manuel Martín Gómez está marcada pola súa humildade e o seu traballo polo ben dos demais. Nado en Muxía, a súa terra ten un papel moi importante na súa vida, posto que sempre estivo moi ligado a ela, tanto no plano profesional coma no social. Froito da implicación coa súa vila, conta cun trofeo benéfico, cuxos fondos axudaron e axudan a tantos cativos locais, que xa vai pola trixésimo sétima edición. Ademais, leva cincuenta anos exercendo como avogado en Santiago e foi docente na Facultade de Dereito da USC.

Para chegar ao Manuel Martín Gómez que hoxe coñecemos, como foron os seus primeiros anos de vida? Como o marcaron?

Nacín o 15 de xuño de 1944, en Muxía, nunha familia humilde de sete irmáns. A miña proxección nace saíndo da miña vila con 10 anos, xusto no momento no que se inauguraba o seminario en Santiago, que era para nós a universidade para a clase media-baixa. Aí comezou a miña andaina de estudos, ata o que deixei aos quince anos. Daquela, adapteime aos estudos de bacharelato no Instituto Bispo Xelmírez de Santiago e, ao rematar, entrei na Universidade de Santiago, na carreira de dereito. Neses anos compaxinaba estudos e traballo, sendo inspector internado no Colexio Peleteiro, o cal me daba pensión e lle servía de moita axuda a meus pais.

Era duro compaxinar traballo e estudos?

Requiriu moito sacrificio, pero din sacado a carreira. Ademais, namoreime dunha santiaguesa, polo que aí comezou a miña andaina profesional e sentimental.

Comezou, dese modo, un camiño moi prolífico como avogado?

Na miña profesión sempre tiven moita sorte, exercendo, felizmente, como profesional de dereito, cun bufete de cinco avogados e unha asesoría fiscal de empresas, que dirixe a miña nora Estela García. Levo xa cincuenta anos no Ilustre Colexio de Avogados de Santiago, recibindo a medalla de ouro do ente; fun secretario da Escola de Práctica Xurídica de Santiago e tamén tiven a sorte de ser membro da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación; e todo isto permitiume ser un dos asesores da Fundación Amigos de Galicia.

Polo tanto, agora xa estou nunha idade para ver os touros dende a barreira, porque cincuenta anos de profesión xa son moitos e tendo dous fillos na rama de dereito, a miña satisfacción xa é plena. Pronto chegará o momento de deixalo. Teño algún litixio pendente, que cando toquen ao seu punto final, deixarei a profesión. Iso si, todo o que poida axudar, fareino, porque eu tamén tiven a sorte de recibir apoio cando era un mozo de dous grandes profesionais como son Carlos Fernández Nóvoa e José Antonio Gómez Segade. O meu desexo é que os meus fillos poidan ter a mesma gratitude imperecedoira que lle teño eu á memoria de meus pais.

Ademais de exercer na profesión, formou a moitos profesionais en Santiago. Que significou isto para vostede?

Formei a moitos profesionais, atopando a miña proxección definitiva sendo profesor de Dereito Económico na Universidade de Santiago durante máis de 25 anos. Para alguén que naceu nunha familia humilde e dun pobo, foi unha satisfacción total, o máis grande da miña vida.

Falando dese plano sentimental, que pode dicir de Muxía e o Santuario da Virxe da Barca?

Pensando no meu pobo, o broche de ouro á miña vida foi que fun o benfeitor do Santuario da Virxe da Barca, despois do terrible incendio provocado pola cicloxénese. Ver agora o altar vestido a imaxe e semellanza do que había é todo un orgullo e unha satisfacción. Coa axuda de moita xente de confianza fixemos o retablo actual, cunha reprodución moi lograda da Virxe da Barca, conseguimos tamén un harmonio impresionante, fixemos unha Virxe do Carme que veu de Valladolid, arranxamos os viacrucis todos e con outro grupo de amigos gravamos un cristo coa Escola de Asorey.

Esa vinculación á súa vila tamén se prolonga ao deporte?

Así é. Tiven unha etapa intermedia, mentres estudaba en Santiago, de xogar no Compostela. Con todo, en primeiro de carreira, deixeino, porque as notas non eran as que deberían. E o mesmo lle pasou a meu irmán, que tamén o tivo que deixar polo seu traballo. Con todo, os meus primeiros pasos no deporte foron na Liga da Costa, polo que para min era toda unha honra chegar a ese nivel. Eses inicios no fútbol marcaron o devir do posterior Trofeo Manuel Martín, xa que sempre dicía que se chegaba a algo na vida quería axudar ao equipo do pobo e á formación universitaria dos rapaces. Toquei o ceo cando o conseguín, porque 37 anos dan para moito.

Que é o Trofeo Manuel Martín?

O Manuel Martín é un trofeo moi coñecido en Galicia que se xoga cada verán para recadar fondos cun fin social. A proxección social do mesmo está pensada na formación física e académica dos rapaces de Muxía, para que o resultado económico fose vertido neles. Aínda así, houbo anos nos que cambiou a norma por desgrazas que tiveron lugar na vila. Agora, nestas últimas edicións a recadación foi para o Banco Farmacéutico de Galicia, co obxectivo de que ningún rapaz ou rapaza en risco de exclusión quede sen a medicación que precisa.

Ademais da normativa, tamén cambiaron os escenarios?

Así é. Tivemos que deixar Muxía porque ao acudir equipos grandes non podían xogar nese campo. Había que darlle un bo servizo e por iso fomos cambiando de instalacións. Xogouse no campo do Unión Cee, en San Lázaro, en Riazor, no Anxo Carro ou en Portonovo, contando con equipos como o Supérdepor, o Real Madrid Castilla, o Compostela, o Pontevedra ou o Muxía. Deste modo fomos espallando a proxección deste trofeo, grazas tamén á colaboración inestimable de persoas como Arsenio Iglesias, Raúl García de Loza e José Manuel Otero Lastres.

momentos

1 Familia. Está casado con Mercedes García Novio, docente xubilada dun instituto, e ten tres fillos: Manuel, avogado e secretario do Colexio de Santiago, Mercedes María, farmacéutica e Ana María, procuradora en Santiago.

2 Santuario da Barca. Mercé a súa axuda na súa reconstrución foi declarado benfeitor do Santuario.

3 Trofeo Benéfico. Leva 37 anos axudando aos rapaces da vila co trofeo de fútbol Manuel Martín, unha recadación que nas últimas edicións se destinou ao Banco Farmacéutico.

4Avogado. Leva 50 anos exercendo no Ilustre Colexio de Avogados de Santiago, do que recibiu a medalla de ouro.

5 Docente. Dende o 1992 foi docente de dereito económico na Universidade de Santiago, polo que formou a moitos profesionais do sector.

05 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito