Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O animal achegouse ás casas do lugar da Cruxeira na xornada festiva de Todos os Santos // A veciñanza reclama que se arranxe un camiño no que se forman grandes balsas TEXTO F.C.

Sesión de ‘balneario’ para un porco celta en Santiago

Con todo tipo de comodidades e aproveitando as condicións do terreo, un porco celta achegouse este pasado luns, xornada festiva de Todos os Santos, ás casas do lugar da Cruxeira, en Santiago, para darse un pracenteiro baño nas balsas de aguas que se forman no camiño.

O animal, que fai unhas semanas se avistou en Cacheiras, no veciño concello de Teo, estivo durante un longo tempo relaxándose nestas charcas de gran magnitude e profundidade, para sorpresa da veciñanza. Algún deles mesmo levou un tremendo susto polo importante tamaño do mamífero.

Tal e como apuntaba recentemente o xornal Teo Vivo nas súas páxinas, este espécime escapa dunha leira teense, na que, algún gracioso lle abre a porta para que escape. Xa non é a primeira vez que pasa algo así, só que nesta ocasión o seu paseo foi un pouco máis longo do habitual.

Dende que no 2017 se avistasen, durante varios meses, a varios xabarís vivindo e campando ás súas anchas no Campus Vida da Universidade de Santiago, os cales se fixeron virais nas redes sociais, non se volvera a producir un suceso destas características na capital galega.

Máis aló da parte simpática da nova, cabe destacar que estes poden resultar un perigo para os vehículos, se deciden cruzarse no seu andar, así como para os propietarios das fincas, xa que poden esnaquizar ou danar os cultivos destes terreos. A maiores, como se pode ver no vídeo colgado na web do xornal, o animal non se amedrenta nin escapa ante a presenza de persoas nin polos ladridos dos cans.

UNHA PROBLEMÁTICA QUE VAI MÁIS ALÓ. Estas imaxes curiosas que nos deixou a presenza do porco celta na Cruxeira poñen de manifesto unha denuncia da veciñanza do lugar, xa que levan semanas reclamando o arranxo do vial.

Apunta un dos veciños, o que gravou ao animal e o máis afectado pola presenza das balsas na parte frontal do portal de acceso á vivenda, que a situación do camiño é crítica, pero que as súas protestas non foron atendidas. “Hai tres charcos de tal magnitude que pegan os baixos dos coches, mesmo dunha vez quedei atrapado nun deles, porque patinaban as rodas, e tiven que chamar á grúa para que me sacase dalí”, lamenta en conversa con EL CORREO GALLEGO.

Ademais, salienta que coma el hai outros cinco domicilios que se atopan na mesma situación, xa que teñen que pasar por este punto para chegar a eles.

Por iso, puxeron unha reclamación ante a concellería de Medio Rural a comezos do pasado mes de outubro, momento no que se comezaron a asolagar as fochancas. A pesar de que lle confirmaron dende o ente que se achegaría un arquitecto pola zona, o afectado afirma que aínda non pasou ninguén e que a situación se está agravando co mal tempo destas datas.

03 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito