Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sesións de observación e divulgación astronómica, a nova proposta do Observatorio Ramón María Aller

    ASTRONOMÍA. A Vía Láctea e

    outros motivos xacobeos do Camiño representa a última iniciativa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, que busca dar a coñecer a riqueza patrimonial do Camiño de Santiago xunto cos fenómenos e obxectos astronómicos que podemos contemplar ao percorrelo.

    Coordinado polo director do Observatorio, José Ángel Docobo, o programa combina sesións de astronomía con conferencias en relación coa arte xacobea do Camiño, que serán impartidas por Cecilia Doporto, experta neste ámbito.

    Así, a coñecida relación entre a ruta peregrina e a Vía Láctea, vertebra e serve de estímulo a unha proposta divulgativa a cabalo entre a astronomía e a arte que se espallará por todo o territorio galego no verán.

    Concretamente, en agosto e en setembro será cando esta proposta comece a chegar a diferentes zonas, que acollerán sesións astronómicas públicas que se realizarán a simple vista ou con telescopios portátiles que a propia USC desprazará para a ocasión. O Barco de Valdeorras, Lalín, Allariz, Sobrado, Santa Comba, Cartelle, Ribadeo, Sanxenxo, O Grove, Sarria, Noia, Rianxo, Teo, Boqueixón, Padrón ou Santiago son algunhas das localidades onde se celebrarán. Nelas, os participantes aprenderán a identificar diferentes obxectos observables, así coma infinidade de información e datos acerca da natureza dos mesmos.

    Ademais do xa citado José Ángel Docobo, as sesións contarán coa presencia doutros colaboradores do OARMA.

    En canto ás conferencias sobre os motivos xacobeos do Camiño, estes versarán sobre a súa mitoloxía e historia e celebraranse en concellos como Dozón, Rodeiro, Lalín , Silleda, San Cristovo de Cea, Chantada, Melide ou Palas.

    As sesións serán completamente de balde e a través do portal web da mesma pódese coñecer toda a información respecto ás datas previstas para cada concello, ou reservar prazas. ECg

    06 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito