Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Special Olympics Galicia protagoniza o Xacobeo máis inclusivo coa súa peregrinación ata a praza da Quintana

Santiago. Máis de 450 peregrinos con discapacidade intelectual procedentes de toda España completaron onte a clásica Peregrinación Xacobea que organiza Special Olympics Galicia cada Ano Santo, co fin de visibilizar o movemento asociativo da discapacidade intelectual, así como ás familias, profesionais e persoas voluntarias que conforman dito movemento. Despois de seis días de peregrinación, onte recorreron a etapa final, na que se reuniron todos os peregrinos que estiveron a percorrer os diferentes camiños para facer o recorrido entre o Monte do Gozo e a Alameda.

E xa en Santiago, a Praza da Quintana acolleu a celebración do acto final, ao que acudiron o alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, quen defendeu o papel “fundamental” do deporte como ferramenta de “integración e visibilización”.

Fíxoo mentres percorría o tramo entre a Alameda e a praza da Quintana. O presidente da Deputación felicitou aos participantes polo esforzo realizado e polos valores que “transmiten á sociedade”. Ademais, reivindicou a “inclusión e a protección social” como dúas das preocupacións compartidas entre a Deputación da Coruña e Special Olympics Galicia. Formoso enxalzou tamén o labor desta entidade, poñendo en valor o traballo que realizan, ao longo do ano, “para crear unha comunidade tan forte e para demostrar que hai un campión en cada un de nós”.

Durante a súa intervención, amosou o “orgullo” que supón para a Deputación da Coruña colaborar con este tipo de iniciativas, especialmente, se están enmarcadas “no Camiño de Santiago, unha experiencia inigualable de unión co territorio, coas súas xentes e coa natureza”. Formoso rematou incidindo na necesidade de que as administracións concreten as súas prioridades, “que non poden ser outras que estar ao carón da xente”.

O obxectivo deste proxecto, no que tomaron parte tanto entidades autonómicas como nacionais, foi facilitar a inclusión de todas as persoas con discapacidade intelectual que desexaran sumarse ao Ano Santo Xacobeo. Special Olympics Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual. Para conseguir este obxectivo, fundamentan a súa liña de traballo en tres piares fundamentais: o deporte, o lecer e a cultura.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, tamén participou na xornada final. “Cada día enfrontádesvos a unha sociedade que é certo que avanzou de maneira considerable na inclusión social, pero á que aínda lle queda moito por camiñar nese percorrido. Percorrestes moitos quilómetros para chegar ata aquí, a Santiago e a súa emblemática Praza da Quintana, que hoxe son un símbolo desa inclusión”, sinalou Rivas no seu discurso. ECG

04 jul 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito