Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Talentia acadou ata o momento 23.000 participantes virtuais

Bugallo destacou a importante labor da feira tras o balance dos resultados obtidos // En Santiago incrementáronse as ofertas de traballo ata case 600

Coincidindo co ecuador da feira virtual de talento e emprego Talentia Summit 22, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o responsable do Departamento de Emprego, Xabier Ferreiro, aproveitaron para facer balance dos resultados obtidos ata o momento e desvelar os detalles do Foro Talentia 2022 que se celebrará a próxima semana e que porá o punto final a esta edición.

O alcalde anunciou que Talentia Summit 22 contaba ata o mércores “con 22.893 usuarios activos na feira virtual, 2.368 prazas reservadas en cursos de formación e certificacións oficiais, 2.042 currículos intermediados para as 594 vacantes ofertadas e 1069 videoconferencias en entrevistas virtuais con empresas”. Trátase dunhas “cifras tremendamente importantes que indican que este evento está cumprindo a súa misión de potenciar e poñer en valor o talento”, engadiu o rexedor.

Talentia ofrece un gran catálogo de actividades gratuítas e que lles permiten ás persoas conectar de forma áxil e sinxela cunha gran rede de empresas e organizacións que están á procura de talento. O evento pon ademais á disposición das persoas interesadas unha amplia oferta formativa, certificacións oficiais e unha unidade de desenvolvemento profesional.

O FORO. Durante a rolda de prensa tamén se presentou o Foro Talentia 2022, que terá lugar o vindeiro xoves 24 de novembro en xornada de tarde, de 18.30 as 20.45 horas, no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura. As entradas poderanse reservar de forma gratuíta a través da web de Talentia Summit 22. Yolanda Vázquez será a condutora dun acto que contará con varios conferenciantes de prestixio. Ademais, o talento artístico terá a súa representación en Fredi Leis, músico e compositor compostelán que animará unha xornada que estará cargada de innovación e coñecemento.

Así, o Foro volta de novo á Cidade da Cultura, onde xa celebrara a pasada edición con grande éxito. E do mesmo xeito, tamén será difundido en tempo real mediante streaming. Este será inaugurado polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e reunirá referentes do talento en diferentes áreas: Gemma Ventura Santasusana, happiness hunter, experta en Procesos de Xestión da Felicidade; Juan Antonio Báez Morín, vicepresidente do Consello da Xuventude de España; Eva Porto, psicóloga, recrutadora e creadora de contidos; Luis Gil, catedrático da ETSI Montes, Forestal do Medio Natural; e, por último, Miriam Blanc, con experiencia como product owner, especialista en BPM e en procesos de automatización, intelixencia e minería.

Por último, o broche de oro poralo Fredi Leis, o encargado de clausurar a edición poñendo a música. O recoñecido músico e compositor compostelán conseguirá crear o ambiente perfecto para clausurar a edición 22 do Talentia Summit.

18 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito