Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tato e Espiño levan á escena de O Cum o mellor de David Bowie

MÚSICA. O rock-café O Cum (rúa da Fonte de Santo Antonio, 17) prepárase para recibir este sábado a un dúo de artistas e musicómanos, Tato e Espiño, nunha cita que fará as delicias dos aficionados ás melodías pero, especialmente, daqueles forofos do glam. Special David Bowie arrancará ás 21.00 horas no citado local, e será unha ocasión coma poucas para gozar do vastísimo repertorio de temas que deixou compostos o xenio británico. Iso si: dun xeito diferente e dentro do marco da aposta por un espectáculo que trascende o musical e mergulle á audiencia na súa atmósfera e universo propios.

O concerto enmárcase nun proxecto de sesións en vivo neste café-bar no que participan (e impulsan) Espiño, Tato e outros artistas. “Este ano decidimos ir un pouco máis alá do típico concerto de versións (e algún orixinal) e facer noites máis temáticas, así que desta vez vai un monográfico sobre David Bowie”, explica Espiño, “dende a súa primeira época mod até finais dos setenta, parándonos tamén na etapa hippy e, especialmente, na glam de Ziggy Stardust”, engadindo que non faltará “algunha sorpresa ao final”.

Respecto ao dúo protagonista da velada (con perdón de Bowie), temos ante nós a dous músicos con ampla experiencia nos escenarios e a carón de numerosos conxuntos. Alfonso Espiño, inmerso hoxe no seu proxecto en solitario, Espiño, formou parte de Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit ou Que Vida!. Pola outra banda, o currículo de David Tato Vázquez pasa por grupos como Carla Green & The Demons, Fabulous Resaca Brothers, Bakin’ Blues Band ou Los Horizontes de Lou Reyes, e actualmente tamén lidera o seu propio proxecto, Tato Trío. Ambos son, ademais de colegas de gremio, amigos e mesmo coincidiron tocando na banda Los Chavales. P.B.

18 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.