Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Tiña a vida arranxada, pero perdín á muller e todo se volveu moi difícil”

Manuel relata como acabou vivindo nunha tenda na beira do río Sarela, nunhas condicións moi duras // Agarda poder ter un fogar, aínda que coa súa discapacidade atópase con moitos atrancos

Ás veces, a vida pode ser tan cruel que, dun día para o outro, podes pasar de ter un traballo, unha familia e un futuro, a verte na rúa e desamparado. Este terrible cambio é o que, lamentablemente, viviu Manuel J., un ourensán que, como el di, pasou de ter a vida arranxada a estar vivindo nunha tenda de campaña na zona de San Lourenzo, en Santiago. “Hai catro anos perdín a miña muller e quedei na rúa. Tiña a vida arranxada, cun bo traballo, pero trala súa perda, as cousas volvéronse difíciles para min”, explica en declaracións a EL CORREO.

Ante episodios vitais extremadamente adversos, nos que te das de fronte contra a realidade máis atroz, dispoñer de fortaleza mental ou dalgún apoio emocional próximo é crucial. Porén, desgraciadamente, non todos son quen de acadalo, e así se chega a situacións como as de MJ. “Vivía nunha casa na zona da Universidade e era xefe de cociña nun club de tenis, pero ao falecer ela só aguantei unha pequena tempada, ata que xa non puiden máis. Por iso, cambiei de cidade”, relata o protagonista.

Neste caso, o golpe anímico xuntouse coa súa discapacidade intelectual, que non debería ser un problema pero, a tenor das súas vivencias, si que o é. “Para encontrar piso é moi complicado. Cando o propietario descobre que tes unha deficiencia, xa te observa doutra maneira”, confesa.

CHEGADA A SANTIAGO. Deixando atrás a súa cidade natal, MJ emprendeu unha andaina que tivo como destino a capital galega. Acompañado da súa cadela de seis anos Gaia (madre tierra), a súa compañeira de vida, comezou esta experiencia. “Tiña moitas gañas de facer o Camiño. Saín de Ourense con esa idea, pero ao chegar a Cea din volta e funme dirección Madrid e dalí a Lisboa, para facer o Camiño Portugués pola Costa. Foi un camiño que me trouxo cousas moi boas, moitos axudáronme, coñecín xente marabillosa e realizar esa aventura viume moi ben”, recorda.

Con todo, como reza o dito “as desgrazas nunca veñen soas”, a aterraxe en Compostela viu acompañada de máis episodios duros. “Cando cheguei atopei traballo aos poucos días, pero estiven dous meses traballando para esa persoa e nunca me pagou”, comenta desgustado.

Ademais, para atopar residencia, aos obstáculos citados anteriormente, sumáronse tamén as restricións dos fogares locais de axuda. “Os albergues son complicados, porque tendo a cadela, non podo vivir con ela. A maiores, só podes estar un mes e para ese tempo, prefiro ter a miña tenda e estar nela, porque é un lugar no que podo estar en paz”, sinala.

De este modo foi como acabou, xunto a outros dous mozos, no pequeno asentamento que ergueron na zona de San Lourenzo, ao carón do río Sarela, onde leva tres meses. “É moi duro, pasamos moito frío. É a primeira vez que me vexo nesta situación e resulta moi complicado”, explica sobre unha etapa vital que agarda que sexa curta. “Agardo que sexa algo puntual, gustaríame atopar un sitio onde vivir. Gustaríame que cando saiban que teño unha discapacidade non se asusten”. Por sorte, confirma, mentres sobreviven nestas circunstancias, a veciñanza móstralles a súa solidariedade. “Hai moitos veciños do barrio que nos traen mantas, sacos de durmir, regaláronnos un cámping gas e a verdade é que non podemos dicir nada malo deles, porque nos axudaron moito e ségueno facendo”.

A DUREZA DO DÍA A DÍA. Co amparo de Cáritas Diocesana, a través do Centro Vieiro, o día de Manuel comeza cando as primeiras raiolas do sol atravesan a tela da tenda. “Levántome moi cedo para ducharme no Vieiro. Dalí vou pedir á porta dun supermercado, onde me axudan dándome tanto comida para min como para a miña cadela”, destaca. Trala matinal, ao mediodía, “normalmente”, vai á Cociña Económica, pero noutras ocasións, aproveitando o fogón portátil que lles regalaron, “volvo ao Sarela para cociñar o que me dan”. Tras un momento ameno, polas tardes, “regreso ao súper para conseguir algo para vivir e saír un pouco adiante”, conclúe. Por outra banda, a mesma asociación, apunta, estalle a prestar o seu apoio para buscarlle un fogar.

fixo falta a presenza dos bombeiros

···· Hai unhas semanas, segundo fontes policiais, tívose que actuar nesta zona por un posible caso de covid, no que mesmo foi necesario a presenza dos bombeiros. Con todo, MJ, o indixente afectado, matiza a situación. “Primeiro doíame o brazo e despois sentín unha forte dor no peito, polo que pensei no peor, nun infarto, pero só quedou nun susto, nun problema muscular. Cando chegou a ambulancia, como estou sen vacinar, asustáronse moito, pero leváronme de madrugada e pola mañá xa tiña a alta. Levamos un susto enorme”, explica o home a este diario.

04 dic 2021 / 23:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito