Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
segunda parte. Continuamos co percorrido por algúns dos edificios contemporáneos máis impactantes da capital de Galicia que son dignos de admirar e gozar TEXTO Xavier Cea

Un paseo polo ‘outro Santiago’

Ver aquí o traballo coa relación completa de edificios destacados. O ‘art nouveau’, igual que otros estilos arquitectónicos, tivo o seu momento en Compostela. Gracias a arquitectos como Jesús López de Rego, a cidade está salpicada de fermosas pezas que desde principios do século XX aluden sen equívocos ao modernismo. Na travesa da Universidade, preto da praza de abastos ou a facultade de Historia e diante da estatua de Alfonso II hai un edificio residencial modernista construído en 1906 por Manuel Hernández, vistoso pola súa bufarda acristalada e chamativo pola galería e carpinteiría exterior azulonas, de gran contraste coa tonalidade en xeral pétrea da zona vella da cidade. Subindo polas Casas Reais, a man dereita, a Casa de Cotos, construída en 1913 polo arquitecto vigués José Franco Montes, marca o mesmo estilo. Ten tres plantas, a máis baixa de pedra e a máis alta abufardada e revestida de pizarra. Portal interior tamén ‘art nouveau’, con portas de madeira. O paseante encontrará outros similares, con decoración xeomátrica e floral, na Rúa Preguntoiro, na Senra ou no Pombal. Este último, situado no número 32, foi construido polo arquitecto Jesús López de Rego en 1917 para o escultor López de Pedre. É unha casa coroada por un touro con cabeza humana e as súas ventás están abrazadas por grandes aves. Tamén é de corte modernista o pavillón de dormitorios do asilo da Rúa Carretas, branquísimo, ou a Casa das máquinas de Fenosa, na Rúa Galeras, un edificio de uso industrial obra tamén de López de Rego e moi deteriorado, polo que tivo que ser apuntalado e reforzado nas súas paredes, pero xa rehabilitado. Outra ruína é o Pazo do Espiño, do mesmo arquitecto, unha construcción grande e ostentosa instalada nun enclave privilexiado, en medio da vexetación da Finca do Espiño, e en permanente espera de ser rehabilitada. No paseo da Ferradura da alameda, moi xuntos, hai otros dous edificios Art Nouveau en bo estado de conservación, o Pavillón de recreo e a Casa de Ramón Núñez.

Pavillón de Recreo Artístico e Industrial

Edificio modernista construído polo arquitecto Antonio Palacios Ramilo para a Exposición Rexional de 1909. Ventás amplas, porta central con cornixa xenerosa con figuras de mulleres aladas e gran escaleira de acceso de dous tramos laterais que se unen en forma elíptica. Está no paseo da Ferradura da Alameda compostelá e na actualidade é unha escola infantil.

Casa de Ramón Núñez

Edificio modernista de principios do século XX que ‘fala’ coa súa contorna, a alameda de Compostela. Foi construido en 1905 por Jesús López Rego en colaboración co escultor Ramón Núñez. Fachada singular, con ventás inferiores acotadas por un espazo oval e superiores incrustadas nun ‘enreixado’ que case toca as árbores da alameda.

Mercado de Abastos de Santiago: ecléctico

Edificio de estilo ecléctico que polas súas bóbedas de canón e arcos de medio punto en portas e ventás recorda a arquitectura románica. Composto por oito naves e unha praza central con fonte. Construído en 1941 polo arquitecto Joaquín Vaquero Palacios, aproveitando do mercado de 1873 o enlousado de granito e o paredón que a separa da rúa Virxe da Cerca. É o segundo lugar máis visitado de Compostela, despois da Catedral.

Centro Galego de Arte Contemporánea: luz e volume

Pedra e deseño ao servizo das liñas, a luz e os volumes. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) foi construído entre 1988 e 1993 segundo un proxecto de Álvaro Siza e a carón dun edificio histórico e referencial, a igrexa de San Domingos de Bonaval. O contraste arquitectónico é evidente e, porén, esta veciñanza tan próxima entre o novo e o vello é enriquecedora, ata o punto de que centro de arte e igrexa definen entre eles unha praza que tamén dá acceso aos edificios e ao parque de Bonaval. O CGAC é compacto e de longas liñas. Feito de granito, dispón de tres pisos, un subterráneo e dous superiores. Forma parte do conxunto o antigo horto do convento, recuperado e rehabilitado polo portugués en colaboración coa arquitecta e paisaxista galega Isabel Aguirre. Moi dentro da cidade e da esencia galega.

CEIP Raíña Fabiola: a simetría manda

Obra do italiano Giorgio Grassi. Edificio sobrio, sen florituras, no que mandan a simetría e os volumes sólidos. Construído entre 1992 e 1993 con liñas puras e sen sobresaltos, está configurado por un cadrado con catro torres coas súas ventas equidistantes e unha pasarela baixa central. Moi cerca da Finca do Espiño e do río Sarela.

Reordeación de Xoán XXIII: a porta de entrada

A finais do século XX, a raíz do fenómeno peregrino e en maior medida pola capacidade crecente da cidade de Santiago de captar atención turística, houbo a necesidade de crear un espazo que recibise os visitantes que chegaban en autobús e que servise para introducilos de xeito amigable e estimulante no corazón da cidade histórica. Ese espazo habilitouse na Avenida de Xoán XXIII e a reordeación correu a cargo, entre 1991 e 1994, dos arquitectos Albert Viaplana e Helio Piñón, que solventaron os requerimentos de aparcadoiro para coches e autobuses e deseñaron un paseo cuberto por unha espectacular marquesiña acristalada pousada en altos pilares de metal. A confortable e protexida ‘pasarela’, á que se accede por amplos escalonados, conduce aos viandantes e méteos nas entrañas da zona vella compostelana. A arquitectura contemporánea volve ter ocasión aquí de convivir en harmonía con monumentos históricos cercanos, como o convento de San Francisco.

Residenciais na Rúa da Caramoniña

A Rúa Caramoniña acubilla un conxunto residencial que recuperou e puxo en valor un paseo contiguo ao parque de Bonaval, un dos xardíns emblemáticos de Compostela. Fai un tránsito entre a cidade histórica e a súa extensión, achegando elementos de recoñecido valor medioambiental. É obra do arquitecto Víctor López Cotelo e do construtor Otero Pombo.

Centro Sociocultural da Trisca

Obra realizada por John Hejduk en colaboración cos arquitectos Antonio Sanmartín, Elena Cánovas e Leonardo Rietti. O neoirquino faleceu antes da súa finalización. O Centro sociocultural da Trisca é un edificio complexo por ser o final dunha esquina en punta, aínda que esa mesma condición lle dá unha enorme personalidade. É o gran descoñecido a pesar da súa vistosidade e dos seus detalles excepcionais: balcóns silueteados con tubos de aceiro, fortes protuberancias incrustadas nun lateral ou os vidros das amplas ventas que resolven con elegancia a esquina en acentuadísima curva. O edificio ten así unha forma de cuña redondeada que recorda, salvando as distancias, o sublime edificio Flatiron de Nova York, asinado por Daniel H. Burnham en 1902.

Facultade de Ciencias da Educación

A Escola de Maxisterio (Facultade de Ciencias da Educación) configura unha liña de edificios educativos na Avenida de Xoán XXIII co Colexio López Ferreiro e a Biblioteca Ánxel Casal. O arquitecto a que a construíu, Fernando Moreno Barberá, entre os anos 1967 e 1969, buscou a integración nunha contorna de casas pequenas, evitando que o edificio resultara grandioso, rexio ou solemne. A fachada da imaxe de fragmentación grazas ás múltiples ventás unidas unhas a outras que a enchen a modo de crebacabezas.

24 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.