Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un premio recoñece os éxitos do xenetista da USC Ángel Carracedo

O galardón Otero Pedrayo recae por primeira vez sobre un profesional coa súa carreira centrada na investigación médica e científica

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Diputación da Coruña,Valentín Formoso, participaron onte no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña na entrega do Premio Otero Pedrayo 2022 que, nesta edición, recaeu no investigador e catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ángel Carracedo.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou que por primeira vez o xurado, composto por representantes da Xunta, das catro deputacións provinciais, das universidades galegas, da Real Academia Galega, do Instituto Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo, recoñece unha carreira centrada na investigación médica e científica. “O impresionante currículum científico e os logros profesionais de Ángel Carracedo fan que un profesional deste tipo sexa galardoado por primeira vez nos premios máis lonxevos de Galicia”, afirmou.

Nesta liña, o secretario xeral subliñou de xeito especial “a defensa de Ángel Carracedo do noso idioma como lingua válida de expresión en todos os ámbitos e, particularmente, no da divulgación científica, así como o seu compromiso coas novas xeracións para as que sempre atopa tempo e nas que sempre depositou a súa confianza”.

VIDA DEDICADA Á INVESTIGACIÓN. Ángel Carracedo Álvarez (Santa Comba, 12 de novembro de 1955) é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela desde 1989, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica desde 1997 e director do Centro Nacional de Genotipado-ISCIII desde 2002.

Recoñecido xenetista internacional, ocupa desde 1994 a dirección do Instituto de Medicina Legal da USC, ademais da Vicepresidencia da Academia Internacional de Medicina Legal e a Presidencia da Internacional Society for Forensic Genetics. As súas investigacións, centradas na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as doenzas raras e a farmacoxenómica, convertérono en gañador do Premio Otero Pedrayo, outorgado por primeira vez a un investigador científico.

PREMIO OTERO PEDRAYO. O Premio Otero Pedrayo está promovido polo Goberno galego e as catro deputacións provinciais. O galardón, que actualmente está dotado con 16.000 euros, instaurouse en 1977 e ten como obxectivo perpetuar a memoria de Ramón Otero Pedrayo, recoñecer a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e do coñecemento e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

25 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito