Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A décima oitava edición do Festival Internacional Curtocircuíto, do 2 ao 10 de outubro, foi presentada no Concello // Como novidades, entre os proxectos interdisciplinares porase o foco no director francés Yann González TEXTO Brais F.

Unha revisión das artes dende o plano teórico ata o visceral

A pouco máis dunha semana para o arrinque da décimo oitava edición do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, o certame, asentado na programación cultural da cidade, celebrou onte a súa tradicional presentación no Concello de Santiago. Durante nove días, do 2 ao 10 de outubro, a capital galega converterase en punto de referencia de profesionais e afeccionados de tódalas artes, froito dunha programación arriscada e interdisciplinar na que se proxectarán máis de 115 películas (39 delas na Sección Oficial), ao mesmo tempo que ofrecer concertos e performances.

Con motivo do acto oficial, que contou coa presenza do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o deputado provincial de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; e o director do evento, Pela do Álamo; anunciáronse os últimos detalles dun completo programa no que se combinarán as actividades presenciais coas representacións na súa sede en liña a través de Filmin.

Neste senso, deuse a coñecer, como novidades para este 2021, o Foco dedicado ao director francés Yann González; a sección Púlsar, que reunirá a obra de Caroline Poggi e Jonathan Vinel, referentes dunha nova onda de cineastas que entenden este arte como arma de expresión crúa e sincera; a residencia artística, en colaboración con Cuarto Pexigo, que este ano se lle concede á Bandia Ribeira; a segunda edición do comisariado interdisciplinar, que esta vez xuntará a Paciencia, a Sau-Ching Wong e a Ak-zi-å; así como o nome dos nove profesionais que formarán o xurado que premiará as películas gañadoras das seccións competitivas.

Yann González, o herdeiro de Almodóvar. Catalogado coma o sucesor dun dos referentes do cinema nacional a nivel internacional, Yann González bebe de todas as referencias posibles e destrúeas todas para repartilas por toda a súa filmografía. A súa obra apela directamente ás vísceras, á beira máis estético do ser humano: non quere explicar a sociedade, as relacións ou a noite; quere facer sentir. Fronte a un cinema cada vez máis explicativo e menos provocador, a noite do cineasta francés leva ao público ás sombras das grandes urbes onde teñen lugar todos os pecados que a cidade non é capaz de dixerir.

Tralos seus inicios como crítico, González pasou á dirección con By the Kiss. Finalista en festivais como Locarno ou Cannes, Curtocircuíto dedicaralle un foco para mostrar unha selección de seis das súas películas. Na mostra atópanse traballos como Les îles, que demostra como o seu mundo creativo é o da noite; Un couteau dans le coeur, que apela á liberdade da autodefinición e autoexploración; ou a súa citada curta inicial, onde exhibe un tortuoso bucle de paixón. A selección complétase con Perez, Lles Vacances continuent, a cinta Les rencontres d’ après minuit, unha das sensacións da última Semana da Crítica de Cannes; e Croche, Rotten Plum.

Cine xeracional con Púlsar. Coa misión de detectar e programar a autores novos cun traballo sólido, cunha mirada e linguaxe propia, a sección Púlsar traerá aos cineastas Caroline Poggi e Jonathan Vinel, quen visitan por primeira vez un certame para o que foron seleccionados en múltiples ocasións. Cargados de enerxía, novidade e risco, as súas creacións retratan a unha xuventude nihilista abocada a unha fatalidade imposible de evitar.

A selección de trece filmes incluirá traballos como Martin pleure ou Notre heritage, que mostran a capacidade desta parella para mesturar a virtualidade ou os videoxogos, cunha ficción moi estetizada onde se busca reinterpretar a imaxe máis aló da súa concepción clásica.

Proxectos marcados pola interdisciplinariedade. Co apoio de Cuarto Pexigo, o festival organiza un ano máis a súa residencia artística, que pon a atención na intersección das diferentes artes visuais. A artista invitada neste 2021 será a fotógrafa, natural das Pontes, Bandia Ribeira, que durante a celebración do certame abordará un proxecto centrado en reivindicar unha imaxe de Santiago que diste das tradicionais representacións da cidade.

Ante unha situación de cambio marcada pola explotación turística nos tempos dunha crise sanitaria, esta acción busca dotar á capital galega de imaxes que redescubran as orixes dun casco histórico sepultado nunha avalancha dixital de instantáneas tópicas e superficiais, de aí que se pretenda revisitar os seus espazos, arquitecturas e rúas dende outro punto de vista.

A maiores, a dirección artística do festival retoma o comisariado interdisciplinar que xuntará, durante o propio festival, aos artistas sonoros Paciencia, á bailarina neerlandesa Sau-Ching Wong e á creadora visual galega Ak-zi-å. O resultado deste laboratorio será presentado no acto de clausura, 10 de outubro.

Un xurado experto. Na cita de onte tamén se deu a coñecer un dos segredos mellor gardados do certame, a composición do xurado que cualificará as diferentes seccións competitivas, nos que se atopan profesionais de diversas áreas relacionadas coa creación artística e audiovisual. Os profesionais que formarán parte do mesmo e que outorgarán os premios son: a cineasta francesa Caroline Poggi, a quen se adica a sección Púlsar; o director arxentino Alejo Franzetti, que forma parte do equipo de selección de Berlinale e do Festival de Curtametraxes de Hamburgo; a cineasta e produtora Leire Apellaniz; Gonzalo de Pedro, director artístico de Cineteca-Matadero; Nuria Cubas, directora de Filmadrid; o realizador Santos Bacana; a alemá Anna Henckel-Donnersmarck, directora de Berlinale Shorts; e a artista ourensá Enar de Dios, cuxa obra transita entre o traballo museístico, o expositivo e o ensaio.

24 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.