Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vacinas galegas

cúmprense cen anos da publicación Investigaciones sobre la vacuna antirrábica (Santiago, 1921) do catedrático da Facultade de Farmacia de Santiago José Deulofeu y Poch, na que se describen os primeiros resultados da vacina contra a rabia que se viña de producir no seu Laboratorio de Investigaciones Bioquímicas instalado na rúa do Vilar. Este farmacéutico catalán, que chegara a Santiago en 1902 como catedrático de Química Inorgánica, fixera unha estadía dun ano, de 1905 a 1906, no Instituto Pasteur de París, onde coñecera e aprendera as técnicas de vacinación antirrábica que alí se practicaban e que á súa volta tentara reproducir no seu laboratorio particular. De todas maneiras, o método que utilizou finalmente non foi o orixinal de Pasteur, de atenuar o virus por desecación, senón que adoptou o máis novidoso do húngaro Högyes que o facía con dilucións sucesivas do fluído orixinal. Tiña a vantaxe de ser máis cómodo e barato co de Pasteur para unha eficiencia semellante e que, en España, xa se estaba a aplicar con éxito no Instituto de Hixiene Alfonso XIII de Madrid, dirixido por Cajal. O protocolo de vacinación establecido por Deulofeu tiña, ademais, a posibilidade da súa utilización por calquera médico o que evitaba o, ata daquela insuperable trámite, de ter que desprazarse aos poucos centros de vacinación que existían no país. Con el vacináronse 207 pacentes entre 1918 e 1922 cunha eficiencia do 99,5%, o que non estaba nada mal para os estándares da época e mesmo de hoxe en día. Tiña unha batería de coellos aos que lles extraía a médula para a preparación da vacina. Despois utilizou cans que lle achegaba a Facultade de Veterinaria e, finalmente, experimentou con el mesmo.

Non era a primeira vacina aplicada en Galicia, xa que no s.XVIII é inevitable falar do irlándes asentado na Coruña e Ferrol, O’Scanlan, pioneiro español da inoculación como método de loita contra a variola, así como do brigantino Posse Roibaves que, nas primeiras décadas do século seguinte, espallou por toda Galicia este sistema. Como tampouco se podería esquecer a figura do pontevedrés Ánxo Cobián, que en 1897 crea o Instituto Antirrábico Cobián Areal que, co asesoramento de Ferrán e os métodos de Pasteur, conseguiu durante moitas anos evitarlles aos galegos ter que desprazarse a Barcelona ou Madrid para someterse aos tratamentos contra a terrible doenza, algo que, evidentemente, tamén facilitou o laboratorio compostelán.

Xosé Deulofeu, despois de vinte anos deixa Santiago, en 1924, polo seu traslado á Facultade de Farmacia de Barcelona. Alí chegou con sona de grande científico (“Figura eminente de la ciencia patria” (saudábao ao ano seguinte a revista profesional El Restaurador Farmacéutico) e tentou continuar cos seus traballos de investigación e aplicación da vacina antirrábica, pero daquela xa estaban a impoñerse os novos métodos de atenuación química do virus de Marie, Fermi e Repetto, que simplificaban aínda máis os protocolos de vacinación (ata daquela esixíase realizar varias inxeccións durante un certo período de tempo), polo que o seu método non puido atopar o ambiente axeitado para o seu desenvolvemento, e rematou por ficar esquecido.

Rematamos, lembrando que Deulofeu non foi un científico de costas aos problemas da sociedade senón que se implicou a conciencia neles, como pasou coa súa integración nas Irmandades da Fala de Santiago e, sobre todo, coa defensa que fixo en Barcelona dunha universidade bilingüe fronte a intransixencia, que finalmente triunfou, dun uso exclusivo do catalán. A pesar diso, despois da Guerra Civil foi condenado a catro anos de cadea e afastado da súa actividade docente. Morreu en Barcelona en 1955.

Nestes tempos nos que a verba de moda é a de “vacina” non está demais lembrar, aproveitando este centenario do traballo de Deulofeu, que desde Galicia se colaborou, ás veces como auténticos pioneiros, con este eficaz medio de loita contra as enfermidades. Por non citar, unha vez máis, o papel de pequenos heroes dos nenos da Inclusa do Hospital Real de Santiago e da enfermeira Isabel Zendal no mantemento do fluído curativo que levou cara ao Novo Mundo a Expedición da Vacina de Balmis.

23 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.