Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Veciños da Curuxeira reclaman melloras nos servizos básicos

Nun encontro co portavoz do grupo popular, lamentan a ausencia de saneamento nesta zona de Conxo e din sentirse abandonados

A veciñanza da Curuxeira, lugar da parroquia de Conxo que limita o termo municipal co Concello de Teo, “síntese abandonada pola acción do Goberno municipal desde hai anos e reclama unha maior atención para as súas moitas necesidades, entre as que destacan as relativas a mellora de accesos, saneamento e a roza de maleza”. Así llo manifestou a presidenta da asociación de veciños Bella Vista, María del Carmen Pájaro, ao portavoz do grupo popular, Alejandro Sánchez Brunete –no transcurso dunha visita ao lugar–, quen se comprometeu a trasladar estas demandas a través dunha iniciativa ao Pleno municipal deste mes de abril.

En materia de accesibilidade, dende o PP sinalan que as peticións van dirixidas a completar o asfaltado da rúa do Picón nun tramo duns 200 metros, a reparación de varias fochancas, o afirmado e nivelación de varias pistas parcelaria e a mellora da conexión coa rúa Torrente, no barrio de Conxo.

Tamén requiren a inclusión do lugar na planificación de rozas viais que periodicamente se vén realizando desde o Concello e un maior control dos vehículos de gran tonelaxe que transitan polas vías na realización de traballos forestais, para que contribúan a paliar o deterioro que causan nos firmes.

Por outra banda, en cuestións relacionadas có saneamento, a representación veciñal pon de realce a ausencia deste servizo. É por iso que o grupo municipal popular propón a posibilidade de avanzar na súa consecución a través dun convenio co Concello de Teo –que proporciona xa o abastecemento ás vivendas pertencentes ao termo compostelá– que sería “de interese para ambas administracións”, din, posto que “a procura dun servizo común para mellorar a depuración permitiría tratar os vertidos dos núcleos máis próximos de ambos concellos e resolver o problema ambiental que se está a xerar pola existencia dun pozo séptico que concentra os vertidos das veciñas vivendas de Teo, que con relativa frecuencia ve excedida a súa capacidade ocasionando un punto de vertido no límite municipal”.

Por último, os veciños da Curuxeira mostraron o seu interese en que se poidan revisar tamén os criterios que levaron a fixar o nome oficial do lugar, acreditando o uso maioritario entre os residentes da forma Cruxeira, que foi admitida e se mantivo noutros lugares de Galicia.

16 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito