Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Verea compromete o seu apoio aos deportes minoritarios pola súa capacidade de dinamización

O presidente do PP de Santiago visitou as instalacións do Clube Arteal Tenis de Mesa, no estadio Vero Boquete. Aboga por amplialas e modernizalas para situar á cidade “no centro nacional deste deporte”

Borja Verea, presidente dos populares composteláns, achegouse ás instalacións do Clube Arteal Tenis de Mesa no Estadio Vero Boquete para analizar co seu presidente, José Alborés, o futuro de clube e deste deporte na cidade.

“Temos a sorte en Compostela de ter un dos clubes máis antigos como é o Arteal, un referente nacional, e debemos aproveitar a crecente demanda deste deporte pare seguir estando na primeira liña”, destacou o deputado compostelán, ao que engadiu que “a ampliación e modernización das instalacións ten que ser un proxecto de cidade e permitiría situar a Santiago no centro nacional deste deporte”.

Pola súa banda, o presidente do Clube Arteal quixo destacar que “son xa moitos anos pelexando por este proxecto e está o suficientemente maduro ao contar co apoio de todas as forzas políticas, agora tócalle ao concello activalo”, engadindo que “non podemos perder esta oportunidade, a demanda de rapaces medra ano a ano, agotamos as prazas en poucas horas, e temos un clube con case 35 anos de antigüidade, se a iso podemos sumarlle unhas instalacións de primeiro nivel o éxito está asegurado”.

Verea tamén comprometeu o apoio dos populares a nivel autonómico “se ben o responsable de sacar isto adiante é o concello, nós axudaremos desde todas as instancias, provincial e autonómica, e é que hai que apostar polos deportes minoritarios e pola súa capacidade de mobilización e de dinamización”, salientando que “temos que renovar a estratexia do deporte compostelán” xa que “hoxe non hai proxecto, ou non se coñece, máis alá de parches”, para concluír que “o importante é deseñar un proxecto e axudar todos, hai que aproveitar as nosas fortalezas, estámolo vendo estes días nos Xogos Olímpicos e o éxito dos deportistas galegos en disciplinas moi diversas”. O popular tamén quixo destacar que “sería unha grande nova que poideramos celebrar os 35 anos do clube Arteal cunhas instalacións de máximo nivel na cidade”.

06 ago 2021 / 12:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.