Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Verea presentará un plan para relanzar a zona de Área Central

Recolleu nun encontro cos veciños os problemas de iluminación ou falta de limpeza que sufre todo o entorno de Fontiñas, incluso a presenza de ratas

Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, visitou, dentro do seu ciclo de encontros, o barrio de Fontiñas para escoitar as queixas e suxerencias dos veciños da zona. Tras un percorrido pola contorna para comprobar in situ “moitas das deficiencias coas que conta este barrio”, acudiu ao Centro Sociocultural onde o agardaban máis de 70 veciños para intercambiar inquedanzas.

Verea pediu aos asistentes que o axuden a facer un “Fontiñas mellor, porque ninguén sabe mellor ca vós que necesita o voso barrio”. Nese senso coindiciu con eles en que Área Central necesita unha solución para que non acabe afundindo de todo tras a creación doutro centro comercial a escasos metros.

Para o candidato á Alcaldía, é inadmisible que unha zona como o polígono de Fontiñas se atope no estado lamentable no que está. “Santiago debería estar á disposición das persoas, os seus servizos, as súas rúas, non pode ser que non se poda nin camiñar pola rúa por medo a tropezar cunha das centos de losetas levantadas nas beirarrúas”, salientou Verea, e animou aos veciños a dar parte dese tipo de incidentes. “Se por unha caída ten que vir o 061 como xa pasou en moitas ocasións, o goberno de Bugallo debe sabelo e tomar medidas, e non mirar cara a outro lado, como leva facendo estes 4 anos”.

Cuestións como a falta de iluminación, escaseza de colectores de lixo e ausencia de limpeza dos mesmos, queixas sobre os plataneiros que esnaquizan as beirarrúas e invaden as vivendas máis pegadas, ou alertas sobre a presenza de ratas no barrio, foron algúns dos temas a tratar no encontro de onte.

Con respecto á situación de Área Central, Verea Fraiz anunciou que presentará un plan para recuperar espazos para os veciños e devolverlle a vida a un lugar que nunca debeu perder a súa esencia. “Os veciños de Santiago queren a Área Central, é un lugar de referencia para as familias, todos lembramos cando abriu, non podemos deixar que morra”, sentenciou. Así, deixou claro tamén que, se os santiagueses lle dan a súa confianza na primavera de 2023, traballará acotío para levar a Fontiñas e a Compostela ao século XXI.

12 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito