Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Viaqua incorporará expertos nacionais ao gabinete de crise tras a vertedura do Tambre

A concesionaria continúa traballando en solucións estruturais para garantir a subministración de auga // Estivo operando de forma ininterrompida durante toda a fin de semana en coordinación co Concello de Santiago e mobilizou diferentes recursos loxísticos do Grupo Agbar críticos nas actuacións

Desde que na madrugada do sábado 11 de setembro os operarios da concesionaria na ETAP de Tambre detectasen indicios de vertedura no río e decidísese parar a captación na planta, Viaqua mantén activo un gabinete de crise onde se centralizan as decisións das actuacións para levar a cabo. Estas decisións non se están centrando unicamente en liquidar o risco inminente sobre a subministración que se produciu no día de onte senón en tamén en anticipar posibles escenarios que poderían afectar a subministración nos próximos días.

A prioridade está a ser asegurar a garantía sanitaria da auga almacenada nos depósitos e fornecida na rede, así como ser proactivos na información á cidadanía e na procura de solucións que minimicen o impacto, sempre en coordinación co Concello”, indica Ana Tejeiro, xerente de Viaqua en Santiago. “É por iso que, na tarde de onte, comunicouse a posible interrupción da subministración en determinadas zonas e habilitáronse camións cisterna con auga potable nos devanditos barrios, aínda que finalmente o corte non chegou a producirse, ou foi moi puntual”.

O traballo realizado en continuo por parte do Laboratorio de Control Analítico de Viaqua, realizando analíticas de mostras tanto na captación como noutras zonas do Tambre, permitiu axilizar a posta en marcha da ETAP unha vez que os parámetros obtidos cumprisen cos criterios establecidos pola lexislación para ser tratada. Viaqua mantén este control en continuo, así como o dos Laboratorios de Calidade do Grupo, en prol dun control de calidade externo, de modo que se poida volver parar o tratamento ante calquera indicio de complicación derivado da vertedura. Na mañá do domingo, os niveis dos depósitos están practicamente recuperados, salvo o depósito de Vilares que o estará ao longo da tarde.

En relación aos episodios de turbidez que se presentaron nas últimas horas nalgunhas zonas puntuais de Santiago, Tejeiro indica que “son debidos ás actuacións derivadas das extraordinarias circunstancias ás que houbo que facer fronte no día de onte, e as manobras de enchido realizadas esta noite. De forma inmediata, desde a madrugada do domingo estamos a proceder a realizar purgas en diferentes puntos da rede afectada. Estamos a dedicar a máxima atención e os medios necesarios á xestión desta situación que debería ser puntual”. A concesionaria está a coordinar a información á ciudanía co Concello, incorporando ademais canles de RRSS e activando o envío de SMS e correos electrónicos a aqueles clientes dados de alta no servizo de servialertas, o que corresponde aproximadamente a un 45% dos usuarios do servizo. Desde Viaqua convidan á cidadanía para notificar calquera nivel elevado de turbidez que se detecte no teléfono gratuíto 900 201 250, ou ben a través dunha mensaxe directa en Twitter, de modo que se poida proceder de forma inmediata a enviar aos seus equipos para que realicen purga da rede na zona.

No marco do comité de crise, está a traballarse tamén en continuo en anticipar escenarios de novo impacto nos últimos días, indica Marcos Martín, Director Xeral de Viaqua. “O seguimento meteorolóxico en continuo é clave, xa que pode modificar de forma substancial a situación do río e dos restos da vertedura. Ante a previsión de choivas e as incertezas en relación á magnitude e a evolución da vertedura, estamos a identificar diferentes escenarios para dotarnos de fontes alternativas. Neste contexto, mañá luns incorporaranse in situ diferentes expertos do noso Grupo, cos que levamos en contacto toda a fin de semana”.

12 sep 2021 / 16:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.