Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Videoinstalacións da Costa da Morte e de Tokio na mostra da Casa do Cabido

Lois Patiño e Jorge Perianes inauguraron onte exposición // Os espellos son os protagonistas de ‘Dobre Quadratura’ // Enxalza o espírito barroco do edificio

A Casa do Cabido, na compostelá praza das Praterías, acolle a exposición Dobre Quadratura, con instalacións dos artistas Lois Patiño e Jorge Perianes.

Tal como indica a comisaria, Mercedes Rozas, “trátase dunha mostra que enxalza o espírito barroco da Casa do Cabido, auspiciando a idea do misterio que se oculta tras o pano pétreo da súa fachada. E, como na vella técnica pictórica da Quadratura, na que o engano artístico (trompe-l’œil) propiciaba que as figuras flotasen elevándose nun imaxinario ascenso cara ao firmamento, os dous artistas, Lois Patiño e Jorge Perianes, interveñen o espazo das salas, creando o seu singular acto escénico”.

A mostra conta con dúas videoinstalacións da Costa da Morte e de Tokio. “En Unha habitación para a noite Lois Patiño xoga co lirismo, o silencio da noite e a intimidade custodiada polas sombras. Unha das videoinstalacións lévanos a unha paisaxe mariña nocturna observada desde grande altura. Aquí o único visible é a escuma e os brillos ingrávidos das ondas. Estamos ante un mar evocador como é o da Costa da Morte. Ondas que arrastran consigo séculos de memoria. Recordos do mar que estalan sobre as rochas”, explica a comisaria da mostra.

A outra videoinstalación nace dunha estancia que o artista levou a cabo na cidade de Tokio no ano 2019. “A distancia e a noite transforman aquí a axitación desta megalópole insomne nunha experiencia contemplativa. Todo elemento material da cidade é absorbido pola escuridade. Todo ruído visual, calmado. Luces de rañaceos ou trens luminosos voan como vagalumes ou como estrelas fugaces: pegadas de luz bailan na noite”, apunta Rozas.

Pola súa parte, Jorge Perianes rastrexa no reflexo do espello “o periplo eterno do ser humano, cos seus achados e perdas, as súas preguntas e respostas. Presenta este proxecto expositivo en conexión clara coa liña argumental que vén definindo a súa obra desde hai xa uns anos: a circunvalación do ser. E que mellor elemento para indagar e cuestionar ao ser humano que o rei das vanitas: o espello”, sinala a comisaria.

“Buscando o contacto no reflexo, nunha volta de torca barroca, o autor toma a decisión, conceptual e estética, de que as salas funcionen como un espello en canto á estrutura que presentan, colocando sobre un falso chan distintas pezas, cadros e plantas. O espectador deberá transitar polo espazo para velas, e moverase ata onde a estrutura llo permita. As creacións terán así unha proximidade aparente, estarán case ao alcance da man, nun xogo que remite á esencia de gran parte da súa produción”, explica Mercedes Rozas.

A exposición Dobre Quadratura poderá visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, e os domingos de 11.00 a 14.00 horas. A entrada é libre e gratuita e hai que respetar as medidas sanitarias vixentes.

Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público, polo que non hai visitas.

santiago@elcorreogallego.es

datos
longas traxectorias

··· Lois Patiño (Vigo, 1983) vive e traballa en Madrid. Pertence a unha nova xeración de cineastas, do chamado Novo cinema galego. Compaxinou os seus estudos de Psicoloxía na Universidade Complutense de Madrid cos de Cinema na Escola Tai. Continuou a súa formación na NYFA de Nova York e en Barcelona, onde cursou o máster de Documental de Creación na Universidade Pompeu Fabra. A súa última película, Lúa Vermella, estreouse na pasada Berlinale e foi premiada coa Biznaga de Prata á Mellor Película Española de Zonazine no Festival de Málaga.

··· Jorge Perianes (Ourense, 1974) vive e traballa en Vigo. Pertence ás últimas xeracións de artistas procedentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, realizando os seus estudos de doutoramento no departamento de Pintura da mesma facultade durante o bienio 2000-2002: ‘Contemplarse para comprenderse: identidades múltiples na creación artística ao redor da mirada’. Traballou en Londres e Berlín.

14 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito