Verín, Laza e Xinzo: os entroidos de Galicia que hai que vivir polo menos unha vez na vida

Os verinenses gozarán mañá dunha das xornadas máis especiais: as comadres // Laza e Xinzo levan días trouleando // O cigarrón, o peliqueiro e a pantalla son os protagonistas

Os cigarróns de Verín

Os cigarróns de Verín / ALBA PRADA

Atopámonos en plena semana do Entroido e o corpo sábeo, e se non que llo digan aos veciños de Verín, Laza e Xinzo de Limia. E é que en Galicia non se pode falar desta festa sen pensar, case de inmediato, no coñecido como Triángulo Máxico. Porque hai verdades que son universais: Ourense destaca, e moito, nisto de celebrar o Entroido. Porque non hai día comparable ás comadres de Verín, ao luns borralleiro de Laza nin Carnaval que dure tanto como o de Xinzo.

As pantallas de Xinzo

As pantallas de Xinzo / C.G.

VERÍN.

Non existe galego que se precie ao que a palabra “Verín” non lle remita inmediatamente a Entroido. E é que é de lonxe o evento máis agardado do ano por todos os veciños da vila da auga. De feito, pode dicirse sen medo a esaxerar que cando remata, a xente comeza xa a preparar os disfraces do ano seguinte. Porque, por suposto, non todo vale. Quen adoite visitar a vila durante esta época ben sabe que a elaboración dos disfraces está á orde do día, que apenas se repiten dun ano ao outro e que cada xornada é unha oportunidade para ser un personaxe diferente. Pero o de comadres é sen lugar a dúbidas o máis especial. As mulleres (aínda que non imos mentir, tamén os homes vestidos de mulleres) saen en grupos e durante meses elaboran o disfrace, escollen os complementos e deseñan minuciosamente a maquillaxe. O mimo e o tempo que se adica en Verín ás pezas lucidas este día é a mellor demostración do espírito entroideiro da vila galega que limita con Portugal. O pasado día 9 arrancaba a festa cos compadres, seguía o 12 co domingo de corredoiro e continuará mañá co xoves de comadres. A cita festiva discorrerá ata o martes de Entroido sen  descanso, durante uns días nos que as rúas se encherán de xente, fariña, música, carautas e, por suposto, cigarróns. E é que non se pode falar do Entroido verinense sen facer referencia ao seu traxe representativo. A carauta máis característica e arcaica da Comarca de Monterrei é a do cigarrón no val de Verín, totalmente artesanal, e na que destacan motivos vexetais ou animais. É unha auténtica xoia. A roupa consta dunha camisa branca con gravata e por riba unha chaqueta curta de seda con galóns e alamares dourados. Cubren os ombreiros unhas “charreteiras” de militar e na cintura vai unha faixa de varias voltas e por riba dela un cinto de coiro do que penduran por atrás seis grandes chocas.Os cigarróns ensaian varias semanas antes para saber moverse facéndoas soar. Nas mans non falta o temido látigo, que baten sobre quen se cruza no seu percorrido... A lenda descríbeo como cobrador de impostos ou levantador de caza dos Condes de Monterrei, pero o certo é que a orixe é incerta.

Os cigarróns de Verín

Os peliqueiros de Laza / C.G.

LAZA.

“O Entroido en Laza é vivilo, é correlo, é soltarse; é desinhibirse; é metamorfose, igualdade, liberdade; transgresión, é paz, fortaleza, renovación”. Perfecta descrición a que fai o Concello de Laza do seu Entroido. O outro vértice do Triángulo Máxico sitúase nesta comarca, cuxa máxima expresión entroideira toma forma na figura do peliqueiro. O traxe é enteiramente artesanal. A chaquetiña é curta, con “charreteiras” de corte militar e cuberta a parte de atrás cun pano de cabeza que, en moitos casos, é regalo da moza do peliqueiro. O pantalón, a modo de calzón curto, é de liño, con encaixes e pondóns de algodón. Levan camisa e gravata, medias e ligas de fantasía de rechamantes cores. Na cintura, dúas faixas, e enriba delas un cinto con seis chocas que ao correr fan un ruído estrondoso. Na man levan unha zamarra.

Entroiddeira de Verín, Emma P. Estévez

Entroideira de Verín, Emma P. Estévez / ALBA PRADA

Ao igual que acontece co cigarrón de Verín, a orixe non se pode determinar. Hai, por iso, dúas versións. Unha que o vencella coa tribo celta ou coa invasión romana e a medievalista, que xurdiría da rebelión dos vasalos contra o pagamento do tributo en vellóns ou marabedís (moedas de curso legal entón) polo desfrute das terras ao conde de Monterrei.

Peliqueiro e testamenteiro, Manuel Quintas

Peliqueiro e testamenteiro, Manuel Quintas / ALBA PRADA

Respecto á duración, Laza non ía ser menos, e o Entroido exténdese durante varios días, aínda que quizais non hai xornada máis popular ca do luns borralleiro. Pola mañá os veciños lanzan os famosos farrapos ateigados de barro, nun combate que ensucia a praza da Picota e que se limpa a tempo para acoller pola tarde a chegada da Morena de Cimadevila. Vén acompañada dun amplo séquito que porta toxos, cobelleiros e sacos de formigas. É vital ir ben preparado para cubrirse destos famentos insectos.

Entroideiro de Verín, Alberto Fernández

Entroideiro de Verín, Alberto Fernández (dta.) / ALBA PRADA

XINZO.

Se de algo presumen os habitantes de Xinzo de Limia é de contar cun Entroido que consideran o máis “amplo, longo e intenso” de España, tanto no tempo como nas súas formas de expresión popular. E é que a festa por excelencia da terra das patacas abarca cinco domingos sucesivos: fareleiro, oleiro, corredoiro, domingo, luns e martes de Entroido, enterro da sardiña e domingo de piñata. E como os anteriores Carnavais do Triángulo Máxico, tamén teñen o seu protagonista: a pantalla. “Ten unhas marcadas raíces castrexas, e o seu poder relixioso, xudicial e social pode intuirse na carauta, na imposición das vexigas e na función de ordenar a festa, respectivamente”, explican dende o Concello. A pantalla é por excelencia a raíña do entroido limiá, ninguén se pode meter con ela. Por certo que ao igual que acontece en Verín ningún veciño pisa a rúa sen o seu disfrace. A vila transforma a súa rutina nun espectáculo popular e participativo de humor, ironía, inxenio e beleza. Verín, Laza e Xinzo son sen lugar a dúbidas uns referentes. Pero as palabras non bastan, estos entroidos hai que vivilos.

Entroideira de Xinzo, Aitana Borrajo

Entroideira de Xinzo, Aitana Borrajo / ALBA PRADA