Entroido 2023

Os nove Entroidos galegos que non podes perderte

Xa tes o teu disfrace para coñecelos? Sen el, corres o risco de pagalo caro. Que comece a festa!

Pantalla no Entroido de Xinzo de Limia, o Carnaval máis longo de España.

Pantalla no Entroido de Xinzo de Limia, o Carnaval máis longo de España. / Cedida

B.C

Chega un dos mellores momentos do ano e faino por todo o alto. Co 2023, o Entroido galego recupera definitivamente a súa esencia, enche as rúas libre de restricións e permítenos danzar como nunca; relaxar as costumes; rirnos de todo. 

Porque estamos ante a que é, por definición, a festa máis subversiva do ano. A súa importancia é tal que nove carnavais galegos exhiben con orgullo cualificacións oficiais con Xinzo, Festa de Interese Turístico Internacional; e Verín, Festa de Interese Turístico Nacional, coma epicentro dunha lista que completan ata outras sete “Festas de Interese Turístico de Galicia”

Xa tes o teu disfrace para coñecelas? Sen el, un corre o risco de sufrir uns lategazos; de que lle boten fariña ou formigas vivas; ou de ter que invitar a una rolda de vinos. É a lei.Que comece a Festa! 

1.- Xinzo, de Interese Turístico Internacional

Aquí o Entroido é a festa máis importante do ano. É tamén o Carnaval máis longo de España e probablemente do mundo, xa que se celebra por todo o alto durante cinco fins de semana, comezando o Domingo Fareleiro e terminando o Domingo de Piñata. O día grande é o Martes de Entroido, co desfile de carrozas máis concorrido e rechamante de Galicia. Hai verbenas, charangas e verdadeiros festíns gastronómicos. Día e noite a rúa é unha festa na que todo el mundo se divirte. Iso si, hai que ir sempre disfrazado, porque do contrario a festa pode saír moi cara... Diso encárganse as pantallas, os personaxes característicos do Entroido de Xinzo. 

2.- Verín, de Interese Turístico Nacional

O Entroido de Verín e os seus emblemáticos cigarróns.

O Entroido de Verín e os seus emblemáticos cigarróns. / Cedida

Aquí manda un personaxe excepcional ao que nunca se lle ve a cara, viste unha elaborada e extravagante vestimenta e leva una fusta que utiliza sen miramentos.É o cigarrón, unha máscara única do Entroido de Verín. Esta festa dura dúas semanas e segue un ritual ancestral de desfiles, verbenas e vistosos cerimoniais como o Entroidarte ou o do Bautizo do Cigarrón. Dúas semanas de diversión e de multitudinarios banquetes gastronómicos e por suposto moita, moita festa. Días sinalados son o Xoves de Comadres, o día das damas, co alegre encontro nocturno de Don Carnal e a Raíña do Entroido, acompañados dos seus respectivos séquitos; o Venres de Compadreo; o Domingo de Entroido; o Luns Fareleiro, un día que transcorre entre divertidas batallas de fariña; e o Martes de Entroido, co gran desfile de carrozas e cigarróns.

3.- Laza, de Interese Turístico de Galicia

Laza completa o triángulo máxico.

Laza completa o triángulo máxico. / Cedida

Laza, pola súa banda, presume “do Entroido máis enxebre de Galicia”; noutras palabras, dun Carnaval xenuinamente galego. Laza, xunto con Xinzo e Verín, forma un dos vértices do triángulo máxico do Entroido de Galicia. Un territorio que vive consagrado a estas irreverentes festas con Folións e peliqueiros. 

4.- Viana, de Interese Turístico de Galicia

Viana, terra de boteiros e folións.

Viana, terra de boteiros e folións. / Cedida

En Viana Entroido e gastronomía van indisolublemente unidos. De feito o nome oficial desta celebración é “Festa da Androlla e o Entroido“, unha feliz parella que fai as delicias de nenos e maiores.Os outros protagonistas do Entroido de Viana son o boteiro e os folións, que tocan para espantar os malos espíritos no medio dunha auténtica festa. 

5.-Cobres, de Interese Turístico de Galicia

As Madamas e os galáns de Cobres xa están preparados para a danza.

As Madamas e os galáns de Cobres xa están preparados para a danza. / Cedida

Este é o Entroido máis elegante de cantos se celebran en Galicia. Traxes, música e danza remiten a un mundo galante e cortesán onde a posición social de cada personaxe está claramente diferenciada. Xa no século XVIII hai referencias escritas sobre este carnaval, coas Madamas e os galáns coma personaxes característicos que percorren o municipio cos seus bailes e acompañados das charangas.

6.-Manzaneda, de Interese Turístico de Galicia

O Entroido de Manzaneda destila autenticidade.

O Entroido de Manzaneda destila autenticidade. / Cedida

Este é un Carnaval que destila autenticidade; quizá porque ao estar situado nunha zona de alta montaña, o municipio de Manzaneda mantívose relativamente illado, preservando así a pureza das súas tradicións. O Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda é una celebración de rituais ancestrais, espectáculos de percusión, banquetes populares e teatro de rúa, todo nun ambiente de sorna e diversión. Os protagonistas son a mázcara, o folión e a foliada.

7.- Xenerais da Ulla, de Interese Turístico de Galicia

Xenerais da Ulla, un Entroido para mofarse de Napoleón.

Xenerais da Ulla, un Entroido para mofarse de Napoleón. / Cedida

Un Entroido para mofarse da guerra. Esta é a idea detrás do Entroido dos Xenerais do Ulla, unha celebración da que xa hai referencias escritas cara a 1870. A festa inspírase nas loitas que tiveron como escenario a comarca do río Ulla na primeira metade do século XIX, loitas orixinadas pola invasión das tropas de Napoleón, os ecos das revolucións de 1848 ou as guerras carlistas. Na actualidade esta delirante festa celébrase en nove concellos (Santiago de Compostela, Teo, Touro, Padrón, Boqueixón, Vedra, A Estrada, Silleda, Vila de Cruces) e dura unha semana longa entre desfiles de carrozas, verbenas, banquetes e bailes de Carnaval. 

8.- Maceda, de Interese Turístico de Galicia

Os Felos de Maceda, tamén protagonistas en Ourense.

Os Felos de Maceda, tamén protagonistas en Ourense. / Cedida

O famoso triángulo máxico do Entroido da provincia de Ourense parece querer ampliarse co Entroido de Maceda. O termo Felo ten difícil interpretación. É sinónimo de máscara, a máscara emblemática deste Entroido. Parece que o termo vén e felón e felonía, facendo referencia á rebelión dos vasalos contra o señor feudal, o do castelo de Maceda. Na actualidade seguen a percorrer todas as parroquias do Concello para que todos os veciños desfruten da súa compañía e, tal vez, dalgunha falcatruada. 

9.- Vilariño de Conso, de Interese Turístico de Galicia

Vilariño de Conso, Entroido en estado puro.

Vilariño de Conso, Entroido en estado puro. / Cedida

En Vilariño de Conso celébrase o que moitos consideran o Entroido en estado puro. O boteiro é a personaxe estelar, é o dirixente do fulión. O fulión é un grupo de persoas tocando bombos e gadañas ao mesmo compás. En cada aldea do termo municipal existe un fulión, e uns boteiros que bailan ao seu son e con diferentes tipos de caretas segundo a localidade de que proceden. Na de Mormentelos o fulión é máis parecido ao de Manzaneda, pola súa proximidade, e non levan máscara senón un pucho con fitas.

Máis información en Turismo.gal