Entrevista | Yolanda Fernández Médica no centro de saúde de Bueu e secretaria da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria

“A idade de inicio no tabaco en Galicia é moi temperá, sitúase nos catorce anos”

Yolanda Fernández Veiga / CEDIDA

Yolanda Fernández Veiga / CEDIDA / ALBA PRADA

Este mércores, 31 de maio, conmemórase o Día Mundial sen Tabaco, unha efeméride que a Asamblea Mundial da Saúde instituíu en 1987 para chamar a atención sobre a epidemia do tabaquismo e os seus efectos letais. E é que segundo dita a Organización Mundial da Saúde (OMS), o consumo de tabaco é a principal epidemia evitable á que se enfronta a comunidade sanitaria. Os datos aportados pola Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC), indican que en Galicia fuma un 20,8% da poboación maior de 16 anos (datos de 2021) e a idade de inicio no tabaquismo é moi temperá, pois sitúase nos 14 anos.

Tras unha década na que o consumo do tabaco foi en descenso (hai que ter en conta que entraba en vigor a lei antitabaco que prohibía fumar no interior dos locais públicos), a cifra volve ascender. E é que segundo os datos de venta de Facenda, o ano pasado vendéronse na comunidade 117,4 millóns de caixas de cigarros fronte os 116,8 millóns de 2021. En euros as ventas traducíronse en 544 millóns en 2022 fronte aos 532 do ano previo.

Yolanda Fernández Veiga, médica de familia no centro de saúde de Bueu e secretaria da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, evalúa esta adición.

Cales son os principais problemas que acarrea na saúde?

O tabaquismo produce varios tipos de cancro, sobre todo de pulmón, pero hai outros de tipo respiratorio, oral (farinxe, larinxe...), cancro dixestivo, colorrectal... E sabemos que están implicadas moitas enfermidades cardiovasculares, asma... Todas estas doenzas poderíanse previr si non se adquirise ese hábito ou se non estivésemos expostos ao fume do tabaco de forma pasiva, porque os fumadores pasivos tamén podemos enfermar.

Que consecuencias provoca o tabaco sobre un fumador pasivo?

As mesmas que nun fumador, aínda que depende de canto tempo leves exposto ao fume e da cantidade. Sobre todo, hai moito interese en protexer á infancia e aos bebés non natos. No embarazo cando unha muller fuma poden producirse partos prematuros, crecementos intrauterinos retardados e baixo peso ao nacer. É dicir, ten moita repercusión. Por iso é importante intentar eliminar este hábito nas nais embarazadas. Incluso se cando nace os pais durmen co bebé na mesma cama é perigoso que sexan fumadores pois incrementamos o risco de que padeza enfermidades respiratorias.

Ata que punto é certo que é mellor que certas embarazadas fumadoras sigan co hábito para evitar a ansiedade?

Iso é un mito. Poden notarse ansiosas pero hai alternativas. Hai partos prematuros e crecementos retardados, polo que habería que intentar motivar a esa embarazada na deshabituación tabáquica e informala dos beneficios que pode ter, xa non para ela, senón para o seu bebé.

O primeiro paso para deixar de fumar é acudir ao médico?

Efectivamente. Todos os médicos deberíamos estar informados e formados para poder axudar nisto. Se non nos sentimos capacitados porque pensamos que é un paciente de alto risco, sempre se pode remitir a algunha unidade especializada. De feito hai asociacións como a Asociación Española Contra o Cancro (AECC ) que colabora co Sergas, ou en Santiago na USC hai unha unidade anti tabaco na Facultade de Psicoloxía, e alí axúdaselles a deshabituarse gratuitamente. En caso de necesitar apoio farmacolóxico é o médico de cabeceira o que suscribe o fárcamo. Están financiados e podemos prescribilos e facer logo seguimento do paciente, algo que os incentiva a seguir co propósito.

Hai algunha forma máis efectiva que outra para deixar de fumar?

Depende moito do nivel de adición ou do tempo que leve fumando... Segundo iso pode empregarse un estilo ou otro. Si temos que usar algunha terapia farmacolóxica é bo combinala con apoio motivacional durante o período de deshabituación do paciente. Non só hai que conseguir deixar o hábito senón manter a abstención para sempre. Cando usamos o método farmacolóxico acompañado de apoio emocional ten moito máis éxito. Se non se necesita medicamento pode axudarse con entrevistas e visitas motivacionais.

Que beneficios notará un fumador que deixe o tabaco?

Os primeiros días notará que ten máis capacidade respiratoria e que vai deixando de ter tos ou malas dixestións, e que remite o mal alento. A medida que pasan os meses, en 2 ou 3 anos, descende o risco cardiovascular (infarto, ictus) e en 10 anos, o risco de cancro. Se fosen persoas que monitorizasen a súa tensión e frecuencia cardíaca verían tamén nos primeiros días como a tensión e frecuencia baixan.

As consecuencias na saúde poden desaparecer tras varios anos sen fumar? Ou as secuelas son permanentes?

Hai danos que sempre van quedar. A posibilidade de sufrir un infarto ou ictus, pasados anos, ubícase ao nivel do resto da poboación. Pero hai substancias tóxicas e canceríxenas que provocaron xa inflamación no aparato respiratorio e poden persistir eses danos. Tamén pode descubrirse un EPOC tras 10 anos sen fumar. E se o dano inflamatorio é a nivel vascular sempre poden xurdir outros problemas.

O tabaco afecta á fertilidade?

Si que afecta á fertilidade masculina e feminina. Por exemplo no caso dos homes poden xerarse menos espermatozoides e no caso das mulleres tamén se producen unhas alteracións mucosas que poden influír na fertilidade.

Por que é tan aditivo?

A nicotina é a que produce esa adición. De feito é tan grande como a que provoca a cocaína. É por iso que custa tanto deixalo e hai persoas que teñen que facer un gran esforzo, e moitas veces fan varios intentos antes de conseguilo.

Que pensa doutros dispositivos como os vapeadores?

Véndese a idea entre os adolescentes de que os vapeadores ou os cigarros electrónicos son inofensivos, pero teñen substancias aditivas. Fanos atractivos coas cores e sabores e eles caen niso porque necesitan probar, necesitan emocións. Hai xente que usa os vapeadores para deixar de fumar pero non serven para iso.