{ tribuna libre }

Que Chelines!

Unha foto recente de Los Chelines

Unha foto recente de Los Chelines / Juan Morgade

Vicente Araguas

Eu chegaba a Santiago (o de Compostela, así, tan só, tal cal, é cousa poética e non moi ocorrente) en 1967, nos días en que asasinaban ao Che Guevara: “Sosiéguese, va a matar a un hombre”, en La Higuera de Bolivia. Bébedo de rock e de pop e de folk e, xa que logo, de folk-rock, con harmonías popper. Ou sexa, chegaba a un Santiago con lembranzas de novela naturalista, e tan costumista que os días de feira, os xoves, se podían alindar as vacas no Obradoiro, mentres algúns de nós andabamos a pampar ou a munxir estrelas, todo o mesmo ou cáseque si.

En Santiago batín cuns guateques (hoxe, festas) que se chamaban “tés bailes”, nominación marabillosa para que dous descoñecidos, Strangers in the Night ou cousa semellante, ficasen abrazados, mesmo con bicos, se cadra “de tormelo”, o tempo que duraba a canción, un par de minutos, agás que o tema fose "In-AGadda-Da-Vida", de Iron Butterfly, mais iso era ou podía ser nos baixos da Gaiola, e aquí si que non había grupos que a cantasen “en vivo”, que a cousa tiña que vir dun disco, bailable, lástima fóra.

Mais eu viña a Santiago, como a este espazo, agora, arar na leira pop, logo despois, eu xa no medio, na canción de autor. Na que introducín, e todo comeza cadrar, a Bibiano Morón. Quen me falaba, anos despois, de Los Chelines como fundamento central daquel boureo de rapazada nova que ansiaba facer da guitarra eléctrica arma tan do futuro cal pedía Celaya á poesía. Bibiano, xunto co seu irmán Tino, bulía nun grupo chamado Los Tanos (igual Los Thanos, pode ser).

Dos de los integrantes de Los Chelines en XXXX

Javier Iglesias e Tito Segade, integrantes de Los Chelines, en 1967 / Cedida

Pero o grupo máis chamativo, daquela, era Los Chelines, briosos intérpretes de materia británica. Mesmo con pasiños estilo The Shadows, na liña Sírex, tamén, cando se poñían tan estupendos como Max Estrella, no dicir de Don Latino. Eu bailei ao seu ritmo, tan sacro como unha misa nupcial na Corticela, no Mercantil, bailongo menestral, emparellado se cadra, para que todo tivese un aquel “troiano”, con algunha das derradeiras “modistillas” da Rúa San Pedro, onde logo dunha madrugada golfa íamos, xa de retirada, encabezados por Suso Xoás, comer o primeiro pan do día, quentiño como un amor primeiro, si.

Bailabamos tamén con Los Chelines nos “tés bailes” do Hotel Compostela. Onde, mira por onde, no seu “bodegón”, estarían os alicerces de Voces Ceibes, temas nada axeitados para o baile, senón para outras danzas (e coros).

¡Los Chelines! Moeda moi axeitada nos relatos de Guillermo Brown. Un chelín: un tesouro. E nos anos aqueles da Filoloxía Inglesa tratei un bo pedazo ao “Chino” Facal, quen me prestara a súa colección de Discóbolo, pequena biblia hebdomadaria do pop, nacional e estranxeiro. Tivera e lera aqueles exemplares na Pensión Iglesias, tan fría, tan humidamente fría, mais foron devoltos ao seu dono. Como ten que ser.

Los otros dos miembros de la banda compostelana Los Chelines

Xoaquín "o Chino" Facal, en 1965, e Suso Vázquez San Luis, en 1967, compoñentes da banda santiaguesa Los Chelines / Cedida

O “Chino” tocaba que nindiola, e detrás da súa timidez, diría eu, agachaba todo un pedagogo. Mais o meu trato chelinesco grande é con Tito Segade, un craque da oftalmoloxía e da sabedoría baixista, craso erro dos que pensan que os porteiros, en fútbol, e os baixos, en música, eran os que non servían para outra cousa. ¡Mentira! Sen baixo non hai nada. E Paul, inmenso McCartney, non me deixará mentir. Nin Martín Sequeros, “Pekenikes”, tampouco. Grupo ao que lle debo moito, e eles a min tamén; todas as propinas que meu pai retivera no seu peto a conta dun corte de pelo que non fora senón remedo ou mofa. “¡A partir de hoy te van a dar dinero los Pekenikes!”, berrara Don Antonio Araguas, CN. Los Chelines. ¿De que Chelines me fala? Do mellor grupo pop que dera Santiago, señor. ¡Acabáramos!